O vento supera os 143 quilómetros por hora en Viveiro

Activado o plan por risco de inundacións ante a crecida de caudais nas concas de Galicia-Costa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

A borrasca Karine deixou nas primeiras horas deste martes refachos de vento máximas de 143,3 quilómetros na localidade de Viveiro e de 122,9 km/h en Manzaneda.

Así consta nos rexistros de Meteogalicia ata as 9,30 horas deste martes, recollidos por Europa Press, nos que se reflicte que, en municipios con altitude inferior a 900 metros, ademais do 143,3 km/h en Viveiro, o vento deixou refachos de 103,8 km/h en Ortigueira; de 101,2 en Burela e de 96,4 na localidade coruñesa de Malpica.

Mentres, en concellos con altitude de máis de 900 metros o vento alcanzou, ademais do 122,9 km/h en Manzaneda; o 116,7 km/h en Cervantes; os 98,6 en Carballeda de Valdeorras e os 94,7 no lucense de Baleira.

En canto á choiva, ata as 9,30 horas contabilizáronse acumulacións de precipitacións de 35,7 litros por metro cadrado en Vilariño de Conso; 34,2 en Pedrafita; 30,2 en Abadín e 29,2 en Vilalba, o tres municipios lucenses; así como 29 litros por metro cadrado en Fornelos de Montes e, na provincia da Coruña, 28,6 en Lousame e 28,4 en Monfero.

Este martes as baixas presións atlánticas continuarán deixando ventos fortes e ondas superiores aos cinco metros de altura no litoral norte.

Non hai paraugas que aguanten a forza do vento e da chuvia do temporal
Non hai paraugas que aguanten a forza do vento e da chuvia do temporal | Fonte: Miguel Núñez

PLAN DE RISCO POR INUNDACIÓNS

De feito, a Xunta activou o Plan Especial por Risco de Inundacións de Galicia (Inungal) ante a subida dos caudais en ríos das concas de Galicia-Costa debido ás choivas asociadas á borrasca Karine.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do Organismo Augas de Galicia, informa de que, segundo o sistema Artemis de previsión de avenidas, "espérase un incremento do caudal xeneralizado nas concas de Galicia-Costa".

Deste xeito, segundo esta previsión, recolle o 112 nas súas alertas, "poderanse superar os caudais críticos na conca do Río Umia na entrada ao encoro de Caldas, durante a mañá deste 3 de marzo".

Respecto diso, o 112 advirte nos seus avisos que "o comportamento da conca do Río Umia pode estar condicionado pola xestión do encoro". En previsión deste fenómeno, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou na noite deste luns o Plan Especial para o risco de inundacións en Galicia, "en fase de alerta", concreta.

Por iso, o 112 incide na importancia de adoptar as "medidas preventivas necesarias" e "alertar ou mobilizar os medios e recursos" oportunos.

FROTA AMARRADA

A maior parte da frota de Galicia permanece este martes pola mañá amarrada a porto a causa do temporal no mar con ondas de máis de cinco metros de altura. Segundo confirmaron a Europa Press fontes de confrarías e lonxas galegas, na provincia da Coruña non puideron saír faenar en zonas como Cariño, Fisterra, Muros e Muxía, mentres que en Laxe acudiron catro embarcacións ao mar.

Tamén na provincia de Pontevedra os barcos quedaron en porto en localidades como Baiona, Bueu e Cangas do Morrazo, onde toda a frota permanece amarrada este martes. E na provincia de Lugo, así mesmo, os barcos de pesca non puideron saír faenar debido ao mal tempo no mar en zonas do litoral como Burela, Celeiro e Ribadeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta