O Goberno axiliza ERTEs, dará o paro sen cotización mínima e permite reducións de xornada

Son medidas recollidas no Real-Decreto lei de medidas pola crise do coronavirus.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/03/2020 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

O Real-Decreto lei de medidas extraordinarias no ámbito laboral pola crise do coronavirus que aprobará o Consello de Ministros flexibilizará os expedientes de regulación de emprego temporais (ERTEs), permitirá o cobro da prestación por desemprego sen cumprir o requisito de carencia aos afectados, e configura o dereito dos traballadores á adaptación da súa xornada laboral e/ou a unha redución de xornada especial, que poderá mesmo alcanzar o 100%, cando a súa presenza sexa necesaria para atender a outra que, por razóns de idade, enfermidade ou discapacidade, requira dun coidado persoal e directo.

Segundo o borrador do Real Decreto-lei que está a discutir o Consello de Ministros e ao que tivo acceso Europa Press, tamén se permitirá aos traballadores que poidan adaptar a súa xornada e/ou reducila se se viron afectados polo peche de centros educativos ou doutros que dispensasen coidados á persoa necesitada deles (centros de día, por exemplo).

Así mesmo, o traballador poderase acoller a este dereito de adaptar a xornada ou reducila ante a ausencia do coidador habitual da persoa ao seu cargo por causas relacionadas co coronavirus, coa súa prevención ou con evitar o contaxio.

Este dereito será individual de cada un dos proxenitores. O obxectivo destas dúas medidas, segundo explica o Goberno, é configurar un conxunto de garantías para evitar a aplicación de sancións por faltas de asistencia dos traballadores ante a necesidade de atender o coidado de persoas ao seu cargo.

Doutra banda, no borrador establécense algunhas das medidas que demandaran sindicatos e empresarios, como flexibilizar os ERTEs de suspensión ou redución de xornada e recoñecer a prestación por desemprego contributiva a aqueles traballadores que non cumpran co requisito mínimo de cotización. Así mesmo, non se computará o tempo no que o traballador cobre a prestación a efectos de consumir o período máximo de percepción, o que se coñece como "contador a cero".

En relación aos ERTEs, no borrador deste Real-Decreto defínese concretamente o que se entenderá por forza maior nas actuais circunstancias de emerxencia e simplifícanse os requisitos para a súa presentación.

O Goberno asegura no preámbulo da norma que para cumprir co conxunto de medidas contempladas no texto "habilitaranse todos os créditos necesarios".

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en rolda de prensa tras a primeira reunión do consello de ministros do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos na XIV Lexislatura, en Madrid (España), a 14 de xaneiro de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en rolda de prensa tras a primeira reunión do consello de ministros do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos na XIV Lexislatura, en Madrid (España), a 14 de xaneiro de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta