O coronavirus impulsa redes veciñais para atender e facerlles a compra ás persoas maiores

A declaración de estado de alarma estende a solidariedade para evitar que os colectivos de risco teñan que saír á rúa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Concellos, entidades sociais e asociacións traballan sen descanso estes días de alerta sanitaria para evitar que os máis vulnerables poidan quedar sen elementos básicos, un labor sobre o que nos últimos días se evidenciou a importancia das redes veciñais de voluntarios que se prestan a proporcionar alimentos, medicamentos ou contacto social a aquelas persoas maiores ou con problemas de mobilidade que viven soas e que deben permanecer confinadas nas súas casas.

En Galicia, cunha poboación especialmente envellecida e, en particular, illada no rural, os servizos que garanten o proporcionar a estas persoas os elementos que poidan necesitar mentres dure o estado de alarma fanse especialmente necesarios.

O obxectivo é que ningunha persoa, por cuestións como dificultades de mobilidade ou a redución do transporte público, quede sen produtos esenciais, así como evitar que as persoas maiores ou enfermas, que son poboación de risco para esta pandemia, teñan que saír á rúa e se expoñan ao contaxio do coronavirus.

Desde os Concellos, a través dos Servizos Sociais, Axuda no Fogar ou Protección Civil; e entidades sociais faise fincapé en que, antes de abandonar o illamento, se recorra a este tipo de propostas. Ademais, nos últimos días, numerosas asociacións de veciños e persoas a título individual colgaron carteis en edificios e rúas para facer saber aos seus veciños maiores que poden facer a compra ou ir á farmacia por eles.

Non menos importante é o labor que estas redes cidadás e veciñais están a ter no acompañamento social. Entre outras cousas, ofrécense a falar por teléfono cos maiores que viven sós, saudalos desde as xanelas ou patios e, en definitiva, identificar e estar pendentes daquelas persoas que pasan máis desapercibidas nunha situación como a actual.

OS CONCELLOS, PENDENTES

Os gobernos das cidades galegas habilitaron xa teléfonos e grupos especiais para as persoas que necesiten axuda con elementos básicos, unhas peticións que se canalizarán a través dos servizos de Protección Civil, Cáritas ou Servizos Sociais.

Por exemplo, no caso de Ferrol, permanecen operativos os números 981 944 230 e 981 944 234, e, en Ourense, habilitáronse catro liñas, o 988 388 133 --en horario de mañá--, e os móbiles 667 840 635, 667 840 646 e 667 890 737, en horario de mañá e tarde.

No caso de Vigo, habilitouse unha web para que todas as persoas que queiran ofrecerse voluntariamente para colaborar coa repartición de produtos ou entregar bens ou subministracións para estes colectivos se inscriban. Os vigueses que o necesiten poden chamar a través do 010. Segundo informou o rexedor, Abel Caballero, o luns xa se prestaron 11 destes servizos e o martes pola mañá ascendían a 15.

Tamén na Coruña se habilitou un sistema de voluntariado para este tipo de servizos e reparticións, unha opción que reuniu a 500 voluntarios en só un día, e en Lugo, a maiores, instaurouse un servizo de recollida a domicilio de lixo para infectados por Covid-19, que debe solicitarse no 092. En Santiago, onde inciden na importancia de que os voluntarios manteñan as medidas de prevención, esta axuda canalízase a través de Protección Civil e Cruz Vermella.

Con todo, non só os grandes municipios activaron este tipo de iniciativas, que se atopan tamén en localidades de mediano tamaño e, especialmente, en concellos rurais, onde a posibilidade de mobilidade das persoas maiores é máis difícil.

En Ares, por exemplo, reforzáronse os servizos sociais para dar cobertura a estas peticións, que se realizarán polos teléfonos 981448354 e 689242596; mentres que Ponteareas ou Bergondo puxeron en marcha un equipo de voluntariado para "facer a compra, levar medicamentos ou tirar o lixo" á xente maior.

En Sanxenxo, os veciños que se atopen en situación de necesidade poderán chamar ao teléfono de emerxencias, 986 720 000, durante as 24 horas, para pedir algún trámite urxente, mentres que Mos habilitou dous teléfonos 986 331 200 (polas mañás) e 986 337 453 (polas tardes) para o mesmo fin. Os usuarios neste último caso deben ser maiores de 70 anos, persoas con mobilidade reducida ou dependentes.

O municipio lucense de Sober realiza xa desde hai días transporte de produtos de primeira necesidade, alimentos ou medicamentos a veciños maiores ou dependentes a través de Protección Civil e en Valga pode solicitarse a través dos teléfonos 986 55 94 56 e 659 06 37 14.

Mentres tanto, outros como Nigrán activaron un servizo de asistencia a persoas en especial risco, que vivan soas ou non teñan medios, para proporcionarlles tanto elementos de primeira necesidade como libros, revistas ou DVD. No Rosal, pola súa banda, fíxose un chamamento aos veciños para que axuden á poboación máis vunerable e, sobre todo, para que dean aviso en caso de detectar algunha persoa que necesite axuda ou atención.

REDES VECIÑAIS

Ademais desta axuda organizada desde as institucións, a situación xerada polo estado de alarma e a recomendación a toda a poboación para que permaneza nos seus domicilios aflorou unha importante rede de solidariedade desde asociacións, entidades veciñais e particulares que, desde o primeiro momento, chamaron a atención sobre a necesidade de protexer e axudar aos maiores e dependentes.

En Santiago, por exemplo, o Centro Cultural de Ensanche 'Raigame' habilitou o teléfono 698 190 793 para que as persoas que non poden saír á rúa soliciten axuda, algo que tamén se canaliza desde a asociación veciñal As Marías nos teléfonos 690 617 573 e 619 336 848, e por parte do espazo veciñal do Barrio de Sar, no teléfono 680 592 636.

Outros colectivos e redes de apoio mutuo estenderon iniciativas colaborativas por varias cidades, dividindo os efectivos por barrios, para que os cidadáns teñan unha persoa de referencia de proximidade coa que contactar se necesitan axuda deste tipo. Ademais de grupos de Télegram, Whatsapp ou Facebook, solicítase ás persoas interesadas en prestar este servizo que coloquen carteis nos seus edificios cos seus contactos para facilitar que as persoas maiores que alí viven os vexan.

Ademais de xestións urxentes, compra de alimentos ou medicamentos ou axuda para baixar o lixo, estas redes veciñais propoñen manter "o contacto" a distancia cos veciños maiores que viven sós ou dependentes, que se lles saúde polas xanelas ou se fale polos patios de luces co obxectivo de mitigar tamén a súa soidade.

Pero non en todos os casos a axuda se organiza a través dunha asociación, se non que tamén pode ser individual. Colgar un cartel ofrecendo a súa axuda aos moitos veciños maiores e dependentes que viven no seu edificio foi o que fixo Roque, un ilustrador que reside na zona coruñesa dos Mallos e que, ante a cantidade de persoas pertencentes a grupos de risco que hai no seu edificio, decidiu ofrecerse no caso de que necesiten axuda de primeira necesidade.

Unha persoa maior nunha residencia. CONSELL DE MALLORCA - Arquivo
Unha persoa maior nunha residencia. CONSELL DE MALLORCA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta