Recollidas máis de 200 aves mortas polo verquido de petróleo dun barco ao mar

Adega pide que se investigue a orixe deste "sentinazo" que afectou, sobre todo, a aves das zonas do Grove e da Costa da Morte.

Por Galicia Confidencial | Carnota | 10/03/2020 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Adega estima en máis de 200 as aves mortas aparecidas nas cotas galegas por un verquido de petroleo dun “sentinazo” no mar, probablemente, dun buque que cruzou as augas galegas.

Segundo as investigacións realizadas por esta entidade e por Hábitat, nos últimos días rexistráronse un total de 219 aves acuáticas afectadas claramente polo vertido ou posible “sentinazo” producido fronte as costas galegas, aínda que tamén se atoparon outras 76 aves mortas, mais sen información concreta de manchas, polo que a súa morte non se pode vincular claramente co vertido.

Das 219 aves vinculadas co vertido, 188 apareceron mortas e presentaban manchas dalgún aceite ou fuel. A maioría (136) atopáronse na costa da Coruña e 52 en Pontevedra. Das aves mortas, o 91% foron araos papagaios (Fratercula arctica), especie considerada vulnerable pola IUCN e que, nesta época, son especialmente sensibles, xa que están a mudar plumaxe e non poden voar. Esta circunstancia, posiblemente, explique o destacado número de baixas que sufriu esta especie debido ao actual episodio de contaminación mariña. Das preto de 300 aves rexistradas, 31 estaban vivas e con manchas dunha substancia oleosa, por determinar.

Aves petroleadas, mortas por un verquido de fuel ou petróleo ao mar, coñecido como sentinazo
Aves petroleadas, mortas por un verquido de fuel ou petróleo ao mar, coñecido como sentinazo | Fonte: Adega

COSTA DA MORTE E O GROVE, AS ZONAS MÁIS AFECTADAS

O litoral da Costa da Morte e do Grove semella ser o máis afectado polo vertido, xa que as praias onde se atoparon máis individuos afectados foron areais dos concellos de Porto do Son, O Grove, Carnota, Ribeira, Muxía, Muros, Nigrán, Malpica e Sanxenxo. “En canto ás substancias vertidas que se detectan nas aves recollidas, obsérvanse 3 tipos: unha substancia sólida branca similar á parafina ou a un produto químico, unha substancia oleosa alaranxada e fuel  negro”, recolle o informe das entidades ecoloxistas.

Á vista dos resultados, o informe conclúe que o número de aves afectadas tende a aumentar e chama a atención sobre a aparición de aves manchadas ou impregnadas con fuel tamén nas costas de Asturias e Portugal.

RESPONSABILIDADES

Por iso, esta entidade pide que se clarexe o antes posible a orixe e alcance do vertido causante deste desastre ambiental. Neste senso, ADEGA vén de solicitar ao Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño en Galicia), dependente da Xunta, e a Salvamento Marítimo, dependente do Ministerio de Transporte, que investiguen esta situación.

Neste sentido, lembran que cos datos aportados da aparición das aves e a análise doutros parámetros relacionados cos ventos, as mareas e os buques que circularon fronte as costas galegas nos últimos días, “sería relativamente sinxelo determinar a orixe do posible vertido ou sentinazo” que provocou a morte de centos de aves abeiradas no noso litoral. “Ttivo que ser novamente a cidadanía organizada a que realizase de forma voluntaria e altruísta os labores de rexistro e recollida das aves afectadas para a súa recuperación sen, por certo, ter recibido en ningún momento o apoio dos organismos competentes”, denuncia.

Por outra banda, critica que este novo capítulo de contaminación mariña está a deixar de manifesto que o silencio e a opacidade informativa “continúa a ser a política de comunicación” tanto da Xunta como do Estado, ante este tipo de catástrofes naturais. “Lamentamos que, tras 17 anos do accidente do Prestige, aínda non se teña desenvolto unha política informativa sobre os casos de contaminación mariña máis clara e transparente coa cidadanía e que apenas se teña avanzado nos mecanismos no control, vixilancia e seguimento dos buques e barcos que pasan fronte as nosas costas”, indica nun comunicado.

Así, denuncia que o recente feito tamén revela a ineficacia do protocolo de continxencia existente fronte este tipo de situacións, que “non ofrece garantías de control nin de seguimento dos posibles casos de sentinazo ou de episodios menores de contaminación por hidrocarburos no litoral galego”. Por iso, pide que se revisen os plans actuais para establecer medidas de control, inspección e vixilancia máis eficaces para aqueles casos nos que a contaminación mariña proceda das descargas ou liberacións ilegais no mar de sentina dos tanques dos barcos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta