Denuncian traslados en ambulancia con "ata 7 pacientes xuntos" na Coruña

O sindicato CNT resalta que "a propia Xunta incumpre con todo tipo de normativa en materia de prevención de riscos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2020 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) denunciou este mércores "deficiencias" no transporte non urxente no marco da situación de emerxencia polo coronavirus Covid-19 con "ata sete pacientes xuntos nunha ambulancia" na área sanitaria da Coruña.

Así o indicou a CNT nun comunicado, no que asegura que as empresas Ambulancias Maria Pita SL., Servizos Sanitarios da Coruña SL e UTE Servizos Sanitarios da Coruña SL, concesionarias do servizo de transporte non urxente e hospitalario na área da Coruña e Cee "están a ordenar levar ata sete pacientes xuntos na ambulancia, ás veces ata na cabina do condutor".

"Ademais de contravir todo tipo de normativas internas e lexislación autonómica e estatal, supón unha práctica total e absolutamente contraria ás indicacións da propia Organización Mundial da Saúde decretadas debido ao risco de infección e contaxio existente sobre todos os cidadáns", reprochou a CNT.

Para este sindicato, "os riscos derivados destas prácticas supoñen un perigo tanto para os traballadores do servizo como para os propios pacientes e o resto da poboación" que, engade, "ve como o contaxio pode estenderse de forma rápida e descontrolada como apuntan outros exemplos dentro e fóra das nosas fronteiras".

Neste sentido, resalta esta central sindical que "a propia Xunta incumpre con todo tipo de normativa en materia de prevención de riscos pedindo mesmo aos técnicos de emerxencias que non entren en contacto cos pacientes para", matiza a CNT no comunicado, "optimizar os usos de traxes de protección debido á súa escaseza".

Por iso, solicita á Subdelegación do Goberno na Coruña que "investigue os feitos" e, se procede, "impoña as sancións que poidan corresponder ás empresas denunciadas". Ademais, reivindica o "estrito cumprimento da normativa" nun "servizo que resulta fundamental para a seguridade en materia de saúde para toda a poboación".

Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus
Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus | Fonte: @miguelnuñez

XUSTIZA

Por outra banda, Alternativa na Xustiza esixe á Xunta o "peche preventivo" das sedes xudiciais e fiscais e do Imelga, en definitiva, de todos os servizos menos os de garda. Unha petición que foi motivada pola expansión do COVID-19 e os "abusivos servizos mínimos" ante o estado de alarma, denuncian.

O sindicato quere trasladar esta reclamación ao Comité de Saúde Laboral nunha reunión por videoconferencia da que aínda non obtiveron resposta despois de solicitala catro veces en 48 horas, manifestaron nun comunicado este mércores.

Explican que xa hai xulgados galegos que están en corentena, como o xulgado do Social número 3 ou o Mixto número 4 de Betanzos, nos que se detectaron "casos sospeitosos" de coronavirus. Ante esta situación na que se pon "en risco" aos funcionarios da administración de Xustiza, a forza sindical pide "responsabilidade" á Xunta e "medidas de protección".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta