Morre un home de 74 anos tras esperar máis de media hora por unha ambulancia

O falecido atopábase a cinco quilómetros do centro de saúde de Lalín, pero as dúas ambulancias da zona estaban en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2020 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

Un home de 74 anos de idade faleceu na noite deste luns por complicacións nas patoloxías cardiorrespitarias que padecía. Fíxoo no Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde de Lalín, ao que foi trasladado por unha ambulancia desprazada desde Chantada, a 40 quilómetros de Catasós, a parroquia lalinense na que residía e á que tardou 36 minutos en chegar a dotación de Urxencias Sanitarias 061.

Segundo confirmou a Europa Press fontes de Urxencias Sanitarias 061, a central de coordinación recibiu unha chamada ás 21,09 horas do pasado luns na que solicitaban medios para atender a un home na parroquia de Catasós, a 5 quilómetros do centro de saúde de Lalín.

O paciente estaba afectado de "varias patoloxías" e presentaba un empeoramento da súa situación nas últimas semanas "de forma progresiva".

No momento da chamada, que se produciu cando xa non estaba en funcionamento o vehículo de apoio do 061 para a zona, as dúas ambulancias que prestan servizo na comarca --unha con base en Lalín e a outra en Silleda-- atopábanse trasladando a pacientes ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), polo que a central das emerxencias mobilizou unha ambulancia de soporte vital básico de Chantada por ser a máis próxima.

A ambulancia chegou ao domicilio do falecido 36 minutos despois de recibir o aviso, como recoñece Urxencias Sanitarias 061, que apunta que, desde o momento da chamada, un médico coordinador especialista en urxencias atendeu o paciente.

Segundo o 061, ás 21,16 horas, infórmase desde a chamada de que o estado do paciente empeorou, polo que pasa a considerarse unha situación de emerxencia sanitaria. A ambulancia chegou ao lugar ás 21,35 horas e procedeu ao traslado do paciente ao PAC de Lalín, onde faleceu ao fío das 22,00 horas por complicacións no seu cadro.

O Sergas asegura que o paciente foi atendido por un equipo completo de médico e persoal de enfermaría na PAC de Lalín, que, na noite do luns, contaba cunha "dotación completa" de persoal, composta de dous médicos, dous enfermeiros e un traballador de servizos xerais.

Traballadores de ambulancias do 061
Traballadores de ambulancias do 061 | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta