Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 03/03/2020 | Actualizada ás 18:35
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense desestimou o recurso presentado pola Asociación Veciñal Cultural O Muiño da Lama contra a concesión, por parte do Concello de Xinzo de Limia, de licenza de obra para instalar unha planta asfáltica na Canteira de Bouzas, no lugar de Parada de Ribeira.
Así, o fallo asegura que "é evidente que non existe afectación directa" a áreas protexidas, dado que a instalación "non se sitúa na zona de especial protección para aves ZEPA da Limia", destaca o xuíz, á vez que precisa que non "hai ningún informe que acredite afectación indirecta".
Por iso, considera que son innecesarias as avaliacións ambientais ordinarias e a autorización ambiental integrada pola presenza de produtos químicos. "Ao non apreciarse infracción neste trámite, necesariamente debe conducir á desestimación do recurso", indica.
O fallo tamén considera "evidente" que o castro e os restos arqueolóxicos próximos á instalación "non se ven afectados de ningún xeito por ela".
O xuíz insiste en que a explotación proxectada "non se atopa dentro do espazo de protección da ZEPA e, por iso, debe outorgarse a licenza de obra, como así se fixo". Ademais, resalta que, por parte dos órganos competentes da Xunta de Galicia "se valorou a existencia da ZEPA, o cal non foi óbice para que se concedese a autorización".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.