(Vídeo) As queixas virais dunha perruqueira: "Como gardo un metro de distancia?"

"Vou pechar o meu salón, porque non o podo abrir. Non me podo permitir que me veña unha factura de luz porque non teño diñeiro para pagala", alerta esta muller da Coruña nun vídeo nas redes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2020 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

"Como gardo un metro de distancia para cortar o pelo?", pregúntase unha perruqueira coruñesa protagonista dun vídeo que se fixo viral nas redes sociais no que se queixa de que, a pesar das restricións contempladas polo estado de alarma, non se decretara o peche de barbarías.

Unha perruqueira peiteando unha clienta nun salón de beleza.
Unha perruqueira peiteando unha clienta nun salón de beleza.

A perruqueira denuncia, mediante preguntas retóricas dirixidas ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que non será rendible abrir o seu negocio cando se decretou o illamento social polo coronavirus e que non poderán tomar medidas para evitar o contaxio.

"Que me expliquen como gardo un metro de distancia para secar o pelo e como gardo as medidas de hixiene! Non hai xeles, non hai máscaras. Como fago para non expor aos meus clientes?", reitera esta autónoma que conseguiu en apenas quince horas máis de 200.000 visualizacións en Facebook.

Myriam García Canal, cuxo establecemento se sitúa na provincia da Coruña, avisa de que a súa barbaría non permanecerá aberta, pois non pode conciliar, pagarlle aos seus empregados, nin tomar as medidas sanitarias recomendadas: "Como podo facer un secado con luvas sen queimarme as mans?".

"Xa está ben de pisarnos a cabeza! Somos autónomos que estamos a sobrevivir e malvivindo!", grita Myriam, que recibiu miles de comentarios e mostras de apoio. Así, cuéstionase "como chegará a xente á barbaría" se se prohibiu "saír á rúa", salvo para cuestións de primeira necesidade.

"Explíqueme, se somos de primeira necesidade, por que non nos baixa o IVE", subliña a traballadora, que advirte de que non pagará a cota de autónomos nin declarará o IVE "do próximo trimestre" porque "se non facturo non xero". Tamén salienta que ela e ningún dos seus compañeiros "en toda España" entenden esta decisión e lamenta que non ten quen atenda os seus fillos porque "non poden quedar cos avós que son persoas que están no grupo de risco".

"Vou pechar o meu salón, porque non o podo abrir. Non me podo permitir que me veña unha factura de luz porque non teño diñeiro para pagala", alerta a perruqueira, que conseguiu que o seu vídeo fose compartido por máis de 16.000 usuarios de Facebook nunha mañá.

E é que antes de que terminase onte a comparecencia de Pedro Sánchez tras o Consello de Ministros, a palabra "barbarías" xa era trending topic en Twitter, porque gran parte da poboación non entendía que estes negocios puidesen permanecer abertos xunto coas tendas de alimentación e as farmacias. "Somos perruqueiros, non superheroes e se somos de primeira necesidade para unhas cousas temos que selo para todo!", sentenza Myriam ao final da súa gravación. EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta