Humor na corentena con Alberte Montes

O actor, cómico e guionista inaugura 'CONFINAR FELIZ', un diario sobre o confinamento. O seu primeiro artigo: #1 Bigote

Por X.M. Fernández | BARCELONA | 20/03/2020 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

Que o Galicia Confidencial pense en min para facer un diario sobre o confinamento polo coronavirus fai patente a desesperación coa que estamos a vivir xa estes primeiros dias de illamento. Pois non nos queda nada.

Alberte Montes.
Alberte Montes.

Eu son actor, sei moi ben o que é estar na casa. Tamén o de pasar semanas, meses sen traballar. As actrices e actores temos o becho dentro, para ben e para mal. Estamos pensando moito estes dias nas compañeiras e compañeiros que viron interrompidos os seus traballos, pensemos tamén nos que xa chegaron a esta crise sen traballo.

"Eu son actor, sei moi ben o que é estar na casa"

O outro dia (antes do confinamento) fun ver ós meus pais para preguntarlles que querían facer co piso cando chegara o coronavirus. Son cómico, non o podo evitar.

Tamén son guionista, levo toda a vida escribindo trapalladas, as máis das veces dende a casa. Vaia, que por agora, a estes cinco dias eu chámolles semana.

Estou vendo series e pelis si, tamén. Incluso cheguei a abrir un libro. Xa haberá tempo de falar diso. Hoxe, incluso limpei os cristais. A última vez que o fixera o Dépor xogaba en primeira. Por certo, que pasará co fútbol? Porque o Dépor volverá a postos de descenso... Non deixaran a cousa así, verdade? En fin, problema menor agora. Ou non.

Estame axudando a pasar mellor estes días Paco. O can. Un bodegueiro andaluz con enerxía anticorentenas. Sácame á rúa catro veces ó día e ademais, para evitar aproximacións veciñais, baixo e subo os oito pisos da miña finca a pé. Vaia, que fago máis exercicio agora que antes do coronavirus.

Penso moito no ben que estaría na aldea. Pero non vou, claro. Nin irei. Por responsabilidade. E porque non hai wifi.

Tamén atopo tempo para aburrirme (como non vou atopar), imaxinade canto me aburro que pensei en deixarme bigote. Total, para quen me ten que ver.

Alberte Montes (Os Anguieiros1986, Bos Aires 2037)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta