Ten Feijóo unha estratexia para tentar atrasar as eleccións?

A decisión do presidente da Xunta de convocar aos líderes da oposición o luns e de instar ao Goberno central a tomar medidas ao respecto marcan xa os pasos da Xunta. A oposición insiste en que as decisións deben ser sosegadas, consesuadas e con criterios técnicos. Pero, quen ten máis que perder se non se atrasan os comicios?.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixaba caer este martes a necesidade de atrasar as eleccións. Unha decisión, dicía, que non depende del, pero, ante as actuais circunstancias pola expansión do coronavirus era a mellor opción porque "pode estar en risco a saúde pública e o dereito a sufraxio e os galegos". Este mércores matizaba un chisco o dito e aseguraba que o seu Executivo "non" quere "aprazar" as eleccións autonómicas e traballa para que se celebren o 5 de abril, aínda que remarcou que haberá que ver como evoluciona a crise e que recomedan as autoridades sanitarias.

O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero, durante a súa entrevista con Europa Press, en Santiago de Compostela
O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero, durante a súa entrevista con Europa Press, en Santiago de Compostela | Fonte: Galicia (España), a 9 de xaneiro de 2020.. César Arxina - Europa Press

Precisamente, esta apelación ás "autoridades sanitarias" é o que lle pediron todos os grupos da oposición, PSdeG, Galicia en Común- Anova e BNG, que destacaron que unha decisión de tal calibre ten que ser tomada en base un criterio sanitario e analizando se existe risco serio para a poboación.

Con todo, Feijóo sabe que adiar ou suspender unhas eleccións é complicado, tan complicado como que non se fixo nunca, e dependería dunha decisión do Goberno central e do Tribunal Constitucional que, ademais, terían que valorar se as Xunta Electoral de Galicia e a Junta Electoral Central están tamén de acordo en facelo.

Precisamente, a Xunta Electoral de Galicia reunirase este xoves, un día despois de que o faga a súa homóloga vasca. E o certo é que a decisión de manter ou suspender as eleccións afectará non só a Galicia, senón ao País Vasco. Por iso, e sabedor disto, Feijóo non ocultaba o martes que ía chamar ao seu homólogo vasco, Íñigo Urkullo, para abordar esta situación.

O líder vasco, deixaba claro este xoves que unha eventual decisión sobre un posible adiamento das eleccións do 5A correspóndelle á Junta Electoral Central (JEC) porque este "non é un tema político", senón unha cuestión de "saúde pública". Un argumento case igual ao utilizado por Feijóo. E, o certo é que aos dous dirixentes políticos convenlles, por distintas razóns, un aprazamento destes comicións.

Feijóo, tras o Consello da Xunta. Xunta de Galicia
Feijóo, tras o Consello da Xunta. Xunta de Galicia

COMO FACELO?

Pero, e que hai que facer para aprazar os comicios?. Primeiramente, debería haber un consenso político, antes que sanitario, e despois, unha decisión xurídica avalada polo Tribunal Constitucional que o ratificase. Algo que nunca se fixo antes no Estado español. "Na miña opinión, tería que haber un acordo no Parlamento correspondente, tería que estar de acordo a xunta electoral e despois habería que formalizalo nun decreto do goberno", destacaba este mércores o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade da Coruña, Francisco Caamaño.

Así, deixou claro que a Constitución "non prevé a posibilidade de que, unha vez convocadas, as eleccións poidan ser aprazadas ou suspendidas". A Constitución contempla algunhas situacións excepcionais, como os chamados estados de alarma, excepción e sitio, que permiten suspender algúns dereitos fundamentais como o de folga, negociación colectiva ou liberdade de expresión dos medios de comunicación. Con todo, subliña que o "dereito de participación política non está entre eles".

"En ningún caso pode evitarse que a xente participe en procesos electorais convocados", subliña Caamaño, que insiste en que "a resposta coa Constitución na man" é que "non se pode suspender en principio a celebración dunha convocatoria electoral". "Unha cuestión distinta é que haxa que tomar algunhas medidas polos órganos reguladores das convocatorias, basicamente as xuntas electorais, como poderían ser recomendarlle á xente que votase en determinados horarios por orde de apelidos" ou que se "eviten os mitines, sinala.

Caamaño, que foi ministro de Xustiza con Zapatero, alerta do precedente que sentaría aprazar unhas eleccións. Con todo, o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e un dos editorialistas de la Voz de Galicia --xornal moi próximo a Feijóo--, Roberto Branco Valdés, asegurou, en declaracións a Europa Press, que el non ten "a máis mínima dúbida" de que se pode se pode modificar a Constitución nese punto e que debería analizarse xa esta posibilidade. Unha postura que contradí a súa férrea defensa de non modificar a Constitución noutros casos, nomeadamente, tras a crise suscitada en Cataluña.

A ESTRATEXIA

Blanco Valdés apunta unha posibilidade que é exactamente igual á de Feijóo e o seu equipo; a da modificación da Lei 4/1981 dos Estados de Alarma, Excepción e Sitio, que recolle expresamente o caso dunha crise sanitaria. Con todo, habería un problema, e é o que o artigo 11 desta norma cita expresamente unha batería de medidas que, decretado o estado de alarma, podería tomar o Goberno, pero entre elas non está a alusión a aprazar ou suspender un proceso electoral.

Blanco Valdés recoñece a "excepcionalidade" de aprazar unha cita coas urnas en España, onde "non ten precedente algún", pero insiste en que a necesidade de preservar a saúde pública pode obrigar a dar unha resposta en pouco tempo. Ese é o mesmo argumento, o da saúde pública, utilizado, precisamente por Feijóo para defender esta medida.

E neste punto tería vital importancia a a Junta Electoral Central e a galega que poderían "suxerir" esta posibilidade. Fontes consultadas indican que a Xunta Electoral de Galicia estaría a favor do aprazamento, o que lle daría máis argumentos a Feijóo na súa "presión" sobre Pedro Sánchez. E é que a decisión final sería do Goberno central.

MÁIS ESTRATEXIA

Ademais das xuntas electorias, Feijóo quere implicar na súa decisión aos grupos de oposición e tamén está utilizando á Xunta para iso. Por unha banda, convocou aos responsables dos principais partidos políticos galegos a unha reunión o vindeiro luns para analizar a situación derivada da evolución do coronavirus. Pola outra, o seu vicepresidente reunirase co presidente da Fegamp, para implicar tamén aos concellos nesa decisión.

Co que non conta Feijóo é coa posición a favor dos partidos políticos. Este mesmo martes todos insistían en que esa decisión debe ser moi meditada e responder a criterios específicamente sanitarios, non políticos. O líder socialista, Gonzalo Caballero, ía máis lonxe e lembraba que en situacións aínda máis difíciles, como foron as eleccións celebradas tres días despois dos atentados do 11M en Madrid, as eleccións mantiveronse.

A QUEN BENEFICIA UN ATRASO?

E é que fontes consultadas dos partidos da oposición cren que Feijóo busca un atraso electoral porque sabe que a actual situación de pánico polo coronavirus afecta "seriamente" aos seus intereses electorais, independentemente da crise sanitaria, que tamén a hai.  Por iso busca involucrar a todos os partidos, "porque senón apoiamos a súa decisión os medios que controla dirán que os malos somos nós que non nos preocupa a saúde dos galegos", indican.

"No PP saben que a xente que vai deixar de ir votar é o seu electorado potencial", apuntan. "Isto sen contar coa posibilidade da crise que se pode xerar nos hospitais públicos co aumento de casos e as saturacións dos servizos de Urxencia, que, de por si, xa están saturados", indican ao aludir ao punto fraco da política de Feijóo. "E se se atrasan pois perderemos un dos grandes argumentos electorais que é a o da pésima situación sanitaria de Galicia e que non ten nada que ver co do coronavirus", din. "Se criticamos logo a situación dos hospitais ou o das Urxencias Feijóo dirá que estaremos politizando a crise do coronavirus e que, en todo caso, a responsabilidade da xestión será do Goberno central", indican as fontes consultadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

3 Uro

Non se pode ir votar, con medo de ir votar. Non é urxente

2 caxancran

Pra os parasitos señan virus ou politicos o primeiro e o primeiro.espallarse.

1 Cicero

Pois actos de precampaña non se privou ningún partido. Vaia cadro, primeiro as eleccións e logo a saúde