As vítimas do Alvia cuestionan a Feijóo por suxerir rebaixar a seguridade das obras do AVE

A plataforma baséase nas acusacións de Ábalos ao presidente galego e pídenlle que o aclare. "Parece que os réditos políticos seguen por encima da vida das persoas e que non aprendemos nada", declaran.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2020 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A Plataforma Vítimas Alvia esixiron ao presidente da Xunta que explique que hai de certo nas acusacións que realizou o martes o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, nas que asegurou que o presidente galego "suxeriu" ao seu departamento rebaixar a seguridade do AVE para acurtar os prazos.

O ministro asegurou que Feijóo "suxeriu" incorporar o sistema de seguridade ASFA no tren de alta velocidade de Galicia para acelerar a chegada, pero Ábalos incide en que o Ministerio optou polo "nivel máximo de seguridade", o sistema ERTMS.

Por este motivo, a plataforma remitiu unha carta ao presidente galego na que sostén que, se as declaracións de Ábalos son certas, causan unha "gran dor e estupor" para eles, pois "parece que os réditos políticos seguen por encima da vida das persoas e que non aprendemos nada" do accidente de Angrois de 2013.

Así, piden a Feijóo que aclare se tamén "suxeriu" en 2010 ao ex-ministro socialista, José Blanco, que realizase o cambio de proxecto orixinal do AVE Ourense-Santiago, que supuxo suprimir o sistema de seguridade ERTMS na curva, o "tramo máis perigoso", para "acelerar prazos". Ademais, ás vítimas do Alvia "gustaríalles saber" se o presidente galego "tivo algo que ver" coa desconexión do sistema ERTMS en 2012 antes da curva de Angrois, porque "xeraba atrasos no AVE".

PIDEN UNHA INVESTIGACIÓN INDEPENDENTE

A plataforma insiste en que "os peritos expertos e a UE" sinalaron que se este sistema de seguridade ERTMS estivese operativo en Angriois, non habería "en Galicia os 80 mortos e 140 feridos" que supuxo o accidente. "O sistema ASFA non é un sistema de seguridade, senón un sistema de axuda á condución que proporciona unha protección moi limitada", engadiu.

As vítimas do Alvia reclaman a Ábalos "impulsar que se poña en marcha unha investigación técnica independente" sobre o accidente de Angrois, "tal e como suxeriu a UE en reiteradas ocasións". Pediron tamén que "deixen de utilizar os prazos como arma política arreboladiza e de inmiscirse en consideracións técnicas", porque "non podemos permitir que se siga xogando coa vida das persoas".

Vía do AVE a Galicia. ADIF - Arquivo
Vía do AVE a Galicia. ADIF - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta