"Hai que falar con calquera que se sinta nacionalista"

Rafael Cuíña, candidato de CxG por Pontevedra ten claro que o proxecto desta nova formación ten que continuar pero tamén non pecha portas a un diálogo amplo con todas as formacións nacionalistas. Felicita a AGE polos resultados e asegura que o BNG "é imprescindible" en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Lalín | 25/10/2012 | Actualizada ás 00:10

Comparte esta noticia

Apañou máis de 800 votos en Lalín --a súa localidade natal-- e converteu a CxG na terceira forza máis votada desa localidade. Por iso, non descarta volver a este municipio como candidato nas vindeiras municipais. Recoñece que os resultados de Compromiso non foron bos pero agarda que o 21-O sirva para consolidar un proxecto de futuro.

Rafael Cuíña
Rafael Cuíña

Di que deixou amigos no PPdeG pero que se sinte moni "cómodo" na súa formación nacionalista. Unha forza, di, que é de "centro-esquerda". As tarefas máis urxentes; "congreso constituinte, reforzar a estrutura comarcal e moito traballo".

Galicia Confidencial (GC).- Xa pasaron uns días dos comicios. Agora, en frío, como valoras os resultados?

Rafael Cuíña (RC).- Pois non foron bos. Agardaba máis, certamente. Demasiados atrancos no camiño en tan pouco tempo. E asumo a miña cuota de responsabilidade. Puxen o meu cargo a disposición da executiva e por unanimidade pedíronme que seguise con máis forza se cabe. Só podo dar as grazas aos meus compañeiros pola xenerosidade.

GC.- Cres que CxG pode chegar a máis deses 16.000 galegos que apostaron por ela?

RC.- É evidente que o creo

GC.- E como?

RC.- Temos que facer xa ese congreso constituinte e que a marca política sexa coñecida. Daba a sensación de que a algúns non lle interesaba que fose coñecida. Eles saberán porque.

GC.- Que cousas habería que mellorar a partir de agora?

RC.- Reforzar as estruturas comarcais, definir ante a sociedade o que é CxG, e moita humildade para asumir os nosos erros.

"Centro-esquerda"

GC.- Unha crítica que se vos fai é que non se sabe se CxG é unha formación de dereitas, de esquerdas ou de centro?

RC.- Ou non se quere saber... nesta formación hai galeguistas progresistas até xente da esquerda renovadora. Está claramente situada no centro-esquerda Galeguista-nacionalista.

GC.-  Foron as túas primeiras eleccións como candidato ao Parlamento. Cales son as túas impresións?

RC.- A experiencia foi boa. Fixen case 6.000 km, reuninme con todo tipo de colectivos, falei cunha cantidade inxente de persoas. En resumo, a día de hoxe coñezo moito mellor a problemática da miña provincia.

GC.- E se tiveras que elexir algún momento destes 15 días de campaña, con cal te quedarías?

RC.- O mitin de Lalín co auditorio cheo, e a impresión que me causou a cantidade de xente que está descontenta cos políticos. (Con toda a razón)

GC.- Acadaches máis de 800 votos en Lalín. Xa pensas nas municipais?

RC.- Pensamos como organización, si, serán as nosas eleccións, como xa tiñamos previsto. Estou moi orgulloso da resposta dun pobo como o lalinense no que tan difícil é non votar ao PP, que baixou 900 votos. CxG será moi importante alí tamén.

"Atado ao mástil"

GC.- E cres que CxG chegará como partido a esa cita electoral?

RC.- Non teño a menor dúbida. O certo é que xa o propio domingo escoitei cantos de serea. Estou atado ao mástil...

GC.- Os principais medios falan da ausencia dun líder carismático, estás dacordo?

RC.- Creo que Xoán Bascuas é un traballador incansable, con unha idea clara do que quere para esta terra, e unha excelente persoa. Creo máis en eso que en lumes de artificio.

Felicitacións

GC.- E a que cres que se debe o éxito de AGE?

RC.- Pois a que moitas persoas pensaron que a súa mensaxe recollía a indignación social contra un goberno evidentemente negativo para esta terra. Eu alégrome por eles, sobre todo por Martiño e Beiras que o merecen. É coñecido que a min non me gustaba un pacto cun partido non nacionalista como IU. Os felicito sinceiramente.

GC.- Pensas que esta formación apañou votos do voso electorado?

RC.- Penso que é evidente

Acordo nacionalista

GC.- Tamén hai quen fala de volver a reeditar un pacto nacionalista. Cres que logo da escisión no BNG se pode chegar a un novo acordo entre formacións nacionalistas?

RC.- Pois o que hai que ofertar son produtos en función dunha demanda. O BNG é necesario para Galiza, sempre o foi. Hai que falar con calquera que se sinta nacionalista, e queira que os centros de decisión estean en esta terra.

GC.- Foches militante do PP durante moitos anos. Como te ves como candidato noutra formación?

RC.- Pois sinto que agora, nunha formación nacionalista, estou na miña casa, ideoloxicamente falando.

GC.- E a xente non te pregunta porque deixaches o PP? e que lle dis logo de que esa formación volvera a arrasar nas eleccións?

RC.- Non perdo moito o tempo con este tipo de cuestións. Eu marchei de alí porque non teño nada que ver con eles. No persoal teño moi boas amistades alí.

GC.- Pero hai quen se puxo contento no PP de Pontevedra polos seus resultados? Parece que algúns non lle querían ben nesta formación...

RC.- Supoño que a vida é así. Eu miro cara adiante, nin para atrás nin para o lado. O PP ten o meu respecto, mais non é o meu proxecto. Eu son galeguista. Por certo, parabéns polo seu resultado.

GC.- E, agora, cales son os retos inmediatos?

RC.- Congreso constituinte, reforzar a estrutura comarcal e moito traballo, moito...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 153 comentarios

4 suso1980

Eu votei por CxG e, lonxe de arrepentirme sintome moi orgulloso de os ter apoiado. Nas municipais volverei votalos. Galicia precisa dunha forza como Compromiso.

3 Perfecto Gómez

Teño votado BNG e PP, dependendo das eleccións. Mais nestas non fun votar...tedes que promocionar moito o que é CxG. Eu estiven fóra, é certo, mais facía tempo que non andaba en internet....

1 Xan do Outeiro

cxg deberia ser un partido que defenda os intereses de galicia adaptandose a realidade, e non pretender facer un realidade virtual adaptada aos partidos. Uns pretenden usar a galicia como moneda de cambio para escalar a montaña do poder en madrid. Outros usan a Galiza como medio de impoñer politicas do seculo XIX, a costa de sacrificar os intereses dos galegos, eso si utilizando os mesmos medios. As etiquetas son o de menos, os feitos son os que falan, se en 30 anos non fixeron nada vano facer agora. Cxg ojala fose un partido nacionalista sen fronteiras, Galicia en España, Galicia en Europa e Galicia no mundo, Galicia falando galego, falando castelan, falando inglés, pero o goberno galego defendendo o galego e Galicia gobernada por galegos con corazon galego.

2 Curuxa

Coñecín a este home en Salvaterra esta campaña, e tiña moitos prexuízos contra él. Impresionoume escoitar a un galeguista de verdade con discurso e amor a esta terra. Pode contar comigo para os restos

1 Tannhäuser

Que non coa, Cuiña. Sodes a dereita galeguista. Se ata tiñades acordos con TEGA. Pola miña parte, anímovos a seguir crecendo, conseguir apoios e roubarlle votos ao PP. Galicia necesita unha forza de dereitas e galeguista pra rematar a hexemonía do PP no conservadurismo galego.

1 Galiza sempre

Grandes palabras as deste home. É triste ver aos nacionalistas galegos enfrontados entre si. O inimigo de Galiza/Galicia é ben outro, desde logo que si.

2 Tannhäuser

Galicia/Galiza, ten que liberarse dos seus dous inimigos. O españolismo intolerante, rancio e tróspido por un lado e o binomio PPSOE, puntal do sistema da Segunda Restauración. Por unha República Federal que recoñeza o dereito a autodeterminación das distintas nacións que a integren. O que está claro é que CxG debe aglutinar tódalas forzas á dereita, como CXXI. Pola esquerda sigo apostando por unha Syriza galega que una a tódalas forzas da verdadeira esquerda, sexan nacionalistas ou non.

3 Ronsel

O importante é que o nacionalismo galego de dereitas, de esquerdas, de centro, medio pensionista... medre.

4 antiburras

Syriza, AGE, Alternativa... nin o nome teñen claro, nunca será galega tendo a Cayo Lara de lider na sombra. Comprobarémolo pronto.

5 ornea

antiburras, chámase AGE (Alternativa Galega de Esquerda). A ver, repite comigo: o "b" co "a", "ba". Beeeeeeeeennnnnnnn. Xa estás listo para liderar a UPG.