Concéntranse en apoio a un traballador da antiga Alcoa imputado pola protesta no Congreso

Fixérono con motivo da súa declaración no marco das actuacións xudiciais iniciadas

Por E.P. | A CORUÑA | 11/03/2020 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

Máis de medio centenar de persoas, entre eles delegados sindicais de CCOO, concentráronse ante o edificio de xulgados da Coruña en apoio a un dos traballadores da antiga Alcoa, agora Alu Ibérica LC, imputado tras as mobilizacións no Congreso para esixir garantías de emprego e un estatuto electrointensivo.

Durante a concentración, corearon lemas como 'somos obreiros, non somos terroristas' ou 'a lei mordaza é unha ameaza'. Entre os participantes, estivo Víctor Ledo, secretario xeral da Federación de Industria de CCOO en Galicia.

En declaracións aos xornalistas, explicou que a concentración convocada por CCOO responde á declaración ante a xuíza do "último compañeiro que queda na fase de declaracións previas polo conflito no Congreso".

"Por defender os dereitos, vimos como nos imputaban a traballadores e cargos sindicais", expuxo Víctor Ledo, un dos que se atopa tamén nesta situación. Sobre estas imputacións, lembrou que os deputados que foron no seu momento imputados "foron exculpados" e precisou que coa declaración de hoxe acaba a fase declaracións previas.

"Esperemos que se arquive o caso e nos excúlpen a todos", sinalou o dirixente de CCOO, quen insistiu en que a manifestación que se celebrou ante o Congreso foi "pacífica" e que o seu obxectivo era "defender os postos de traballo".

En todo caso, dixo que os feitos recollidos en atestados policiais "non corresponden á realidade". "Se houbo algún motivo de tensión foi auspiciado por algún policía que se excedeu nas súas funcións".

Por outra banda, criticou que, a pesar de asegurárselles "que estaba solucionado", dixo sobre os compromisos do Goberno de Sánchez respecto ao estatuto electrointensivo, "hoxe de novo temos que saír á rúa", engadiu sobre a protesta convocada ante a Delegación do Goberno en demanda dun estatuto electrointensivo.

Protesta de traballadores da metalúrxica Alu Ibérica
Protesta de traballadores da metalúrxica Alu Ibérica | Fonte: EFE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta