Xurxo Hervada, sobre o coronavirus: "Non tememos un colapso das Urxencias, pero estamos preocupados"

O subdirector xeral de Información sobre Saúde considera que Galicia non vai á cola doutras administracións en canto medidas que aplican contra o coronavirus. Sobre os riscos laborais do persoal sanitario, confirma que o material entregado vai en función do risco de exposición e descarta descoordinación. Di que non hai probas que detecten os casos asintomáticos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/03/2020 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

-Cantos casos hai agora mesmo en Galicia e a que centros sanitarios están circunscritos?
Temos dezaoito casos confirmados. Hai un en Ourense confirmado que viña de fóra, unha profesora que viaxara a Venecia sen casos secundarios. Temos dous focos importantes, o primeiro o de Coruña e logo temos o de Vigo, que provocou casos entre familiares. Tamén hai casos soltos como un de Coruña que viña de Madrid e que de momento non deu lugar a ningún outro caso secundario. Pola investigación realizada sobre os casos puntuais de Ourense e Coruña, sobre o historial de viaxes realizadas por estas persoas, parece ser que foi neses territorios onde se puido producir o contaxio.

Xurxo Hervada
Xurxo Hervada | Fonte: CRTVG

Os casos de Coruña e Ourense non produciron casos secundarios

-Tamén se ten falado dos posibles casos asintomáticos que se poden dar dentro da poboación. Estase facendo algún seguemento de posibles individuos asintomáticos?
Non, a nivel asintomáticos de momento non hai seguemento. Hai datos que veñen de China de que pode haber casos semellantes, non en grande número, ou casos paucisintomáticos con poucos síntomas mais con certa capacidade de transmisión. Non obstante, non hai unha proba que permita detectalos. A mellor maneira de investigalos é mediante unha proba edrolóxica, mais aínda non hai unha proba validada para detectar casos asintomáticos. As probas están enfocadas para persoas con síntomas.

Non hai unha proba que permita detectar casos asintomáticos

-Teñen previsto medidas como peche de centros educativos como se fixo en Madrid?
Non se pode desbotar. Depende da situación como comentaba o conselleiro Almuíña en referencia ao ministro de Sanidade, o que buscamos é unha actuación coordinada a nivel do Estado e ante situacións similares, poñer en práctica medidas similares. Mais nestes momentos a situación de Galicia é diferente ao de País Vasco ou Madrid. A situación vaise analizando e se vai mudando cada día, entón se hai variacións, habería que tomar esas medidas. Neste momento non, mais a situación pode mudar.

-Sobre o centro social de Feáns, na Coruña, onde se detectou un foco e onde asistiron varias persoas. Todas elas están localizadas?
Si, se non todas, gran parte. Pode haber visitantes ocasionais. O centro ten un rexistro das visitas que se fan a ese centro, sobre todo de usuarios habituais. Esas persoas están contactadas. Tamén se investiga se tiñan acompañantes ou estaban con outras persoas. A lista podería ampliarse, mais todos os usuarios do centro están informados das recomendacións que deben seguir, ante calquera síntoma contactar co 061. Tamén hai casos cos que se contacta todos os días para confirmar que seguen ben e seguen as recomendacións indicadas.

Buscamos unha actuación coordinada a nivel do Estado e ante situacións similares, poñer en práctica medidas similares

-Algúns sectores profesionais da sanidade din sentirse pouco protexidos coas medidas de protección individuais, EPIs, sobre todo desde o sector dos celadores, que piden máscaras máis fortes.
Hai uns protocolos establecidos que recomendan para cada nivel de exposición un determinado equipo de protección. Realmente na maioría das prácticas que poden facer os celadores, o equipo que se lles entrega non inclúe unha máscara FCP2, non tería sentido. Entendo que haxa preocupación e que estamos nunha situación de medo. As medidas hai que tomalas segundo o nivel de exposición e está establecido así nos protocolos do Ministerio, da OMS e desde aquí seguimos eses protocolos.

-Temen o colapso das urxencias?
Non, mais si é unha preocupación. Manexar a sobrecarga asistencial que podería ocasionar unha onda por causa deste virus, implica que non provoque que a calidade da atención se deteriore. Aí é onde entran en vigor as medidas de aillamento social que buscan atrasar ou evitar a difusión do virus, por tanto, que o sistema sanitario sexa capaz de manexar a situación. Tamén será importante a concienciación de todos nós, para poñer da nosa parte seguindo as recomendacións para que o virus circule moito menos.

Non tememos que as urxencias colapsen, mais si é unha preocupación.

-Fontes sindicais apuntaron que a reacción das autoridades sanitarias de Galicia foi moi lenta.
Os casos detectáronse aplicando os protocolos e foron coñecidos grazas á aplicación dunha definición moi ampla de “caso”. Se se aplicara de maneira moi literal ou estreita non se detectaría porque non cumprirían todos os criterios de caso. Desde xaneiro estamos coordinados co Ministerio, tendo reunións  e vídeo conferencias periódicas, tanto para a definición de protocolos e de casos así como do seu manexo. Chegar cedo ou tarde pode ser unha interpretación subxectiva. Este virus coñeceuse en China o 31 de decembro de 2019, por iso digo que é moi atrevido dicir que, dous meses despois, que calquera administración está chegando tarde. Nós estamos seguindo as decisións que se toman de maneira coordinada dentro do Estado. Non sei como se pode dicir que se vai detrás doutras administracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 e 3

Os voos chegaron dos países infectados e nin sequera se levou a temperatura aos pasaxeiros. Permitíronse eventos colectivos propios do contaxio, como maratóns, encontros de fútbol e baloncesto e moitos outros mitins DE VOX (E DE TRACA INFECTARIAS A MILLEIROS). Moitos de nós sospeitan que non se prohibiron as concentracións porque o día 8 debemos exhibir un espectáculo masivo de "feminismo" ao lume.

2 E dous

China, co seu drástico esforzo contra a epidemia, mostrounos o camiño e deunos unhas semanas de vantaxe para prepararnos. Entón Italia amosounos o que estaba a chegar. Pero en España, por medo a perder votos a medida que a economía entrou en recesión, non se tomaron medidas e o goberno simplemente repetiu como papagaio que a sanidade pública española é unha das mellores do mundo e está preparada para afrontar á epidemia.

1 e UN

Torpeza e covardía do goberno español contra o coronavirus España é un dos países do mundo que está a xestionar a peor crise do coronavirus. Os expertos escandalízanse porque a política media as decisións en materia de seguridade e saúde pública, moitas veces absurdas, estúpidas e irracionais. O goberno teme tomar medidas drásticas porque perdería votos e apoio popular e está sendo indeciso e suave. En lugar de defender aos cidadáns contra a infección con toda a súa forza e recursos, a súa cobardía e torpeza están a axudar a que a infección se estenda, abrindo as portas ao desastre.