O delegado do Goberno apela ao papel da sociedade civil para erradicar a violencia machista

Procedeuse á lectura dun manifesto co que se inician as actividades con motivo do Día da Muller.

Por E.P. | A CORUÑA | 06/03/2020 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apelou a erradicar "todas as formas de discriminación e violencia" sobre as mulleres, no acto celebrado pola Delegación do Goberno con motivo da conmemoración o domingo do Día Internacional da Muller.

Na lectura dun manifesto, insistiu en que a construción de "unha sociedade libre e xusta esixe a erradicación de todas as formas de discriminación e de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo".

Ao fío diso, incidiu en que o Goberno reforzou a súa "aposta lexislativa por alcanzar a plena xustiza", e de aí, segundo sinalou, o lema escollido polo Executivo este ano é 'Libres', para revalidar "o seu compromiso co feminismo".

Por outra banda, Javier Losada subliñou o papel da sociedade civil para defender a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Tamén denunciou a represión e incomprensión que seguen sufrindo estes colectivos en todo o mundo polos que "non son capaces de ver o evidente: que nacemos e crecemos en igualdade de dereitos e que todos debemos ter as mesmas oportunidades e os mesmos recursos".

No acto, o delegado do Goberno estivo acompañado pola subdelegada na Coruña, Pilar López-Rioboo e por representantes de asociacións feministas, sindicais e do sector público que quixeron sumarse a esta conmemoración.

ACTOS CONMEMORATIVOS DO 8 DE MARZO

Ademais da Delegación do Goberno en Galicia, este venres procedeuse á lectura da mesma declaración nas subdelegacións provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra. Así mesmo, en Ourense organizouse o acto 'Mulleres en pé de Igualdade'.

A próxima semana, as actividades arrincan o mércores, 11 no salón de actos da Axencia Tributaria en Lugo, cunha mesa de debate sobre 'Mellora das condicións da muller no mercado de traballo'. Ademais, a Delegación do Goberno acolle o xoves outra titulada 'Influencia do novo Salario Mínimo Interprofesional no mercado laboral feminino'.

Ese mesmo día, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra celebrará a mesa debate 'Propostas para a mellora das condicións das mulleres no mercado de traballo'.

O delegado do Goberno, Javier Losada, preside a lectura dun manifesto con motivo do Día Internacional da Muller. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, preside a lectura dun manifesto con motivo do Día Internacional da Muller. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta