"Para gañar ao PP toda a esquerda debe unirse"

GC volve a entrevistar a Carlos Neira, o especialista que advertiu que, malias as enquisas, non se daban as condicións sociolóxicas para un cambio de goberno. Como AGE pode conservar o seu electorado, a onde foron os votos do PSOE e as causas da caída do BNG son algúns dos temas desta conversa.

Por Walter Burns | Santiago | 23/10/2012 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

É certo que o analista de enquisas Carlos Neira Cortizas tampouco acertou de todo coa súa previsión (PP 39-41 PSOE 18-21 BNG 8-11 AGE 6).  Iso, este consultor acertou moito máis que a maioría das enquisas, que situaban ao PP moito máis preto da barreira dos 38.

Carlos Neira Cortizas
Carlos Neira Cortizas

Neira si deu de pleno cando, unha entrevista no GC, advertiu que os barómetros soen dar menos representación aos 'populares' da que logo logran os conservadores finalmente, e máis do que finalmente logra o BNG.

Para deitar algo luz sobre os resultados, sorprendentes polo menos a nivel do que prevían os barómetros, volvemos a charlar co especialista:

Na campaña vostede preveu que, malia o axustado de moitas enquisas, non se daban as condicións necesarias para un cambio de goberno.

As enqusisas non estaban tan axustadas como uns e outros, en razón dos seus intereses, preferiron divulgar.

Acertou e o PP subiu en escanos malia perder votos. Gañou o PP as eleccións ou perdeunas a oposición?

As dúas cousas que di son certas. Gañounas a dereita e perdeunas a esquerda. Non vou entrar a facer un reparto de méritos ou deméritos, ambas por igual. Para o PP non era doado planificar unha campaña e trazar un bo relato sen ningunha bagaxe real que vender. Nin a solvencia e a xestión económica e financeiras son como os pregoou, á vista dos informes do Consello de Contas, nin os precontratos para presentarse a un concurso aínda non convocado da PEMEX, nin a errada e tardía fusión de concellos son ideas que teñan credibilidade.

En que acertou?

Tivo acertos notables. O primeiro foi o propio adianto electoral, perfectamente calibrado unha vez constatada a tempo a paulatina perda de apoios desde ese teito dos 43 escanos virtuais que chegou a ter durante a finada lexislatura. A diferenza de Touriño en 2009 o PP amosou estar ben asesorado en materia demoscópica, amosando a súa capacidade de análise, reacción, medios e execución dos que carecera o bipartito e no presente toda a esquerda galega.

O segundo foi o ataque medido e desmedido a un tempo a todo o que supón a nacionalidade histórica en Galicia, á cultura e á lingua galegas, ao feito diferencial, á Autonomía en definitiva. Con esa política logrou mobilizar en 2009 un electorado urbano e de identidade máis española que galega, e conseguiuno manter até hoxe sen ceder electorado pola dereita ou polo nacionalismo español nin a SCD nin a UPyD. Ademais este obxectivo político está máis en liña co proceso de fondo de recentralización do Estado e de simplificación da Administración que trala crise demanda a cidadanía, sen que en fronte a esquerda fose quen de artellar, até hoxe, un discurso alternativo que permita pór en valor o grao de descentralización e autonomía política que ten Galicia na actualidade.

Logo está a cuestión da operación Pokémon. A menos que queiramos crer que a súa explosión na precampaña foi casualidade, claro.

E que lle pasou á oposición?

A oposición pola súa banda non existiu. Estaba KO desde 2009 e tanto PSOE como BNG preferiron pechar as súas crises en falso. O PSOE coma sempre, dependendo de Madrid, esperou a recibir nas xerais a constatación do fracaso, derivado do seu abandono total do ideario socialdemocrata e federalista. O BNG, nomeadamente os sectores críticos que hoxe están fóra, apostaron por non abordara a grave crise do proxecto político do nacionalismo naquela esperpéntica Asemblea Nacional de 2009. De terse producido antes a ruptura do BNG e clarificarse a oferta política da esquerda galega quizá hoxe poderíamos estar falando dunha derrota do PP.

En plena crise, despois de caer en Asturias e Andalucía, co rescate sobre as cabezas dos cidadáns ... vai Feijóo e sube cinco deputados. Que factores sociolóxicos cre que explican que o PP galego aguantase tan ben nunha situación tan crítica? A crise levouse por diante a case todos os gobernantes  ...

Antes que factores sociolóxicos, dos que me nego a falar para non caer nos mesmos discursos derrotistas e exculpatorios que certa esquerda fai despois de todas e cada unha das súas derrotas, eu destacaría os factores sociopolíticos. Fundamentalmente que non había alternativa ao PP de Feijóo, e que, a pesar do gran resultado de Alternativa, segue sen habela.

Para derrotar á dereita en Galicia fai falta ou unha fronte popular con toda a esquerda unida fronte ao PP, aceptando uns, outros e aqueloutros que o seu centro de gravidade está -e os resultados de onte así o demostran- nunha marca galega de centroesquerda e autonomista, ou ben, e con máis dificultades, que a segunda forza política e primeira da esquerda estea en plena forma, contando con apoios en Madrid e gobernos na maioría dos principais concellos. Non era este último evidentemente o caso do PSOE. E de momento AGE segue sendo terceira forza en Galicia, aínda que acadara xa a segunda posición en varias cidades.

A onde foron tantos sufraxios que se deixou o PSdeG? A AGE ou quedaron na casa?

A falta de profundar na análise dos resultados entendo que a AGE recibiu a maior parte dos seus votos de entre os descontentos coa falta de alternativas na esquerda, e entre os antigos votantes do PSOE en particular. Tamén recibiu obviamente votos do BNG, pero a análise municipal dos resultados amosa que as maiores caídas do PSOE coinciden coas porcentaxes da AGE en maior medida que coas do BNG, que tamén. Non se pode ocultar que o proceso é en boa medida análogo ao das subas de IU a custa do PSOE en España. Eses votos proceden do terzo máis esquerdista e galeguista do electorado do PSOE. Ademais a participación caeu menos onde a AGE obtivo mellores resultados, nomeadamente na Galicia máis urbana e na circunscrición coruñesa, polo que en calquera caso a relación de AGE coa abstención é que tendeu a reducila e non a aumentala.

Na esquerda o gran vencedor é Alternativa Galega de Esquerdas. Como é socioloxicamente o electorado de AGE?

Non podemos adiantar as características sociolóxicas do electorado da AGE até que se fagan estudos postelectorais. Só temos indicios derivados da distribución territorial do seu voto, concentrado na Galicia máis urbana e menos envellecida.

E que debe facer AGE para manter estes sufraxios?

En canto ás súas características sociopolíticas as transferencias de voto que recibiu AGE permiten pór en dúbida que sexa quen de fidelizar o electorado gañado ao PSOE ou de sumar máis se manteñen o discurso antisistema e de aspiracións soberanistas. Non dubido que o horizonte socioeconómico reforzará aínda máis os sentimentos de cabreo da poboación e de voto á contra, pero non creo que iso sexa sostible no medio e longo prazo. A poboación pode querer unha transformación do sistema pero esta debe ser gradual para poder ser asimilada pola maioría.

Se a AGE continúa como proxecto unitario, tal e como prometeron os seus integrantes, debaterase entre optar a seguir crecendo polo centroesquerda ou polo nacionalismo á deriva do BNG. Se aposta por ambas cousas a un tempo, esa estratexia tan fructífera para irromper no panorama político e no Parlamento nun momento de horas baixas dos seus rivais, probablemente sexa contraproducente para medrar máis no futuro e cando os demais collan folgos, porque hai fortes incompatibilidades de ideas e proxecto político a un lado e a outro de onde están agora.

Algunha alternativa a este nudo gordiano?

A idea da fronte ampla que propuxeron nun inicio pode servir para seguir avanzando na construción dunha fronte popular contra o PP, segurando o programa de mínimos que asinaron e evitándolles clarificarse ideoloxicamente sobre as cuestións do sistema e do federalismo. Pero terían que propoñerlla a PSOE e BNG desde xa.

Beiras pasou de iniciar a campaña a rentes de quedarse fóra do Parlamento, o CIS dáballe 0 ou 1, a lograr 9 e pasar ao Bloque. Logrouno sen presenza nos espazos minutados dos medios públicos. Que peso tivo neste avance a campaña de Beiras nas redes sociais e na internet?

O CIS nin preguntou por Anova e Beiras e só o fixo por IU porque aínda non estaban formalizadas as candidaturas. Eu estimo que a 2 meses das eleccións IU tiña garantido o escano de Yolanda Díaz pola Coruña. Todo o demais devén da coalición e da campaña electoral.

E como influíu Internet?

En canto á importancia das redes sociais, para min tivo moita menos da que se lle acostuma dar desde o ámbito dos medios de comunicación e por suposto da propia Internet. As redes sociais alcanzan aos círculos máis próximos da xente xa convencida, aos máis próximos aos focos de emisión das mensaxes. E no caso de IU e de Anova estes círculos eran, e seguen a ser se falamos de afiliados en relación ao resultado electoral, bastante reducidos.

A valoración tan diferente dos debates televisivos que se observou nas enquisas profesionais e nas non profesionais feitas na internet, amosan a discordancia entre ambos mundos. Se ademais diso recoñecemos o éxito de V televisión coa súa entrevista a Beiras, o que se demostra é que aínda pesan máis os medios de comunicación tradicionais que os dixitais.

A campaña de AGE nas redes sociais, Twitter e Facebook, foi efectiva, sen dúbida ningunha, pero o éxito débese máis ao liderado de Beiras fronte á carencia de liderado no PSOE e no BNG, e á retroalimentación da internet cos medios tradicionais. Na miña opinión a comunicación realizada en Twitter por @xmBEIRAS seguiu sendo unidireccional, con escasa interacción cos e cas cibernautas, que tampouco buscaban precisamente interpelar e debater, senón ánimo e adhesión incondicional. Tamén houbo demasiada profusión de publicacións para o que dictan as normas dun bo plan de comunicación en internet. Pero como se tratou de remexer emocións, sentimentos e ilusións, e de compensar o silenciamento nos medios tradicionais, o traballo logrou o seu obxectivo.

O pobre resultado de Compromiso x Galicia, demostra que non hai espazo significativo para un galeguismo que non sexa moi marcadamente de esquerda?

Non é só o fracaso de CxG. Foi tamén o de todas as forzas que sendo de centrodreita ou dereita, ou que lle fixeron descaradamente as beiras ao poder caciquil local, fracasaron coma eles antes que eles, tanto cun PP forte como cun PP feble. CxG non apostou nunca por situarse no centroesquerda galeguista, recollendo a mellor tradición dun PSG-EG por exemplo, onde poderían ter optado a recibir o electorado descontento do PSOE. Pero erraron de plano na súa estratexia, e careceron dun liderado claro. Foi un fracaso das persoas que planificaron e lideraron esta organización. O facer as beiras a todo canto centrodereita -ou dereita pura e dura- había en Galicia fóra do PP acabou por desdebuxar o baixo perfil ideolóxico que xa posuía a heteroxénea Máis Galliza. Contra o que se opinou onte, dubido que teñan percorrido se non se desfán dos seus ideólogos e de todo o que haxa do centro para alén.

GC apunta a que a suma de PSOE, AGE e BNG vence ao PP nas sete cidades. É isto un cambio respecto ao pasado?

Coa crise económica aumentaron as diferenzas sociais e económicas, pero tamén as políticas. As cidades son o escenario onde sempre e sen excepción se produciron as innovacións políticas en Galicia, onde arrancan os cambios electorais nun ou noutro sentido que logo se estenden ao resto do páis, desde as circunscricións occidentais ás orientais.

O PP segue tendo nas cidades un electorado fiel e vinculado ao seu discurso e sobre todo á súa práctica ideolóxica máis dura, pero é evidente que entre as clases populares urbanas, onde a crise se deixa notar máis, foi onde retrocedeu en maior medida.

A suma que cómpre facer é a de PSOE+AGE+BNG. O reto é que estas tres forzas queiran efectivamente gañar ao PP para poder levar a cabo outras políticas diferentes. Pero non as que proclaman cada un, senón a que mellor representaría ao conxunto. Para iso teríamos que ver ao PSOE  galeguizarse, á AGE sendo quen de consolidar un proxecto novo e transformador nas beiras do sistema, e ao BNG facendo por fin autocrítica e abandonando as nubes para pór os pés na terra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 57 comentarios

13 Comunista

Seguir valorando as eleccións da burguesía, é facer apoloxía da sua intoxicación, incultura política, e inmadurez social as que están sometidas as masas. Da vintena de formacións presentes nas eleccións, só 4 ou 5 tiñan posibilidades económicas de ser coñecidos ou elexidos. É vergoñento que para ser alguén teñas que gastar millóns de euros en propaganda. Ter un aparello propagandistico ou alugalo et. É unha "democracia" censitada coma as do século XIX. Só teñen posibilidades, quenes teñan cartos. Que noxo!

12 blancolexitimo

É unha pérdida de tempo ler o que opina alguén que fai prediccións electorales, cando da primeira resposta deduces que non se coloca nunha posición externa ó feito analizado: "(o PP) non ten ningunha bagaxe real que vender". O análisis pasa a ser propaganda e non ten o mínimo interés para os que tratamos de saber destas cuestións estadísticas. http://www.ucm.es/centros/cont/desc... . Supoño que os xa convencidos opinarán que é unha maravilla. Con xente así seguira ganando Feijoo e satisfeita a oligarquía antiFeijoo. Hai algo que metodolóxicamente é imprescindible: en lugar de esquerda compre escribir esquerda + nacionalistas. En todos os lugares do mundo nos que se produce un fenómeno nacionalista (Cataluña e País Vasco incluidos) se analiza así. É o que diferencia o analista serio do propagandista.

1 blancolexitimo

Se o PP non ten nada que vender e saca maioría absoluta, estase afirmando que a mitade dos galegos son uns ignorantes. Dicotomía urbano/rural: fai moitos anos que en Andalucía é o PP quen gana nas capitales mentras que o PSOE arrasa no rural. En 20 dos 21 distritos electorales de Madrid gana tamén o PP. En Barcelona, por primeira vez gana a dereita (nacionalista pero dereita: entende o entrevistado o porqué de escribir esquerda + nacionalistas).

2 blancolexitimo

Coincido co señor Neira (que triste que fale de "nacionalismo español" alguén que pretende usar ferramentas da estadística científica: don Carlos cando se fala dunha realidade histórica con 500 anos de vida a ningún estudioso da demografía se lle ocurre falar de que os que defenden ese feito histórico sexan nacionalistas) en que a derrota da dereita democrática española pasa por "unha marca de centro esquerda autonomista". Marca que os galeguistas de esquerda serios deberiamos axudar a artellar. Por ser de esquerdas (non queremos que goberne a dereita) e galeguistas (non queremos unha Galicia independente e indixente económicamente, que é o norte dos nacionalistas).

11 Costadamorte

Pois a min paréceme unha boa análise a de Carlos... Discrepando no político, no técnico é moi correcto... Independentemente de filias e fobias, que as teño e son públicas e coñecidas, a miña análise previa empírica decíame o seguinte: Que o PP ia a gañar..., (sen xénero de dúbidas pola estructura social, demográfica e poboacional da Galiza)... Que o PSOE ia ter un moi mal resultado, que tiña que darse cun canto nos dentes se superaban os 15 de Caballero e en ningún caso ian chegar aos 20... Que AGE ia ter de 4 a 6 deputados de Beiras mais os que baixara o BNG... Esperaba que o BNG se mantera, ainda que sabía que era imposible que subira e a razón decíame que algo tiña que baixar... Que as restantes candidaturas, (CxG, UPyD e SCD), serían irrelevantes... Que ian aumentar moito os votos nulos e en branco...

1 Muxía

Costadamorte: Que Beiras subise, en parte, é grazas a tí que levas meses cuspindo contra el. Estámosche moi agradecidos

2 Costadamorte

Muxía... Pode que teñas razón, pero iso entra dentro das miñas fobias persoais..., coma moita xente as tiña contra Fraga, pois para min Beiras, (a quen seguín, servín e admirei moitos anos), hoxe é moito mais despreciable que Fraga, a quen se queres, ainda lle teño un mínimo respeto institucional... E xa dixen que a análise do párrafo anterior a tentei facer a marxe de filias e fobias...

3 Muxía

Costadamorte: Que digas que Beiras é máis despreciable que un ministro da dictadura asasina de Franco ( Grimau, Montejurra, Vitoria, 23 F) e dun represor como é Fraga, xa di que catadura moral tes. Ti sí es despreciable, traga o teu veleno e morre

4 Exceptico por natureza

Muxia, Beiras é un bluff, un invento para que catro mediocres sigan creendo nun sistema acabado. Se queres emplazoche a dentro dun tempo, e me digas que novidades trouxo o vello mesianico.

5 Puntualizando

Escéptico, é escéptico, con s. E son 200.000 mediocres. Dubido que o teu coñecemento dos cultismos dea para entender a palabra "mesiánico".

6 pinchorla

Hai que agardar e ollar que políticas vai facer AGE,eu non o votei,máis non me impide recoñocer que avanzou o que ninguén agardaba.Creo que foron unhas eleccións atípicas nunhas circunstancias atípicas.O tempo dirá a diferencia de AGE có resto da esquerda e nacionalista.En todo caso o resultado final,cuestións de interpretación aparte,é que o PP é máis PP.

10 Feijolito para rato

Deixando de lado a sociedade galega, con maior número de carcas por metro cuadrado que no Valle dos Caidos, e nisyo baséase, en gran parte, o éxito electoral do PP, hai que dicir, que a oposición a Feijoo foi patética. Tanto PSdG como BNG presentaron candidatos, sen unha mínima capacidade de comunicación, con menos carisma que unha marioneta sen titiriteiro e enriba coa oposición máis enfrentada entre si que co PP. Gustaríame saber cales son os criterios que seguen estes partidos para elexir aos candidatos.

1 Costadamorte

Discrepo, a sociedade galega non é maioritariamente carca, coido que o voto ao PP non é en xeral para nada un coto carca, especialmente no rural, onde ten as maires porcentaxes, (tampouco é todo el estrictamente un voto caciquil, ainda que si ten voto carca e caciquil), é un voto sobre todo pragmático e, se queredes acrítico..., pero os carcas é mais probable que se concentres nise 3/4% de votos a UPyD e a Mario Conde...

2 Feijolito para rato

Costadamorte, ¿que a sociedade galega non é carca?, ¿estás de coña?, ¿cres que é casualidade que Galicia sexa a comunidade do estado onde Intereconomía ten maior porcentaxe de audiencia?, ¿cres que foi casualidade que aquí naceran Franco ou Fraga?... e se a isto lle sumas a inmensa rede de clientelismo e estómagos agradecidos que leva montado o PP nas últimas décadas, a promesa de legalizar 8.000 edificacións ilegais na costa,... e, por suposto, que a oposición e os candidatos de PSdG e BNG non valen un pemento, xa temos as claves da increible victoria do PP en Galicia.

3 Fodido

Calquera afirmación do tipo "os galegos son" é pura ideoloxía, xa sexa para xustificar a propia situación ou para desactivar a de outros. Os galegos son como o resto do mundo, nin mellor nin peor. E os compórtanse mais ou menos como o resto da xente de cultura similar (portugueses, cataláns, casteláns, italianos, etc.) E senón estádes de acordo mirade os datos de votacións de Madrid, Valencia, etc.

4 Feijolito para rato

Fodido, que con todo o que leva feito o PP desde que chegou ao governo, que gañe as autonómicas de Galicia acadando máis deputados que en 2009 só pode pasar en dous sitios: Galicia e Corea del Norte.

5 Eladio Lestrove

Freijolito para rato: a ver, home, Galiza, 47% de voto ao PP. Madrid, 51% (con cifras na nosa contra) ¿Quen é máis carca? Sobre o mesianismo: Precisamos líderes que transmitan o orgullo de ser galegos, non xente que fale mirando a punta dos seus zapatos. Tamén precisamos xente que non busque fóra as causas dos seus problemas. O mal de ollo non funciona, e andar queimando xente por iso hoxe en día é de idiotas.

9 Paseante

Apenas concordo con nada do que di Carlos. é incrible. Poucas veces me pasa. É que ademais semella non terse molestado nin en reunir datos. A campaña nas redes de AGE chegou no seu mellor momento a 140.000 perfís de facebook, segundo publicaron varios medios galegos. Son eses os círculos de siareiros dos que nos fala Carlos? Por favor, UN MÍNIMO DE CALIDADE OPINATIVA. Diagonal web: http://www.diagonalperiodico.net/Po... (Beiras)..."Ha irrumpido con 9 diputados (14% de los votos) en el Parlamento, a costa de la izquierda institucionalizada del PSOE y del BNG. Con una campaña excepcional en las redes sociales, ha reactivado a desencantados y jóvenes condenados a la abstención"

1 Arnulfo

Concordo con paseante,o que di este Sr parece un pupurrí sacado de todos os todologos e fala baratos que saen nos mass media. A mellor analise electoral fetia sobre galicia, que lin ata o momento (ainda que non completa na miña opinión) a podedes atopar no periodíco diagonal. Feita por un asturiano.