As forzas de seguridade interveñen en varios municipios para pechar locais e evitar aglomeracións

CC.OO. urxe á Xunta e a Inspección medidas para controlar o aforamento en supermercados e previr o contaxio dos seus traballadores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2020 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

Os corpos e forzas de seguridade tiveron que intervir en varios municipios da xeografía galega ao longo deste sábado para asegurar o peche de locais de lecer e evitar aglomeracións nos supermercados. Todo iso co obxectivo de cumprir coas directrices da emerxencia sanitaria decretada este venres pola Xunta ante a incidencia do novo coronavirus.

E é que, a pesar de que o Goberno galego decretou o peche durante 14 días de bares, restaurantes e cafetarías, así como de centros comerciais --salvo a venda de produtos alimenticios-- desde a pasada medianoite, algúns establecementos puntuais decidiron abrir de novo esta mañá.

Este é o caso de Vigo, cidade na que a Policía Local, segundo informa a Europa Press, tivo que acudir a unha quincena de locais para lembrar aos seus responsables que non poden abrir as súas portas. Aínda que "en principio está a avisarse", sinalan fontes do corpo municipal, advírteselles de que incumprir reiteradamente as directrices da Xunta pode carrexar sancións. "Moita xente tómao de broma", lamentan.

Na cidade da Coruña, a Policía Local tamén admite que houbo "algún establecemento que permanecía aberto" esta mañá, polo que tiveron que notificar o seu peche. "Agora mesmo a cidade está baleira", valoran, á vez que subliñan a tranquilidade que reina na urbe pola tarde.

Á parte destes actos desobedientes, a emerxencia sanitaria e o inminente estado de alarma que decretará o Goberno a partir do luns, con restricións nos desprazamentos, provocou nos últimos días aglomeracións de cidadáns ao redor dos supermercados nos que, en ocasións, teñen que personarse as forzas da orde.

AGLOMERACIÓNS EN SUPERMERCADOS

Este é o caso de municipios como O Carballiño, onde a Policía Local tivo que "intervir por afluencia" de xente nunha das tendas de alimentación, xa que "estaban moi pegados". Ademais, chegaron a recomendar ao establecemento que houbese alguén na porta e xunto ás caixas para controlar o fluxo de cidadáns.

Tamén en Ponteareas, os axentes locais constataron durante a mañá deste sábado que "un gran número de persoas" acudían aos supermercados, "creando un risco para a saúde pública". Neste sentido, a Policía lembra que estes locais "están abertos, pero a permanencia nos mesmos debe ser a estritamente necesaria" para previr posibles contagios de COVID-19 por contacto con elementos como os carros e, mesmo, as moedas e os billetes.

Neste mesmo municipio, os axentes recibiron chamadas dalgúns veciños que alertaban de que había negocios como barbarías que continuaban abertos, polo que tiveron que intervir para que botasen o peche.

No centro de Santiago, xa hai varios supermercados que controlan a entrada de clientes para evitar aglomeracións no interior e as farmacias contan cun protocolo de distancia de seguridade nas colas.

A pesar de que nas principais cidades hai determinados produtos, fundamentalmente papel hixiénico e outros relacionados coa hixiene de mans, que escasean, a situación xeral é de normalidade e as cadeas descartan que se dea un panorama de desabastecemento.

CC.OO. URXE MEDIDAS


Neste contexto de emerxencia sanitaria, o sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) remitiu un escrito á Xunta e a Inspección de Traballo para solicitar "de forma extremadamente urxente" que se adopten as medidas necesarias para controlar o aforamento dos supermercados e previr o contaxio do novo coronavirus, "especialmente o do persoal laboral".

Nesta misiva, asinada pola secretaria xeral de CC.OO.-Servizos, Lucía Trenos, critícase que haxa "un grupo de poboación" que adopta "actitudes irresponsables" e que "non ten conciencia do grave problema" que supón a infección de COVID-19.

Supermercado vacio en Santiago de Compostela.
Supermercado vacio en Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta