Temas: CCOO OURENSE

Denuncian unha "encomenda pantasma" sen convocatoria pública no servizo de prevención de incendios en Ourense

A Xunta sostén que forman parte dos estudos previos a elaboración da futura lei de prevención e que non modifican a xornada laboral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

O sindicato CCOO denunciou este luns unha "encomenda pantasma" de funcións sen convocatoria pública no servizo de prevención de incendios na provincia de Ourense que asegura que "lembra ao máis vello estilo baltariano".

Brigada sobe a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer.
Brigada sobe a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer.

CCOO sostén que non dispoñen de información sobre os criterios da encomenda da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na provincia nin as xefaturas de distrito, nin o comité de empresa nin a xunta de persoal.

En concreto, CCOO sinala que Medio Rural lles fixo unha encomenda de servizos a "cinco ou seis persoas" que foron apartadas "provisional e discrecionalmente" dos seus postos de traballo, ás que asignou outras tarefas sen que os órganos de representación dos traballadores teñan coñecemento oficial.

"O que si se sabe é que se lles habilitou unha oficina nas instalacións do Concello de Toén, á que acoden ocasionalmente", apunta a organización sindical que censura que non se coñezan os criterios polos que foi seleccionado o persoal. Por iso, considera que se trata dun "auténtico chiringuito", montado con "escurantismo" e "saltando as máis elementais normas que rexen a provisión de postos na función pública galega".

RESPOSTA DA XUNTA

Preguntadas respecto diso, fontes da Consellería do Medio Rural informaron de que a Xunta realiza diferentes estudos para mellorar a formación e operatividade do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais en Galicia, no ámbito do Plan de Medios a medio e longo prazo que anunciou o conselleiro na súa comparecencia parlamentaria.

Estes estudos, conforme indican estas fontes, son previos á posta en marcha dos grupos de traballo que se configurarán no servizo para a elaboración da futura Lei de prevención e extinción de incendios de Galicia, así como a dotación do referido plan. Estes grupos, indicou, serán coordinados pola universidade galega coa que a Xunta asinou recentemente un convenio.

"Dentro dos traballos preparatorios, e de cara a unha mellora substancial na formación do persoal do servizo, a Consellería do Medio Rural constituíu un grupo interno de traballadores que tivesen iniciativa e experiencia no dispositivo, co fin de que puidesen facer achegas neste ámbito", apuntou estas fontes.

Medio Rural lembrou que o artigo 39 do Estatuto dos Traballadores, sinala que a Xunta poderá acordar mobilidade funcional dos traballadores cando si o xustifiquen razóns técnicas ou organizativas.

Por iso, apunta que esta encomenda, que ten un período determinado (13 de febreiro ao 20 de marzo) non supón ningunha modificación da xornada laboral destes traballadores, nin das súas retribucións. Ademais ten un carácter voluntario.

Temas: CCOO OURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta