Segue grave o octoxenario ingresado na UCI e estables os outros dous hospitalizados

A Xunta está pendente de nove novos casos en estudo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

O home de 81 anos con patoloxías previas con positivo por coronavirus ingresado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) permanece na UCI con prognóstico grave, mentres que seguen "estables dentro da gravidade" os dous pacientes hospitalizados con positivo na Coruña e Vigo.

Así o confirmaron a Europa Press fontes hospitalarias, que explicaron que no Chuac permanece, ademais do octoxenario ingresado con positivo por coronavirus, o primeiro paciente confirmado con Covid-19 en Galicia, que segue "estable dentro da gravidade" ingresado nunha planta convencional.

Pola súa banda, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo permanece na UCI "estable dentro da gravidade" o home de 43 anos de idade hospitalizado co virus e cuxa muller e o fillo desta tamén foron confirmados con positivo.

Actualmente en Galicia, a Consellería de Sanidade confirmou seis casos positivos en Galicia, catro en Vigo --tres dunha mesma familia e o cuarto con vínculo estreito con ela-- e dous na Coruña --sen relación entre si--. Fontes hospitalarias sinalaron a Europa Press que os outros pacientes con coronavirus confirmado en Vigo --unha nai e o seu fillo e unha persoa con vínculo con eles-- continúan con vixilancia domiciliaria e evolucionan ben.

EN ESTUDO

Pola súa banda, polo menos nove casos seguen en estudo en Galicia. En concreto, na Coruña hai sete pendentes de confirmación. Cinco deles teñen un vínculo epidemiolóxico cun dos positivos confirmados nesta área, un home de 81 anos, e outros dous casos carecen de vínculo epidemiolóxico entre eles nin con ningún dos positivos, segundo indicou a Consellería de Sanidade, que investiga os contactos para previr novos contagios.

Mentres en Ourense, Sanidade ten pendente de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbioloxía un caso importado que deu positivo nunha primeira proba. Corresponde a unha muller de 35 anos que imparte clases no colexio dos Salesianos da cidade das Burgas, que regresou hai uns días de Venecia. Non presenta sintomatología e permanece ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense.

A eles súmase un noveno relativo a un home que este domingo ingresou no Hospital Montecelo de Pontevedra e do que Sanidade remitiu ao Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid as súas probas para confirmar se presenta a infección por coronavirus.

Coronavirus
Coronavirus | Fonte: diariojuridico.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta