Os vídeos virais da corentena (I): de muiñeiras, reggaetóns e facilidades do rural

O aburrimento pon a andar a imaxinación e a creatividade. Non hai máis que facer un repaso polas redes sociais para comprobalo. Aquí vai unha pequena recompilación dalgúns vídeos retranqueiros que andan circulando por todo o país.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As redes sociais ferven de iniciativas e brincadeiras para facer fronte a estes días de corentena e que sexan máis lixeiros de levar. Os usuarios tiran de humor ou collen a música por banda e, claro, saen marabillas coma estas...

Sabela Galbán, tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook Sabela Galbán tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook
Sabela Galbán, tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook Sabela Galbán tocando a 'Muiñeira do Coronavirus' / Facebook

A muiñeira do coronavirus. A rianxeira Sabela Galbán vén de compoñer unha peciña dun minuto que xa deu a volta ao país. Suma no Facebook máis de 44.000 visualizacións e 2.000 compartidas. Todo un éxito do que a súa autora xa é consciente: "A muiñeira é un minuto de brincadeira, mais o que digho, díghoo ben en serio. Se vos prestou e vos tirou un sorriso nestes días, contenta quedo! Como di o Leo Arremecághona: aghora non é miña, é do pobo!", escribe nas redes sociais. A letra non deixa ninguén indiferente. Escoita, escoita!

O cativo que explica aos da cidade o que son as berzas. Nestes días nos que escasea o papel hixiénico nos supermercados, non vén mal buscar outras alternativas por se acaso quedamos sen el. E diso se encargou este rapaz, que botou man dos recursos infinitos do rural para explicar un método ben particular e que xa se tivo usado moito no caso de non ter papel. Tranquilos todos, que habendo berzas, nada pode saír mal. Atende, sobre todo se es dos que "arrasa" con este produto cando vas facer a compra.

Hai mesmo quen decide plantar rollos de papel hixiénico, a ver se é que así se reproducen...

Os conxeladores cheos das aldeas. O alfocense Andrés Vidal tamén tira de humor nestes días de confinamento. "Vouvos ensinar a onde imos ao supermercado os que vivimos no mundo rural...", comeza dicindo. E nisto, abre un conxelador cheo ata o tope de bolsas do Gadis. "Que queremos un pito? Collemos unha bolsa de pito. Que queremos cocho? Pois collemos unha bolsa de cocho...". Un vídeo auténtico que xa supera as 22.000 reproducións e onde tampouco deixa pasar a chegada de foráneos que veñen vivir estes días de corentena ao rural. "Eu penso que cada un tiña que quedar na súa casa", reivindica Vidal.

A ritmo de reggaeton. Unha moza lucense decidiu versionar a coñecida canción Tusa, de Karol G e Nicki Minaj, para concienciar a sociedade da importancia de quedar na casa e cumprir co confinamento establecido. "Non me tusas ao carón e por favor lavade as mans. Na casa tamén podes perrear", reivindica na súa versión, que xa acumula máis de 3.000 reproducións no pouco tempo que leva publicada. Nesta peza do Lugo Xornal podes coñecer máis detalles desta orixinal proposta contra o aburrimento. E se queres ver como soa, preme entón aquí abaixo:

 

 

 

Agobios por tanta iniciativa. E cando descansamos?. Camiño dos tres millóns de visualizacións vai estoutro vídeo no que o humorista mallorquín Pepe Demi analiza como a sociedade está afrontando estes días de retiro por mor do coronavirus. “No día un xa había iniciativas para xogar ao bingo, para facer trapecismo e puenting pola ventana… Se o día un me estades ofrecendo todo isto, que me ides ofrecer o día 10?”, pregúntase preocupado. Coa axuda dun encerado, Demi vai explicando aquí as súas divertidas teorías...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta