Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2020 | Actualizada ás 11:43
Abride as fiestras... e a cantar e a tocar! É o que propoñen as veciñas da travesa do Escultor Asorei para aledar o mediodía deste domingo ante un escenario de corentena pola crise do coronavirus que impide saír da casa agás para o estritamente necesario.
'Xuntámonos este día / as mellores deste barrio / para protexernos dun virus / montamos este agarrado'. Así versa a primeira das coplas que botarán nesta foliada, para a que se citaron dende as fiestras á unha da tarde deste domingo, 15 de marzo. Deixaron todo ben preparado e a letra non ten desperdicio ningún. Hai versos para todos e todas... 'Compramos leite ao xeito / de fame non morreremos / quedo coa gata na casa / desta xuntas sairemos'. Apelan tamén a mercar nas tendas de barrio e agradecen a entrega da "xente brava" do persoal sanitario e das dependentas dos establecementos que continúan abertos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non se libra tampouco dos cantos destas veciñas: 'Esta vai para Feijóo / que quixo desmantelar / un sistema sanitario / público e universal / el xa falou pola tele / no idioma dos señoritos / porque para el é importante / que entendan os fodechinchos'.
Baixo o cancelo #euquedonacasa, esta foliada convértese en todo un alegato en favor da sanidade pública e pola responsabilidade e sensatez de todas as persoas para superar esta crise sanitaria, con paciencia e bo humor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.