Denuncian un aumento da presenza militar nas actividades escolares "que é contraria á cultura da paz"

Nova Escola Galega lanza un manifesto onde critica a "exaltación do valor do militarismo como mecanismo de resolución de conflitos" nas charlas impartidas por persoal da garda civil e da policía nos centros educativos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

A presenza de corpos militares e civís armados (exército, garda civil e policía española) estase a incrementar nos últimos anos nos centros educativos. Esta é a queixa unánime que veñen de transmitir un grupo de asociacións, sindicatos e organizacións relacionadas coa comunidade educativa galega.

Un garda civil imparte unha charla nun colexio
Un garda civil imparte unha charla nun colexio | Fonte: SoriaNoticias

Nova Escola Galega é quen lanza o manifesto que recolle estas reivindicacións, asinadas por CIG-Ensino ,CUT-Galiza, CNT-Compostela, STEG, Briga, Erguer Galiza, Mocidade pola Indenpendencia (Lugo), Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG) e Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy. Segundo indican, a presenza de corpos militares está ligada á "aplicación do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas".

ACTIVIDADES IMPARTIDAS POR FORZAS ARMADAS

Este relatorio promove a realización de palestras e actividades nos centros escolares por parte das forzas armadas ao redor de diferentes ámbitos: acoso escolar; drogas e alcohol; bandas violentas, racismo e intolerancia; violencia sobre a muller e discriminación; Internet e redes sociais... Tamén implica exhibicións de unidades policiais, visitas a centros policiais e concursos ou exposición de efectos policiais: armas, bólas de goma, escudos, medios de transporte...

As asociacións asinantes do manifesto aprecian "con algunha frecuencia" a "exaltación" do valor do militarismo como mecanismo de resolución de conflitos, "en contradición coa cultura da paz". Por iso, adverten de que "debe extremarse o coidado" nas intervencións de axentes alleos ao sistema educativo coa finalidade de que "non transmitan de xeito explícito ou subliminar valores militaristas, prácticas que favorezan a lexitimación da violencia, nin tampouco unha imaxe política española contraria ao recoñecemento e respecto das nacionalidades e da diversidade cultural e lingüística que configuran hoxe o Estado español".

Para iso, consideran necesario que os axentes dispoñan da cualificación de "docentes, educadoras/es sociais, pedagogas/os e psicólogas/os ou técnicos colaboradores", para evitar así a "intrusión profesional e a usurpación de funcións".

O manifesto recolle outro punto no que deixan claro que "ningunha arma ou instrumento bélico (tanques, navíos, drons bélicos, vehículos, material antidisturbios etc.) debe ter cabida nun espazo ou actividade educativa (nin como exposición nin para a súa manipulación), porque a súa presenza contribúe á normalización da violencia". 

Avisan de que este obxectivo de promover na escola un "militarismo" contrario aos valores relacionados coa resolución pacífica de conflitos, o diálogo e a cultura da paz "non é unha sospeita esaxerada": "Non hai máis que recordar como o anterior Goberno do PP planificou introducir no ano 2018 unha materia relacionada coas Forzas Armadas e os valores militares para impartir nada menos que en 1o e 2o cursos de Primaria". 

PROMOCIÓN DA CULTURA DA PAZ

 

Por todo isto, os organismos asinantes solicitan aos órganos de goberno dos centros educativos que "prioricen no posible a intervención de especialistas cualificados para o desenvolvemento de actividades educativas tan sensibles para o desenvolvemento integral da infancia galega como aquelas ligadas aos ámbitos da saúde, a convivencia, a igualdade de xénero, a prevención da violencia de xénero, a prevención da drogodependencia, os hábitos saudables, o racismo, a ética dixital ou, entre outras, a cultura de paz...". Así mesmo, consideran "totalmente desexable" o uso da lingua galega por parte destes axentes externos que imparten os procesos de formación, "na liña de normalizar a nosa lingua".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Shin Chan

Como diría mi amigo Hiroshi Nohara, todo esto es un poco baizuo.