5 de abril, Domingo de Ramos

“Eu pra min, as premoniciós haber hainas, mais dixérase que “agardan” que se produzan certos feitos pra manifestáranse”. (Terra brava, Anxel Fole).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 05/03/2020

Comparte esta noticia
Eran outros tempos. Aqueles si que eran Domingos de Ramos! Sempre aderezados con porfiosas competicións, a ver quen levaba o ramo máis rechamante. Nunha ocasión, disposto a impresionar á freguesía, o Ricardo do Camba presentouse cunha enorme taloira de loureiro, máis longa có pendón das procesións, case decotada ata a punta, onde lle espetara a carola dun nabo que lucía varios grelos floridos. 
 
Nesa cerimonia, ideada pola Igrexa para pórlle fin á Coresma, o ruxerruxe das follas e o aroma do loureiro verde eclipsaban os rancios e repugnantes cheiros a cera queimada, a incenso, a chamusco... a decadencia, en fin. Eran tempos nos que os curas oficiaban en latín e de costas cara a xente, condenándoa a escoitar e soportar as súas aborrecidas andrómenas, agás naqueles instantes de alivio, nos que a mocidade –e outros que non eran tan mozos– aproveitaban o barullo, mesmo para darlle estopa a aqueles piadosos desprecavidos, prestos a escoitar lerias inintelixíbeis. Das lombeiradas nin sequera se salvaba o cura, por atreverse a ir tan campante polo corredor central, sacudindo o hisopo a destro e sinistro. Nin o sancristán, por papaleisón.
 
Os de agora son tempos de mudanzas. Mais, vista a angostura da canella pola que nos enfían os medorentos a trepar polo descampado, obsesionados en apertar as costuras contra os matices e as compañías necesarias, todo parece indicar que os da alternativa política van ter que aprazar sine die o seu ansiado Domingo de Ramos. E iso talvez aconteza, non polos acertos do señor dos Peares, senón pola teimosía dos outros en perpetuar a Coresma, pretendendo que confundamos o Mércores de Cinsa co Enterro da sardiña, polo simple feito de cadraren no mesmo día, e así permitir que sigamos facendo do xaxún e da abstinencia a nosa forma de vida.   
 
Ah! O meu tío Lisardo sospeita que Feijoo si celebrará o Domingo de Ramos, saboreando outra maioría, a cabalo da nosa burremia irredenta, portando a palma de plexiglás, chea de abelorios, que lle serviu para embobarnos tantos anos seguidos. Mais, como non hai mal que por ben non veña, é probábel que dentro duns meses a leve canda el, se decide deixarnos plantados para mudarse á capital do reino..

Votación en urna
Votación en urna | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.