A presión das redes sociais consegue que un enfermo en Pontevedra sexa operado logo de semanas ingresado

Mario Iglesias deu a coñecer o seu caso nas redes sociais despois de ver que o seu caso non estaba sendo atendido para unha operación.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 10/03/2020 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia


O doente ingresara por unha estraña dor sobre a clavícula esquerda. No hospital Montecelo viron que se trataba dun bulto que tiña unha bulsa de pus. O día 2 de xaneiro ingresou no hospital, onde vinte días despois lle deron a alta cun tratamento de antibióticos.

O doente Mario Iglesias Torres, nunha imaxe de Facebook.
O doente Mario Iglesias Torres, nunha imaxe de Facebook.

Ao pouco tempo a dor reproducíuselle e o tamaño da infección aumentara. Volveu ao hospital Montecelo onde se decidiu que era necesaria unha intervención cirúrxica, mais o centro hospitalario pontevedrés non dispuña do equipo humano e técnico para levar adiante a intervención.

Así, desde o seu novo ingreso, Mario Iglesias estivo esperando que algún centro hospitalario aceptase levar a diante a intervención requerida para o seu caso. Desta maneira pasaron tres semanas en que a espera fixo que o seu caso saltase ás redes sociais.

Postos en contacto con Mario Iglesias e logo de facerse viral a información aparecida en Facebook sobre o seu caso, o ingresado comunicou que recibira a noticia de que entre mañá mércores e o xoves día 12 de marzo, sería enviado ao Centro Hospitalario Universitario de Santiago para a operación.

Pola súa banda, desde o servizo de prensa do Hospital de Montecelo, din non ter información algunha ao respecto e esperan que se confirme esta noticia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta