A CIG sitúase como primeira forza sindical en Galicia, con 4.548 delegados

Os seus responsables veno un "aval" á "combatividade" e a aposta pola mobilización que leva adiante a central sindical. UGT suma 3.990 e CC.OO. 3.982.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2020 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

Con datos da representatividade sindical en Galicia do período electoral que finalizou o 31 de decembro de 2019, correspondente aos anos 2016-2019, a CIG alcanzou o primeiro posto como forza sindical, con 4.548 delegados fronte aos 3.990 de UGT e os 3.982 de CC.OO. Así o informaron a secretaria de Organización da central sindical, Susana Méndez, e o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, que explicaron que este resultado supón un "aval" ao seu modelo sindical, identificado con "o contrapoder" e a "mobilización" social e laboral.

Susana Méndez e Paulo Carril.
Susana Méndez e Paulo Carril. | Fonte: Europa Press

Segundo explicou Susana Méndez, a CIG obtivo o 29,34 por cento de representación, sendo ademais "a única central sindical das tres maioritarias que aumenta a súa representatividade".

Con iso, a CIG sitúase como primeira forza en representatividade nas comarcas da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra e Vigo e reafirma a súa relevancia en áreas como Cee, As Pontes, A Mariña ou O Salnés. En canto ás federacións, a CIG é a máis representativa na Administración Pública, a Construción, a Industria, a Sanidade, os Servizos ou no ensino público.

MOBILIZACIÓN E "COMBATIVIDADE"

Con estes resultados, que "enorgullecen" aos integrantes da CIG, Susana Méndez quixo agradecer "a confianza depositada" polos traballadores e puxo en valor o "esforzo" realizado desde o sindicato, que se comprometeron a manter.

"A CIG é recoñecida como a organización sindical que máis e mellor defende os intereses da clase traballadora", explicou Paulo Carril, que puxo en valor a "combatividade" e a aposta pola mobilización social e laboral que leva adiante a CIG.

"Temos a firme vontade de negociar coa Administración e coa patronal, pero esiximos que o practiquen de verdade", dixo Carril, que rexeitou ferramentas como o actual diálogo social que "practican UGT e CC.OO." e que, na súa opinión, non esta supondo un cambio real.

Neste sentido, reivindicou a derrogación de elementos como a reforma laboral, unha "lei que segue inexplicablemente en vigor" a pesar das chamadas ao diálogo social. "Non derrogala na súa totalidade supón manter o sistema", dixo o secretario xeral da CIG, que culpou a estas políticas de cuestións como a fenda salarial ou os baixos salarios e pensións que ten Galicia.

Tamén criticou a política do Goberno en materia de industria e transición enerxética, un campo no que, para chegar a unha xestión "xusta" debería "avanzarse na soberanía e na capacidade de decidir sobre os recursos propios". "O actual é máis un proceso de desmantelamento que de transición", criticou Carril. "Este resultado electoral dános un impulso para exercer a maioría e conquistar os dereitos coa mobilización", engadiu Carril.

A maiores, reivindicou, "o 5 de abril", coas eleccións autonómicas, "é a ocasión para pór fin ao PP e ás súas políticas" e realizar un "cambio histórico" ante un Alberto Núñez Feijóo "indolente e pasivo ante a destrución das políticas sociais" e industriais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta