Xunta pide ao Goberno garantías para que o sector agrogandeiro e forestal siga traballando

Pide aclarar a aplicación dos ERTEs nestas industrias, así como que se prorroguen os contratos alimentarios. Pola súa banda, Planas solicita a Bruxelas unha maior flexibilización nos prazos da PAC, prorrogada ata o 15 de xuño

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2020 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia solicitou este xoves ao Goberno central "garantías", como prórrogas de contratos ou medidas de protección adecuadas, para que o sector agrogandeiro e forestal galego poida seguir traballando durante a emerxencia sanitaria derivada da pandemia do coronavirus.

Así o trasladou o conselleiro de Medio Rural, José González, nunha videoconferencia co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e os demais responsables autonómicos do ramo para avaliar a situación de emerxencia sanitaria.

Deste xeito, en referencia ao sector gandeiro, o conselleiro pediu a suspensión de todos os mercados gandeiros no territorio estatal ao asegurar que a venda directa está permitida sen ter que ser a través destes mercados, como así llo trasladaron os tratantes e algúns gandeiros.

Neste sentido, sinalou que "non é xusto" que aqueles que teñen que sacar as reses das explotacións se arrisquen a contaminarse nestas instalacións, cando os tratantes están a facer a separación destas en lotes de instalacións autorizadas e o gando está a saír con normalidade. Por tanto, asegurou, non hai problema na venda directa aos produtos de destino destes animais.

José González tamén trasladou na videconferencia unha serie de medidas que considera prioritarias para o sector agrícola galego mentres continúe declarado o estado de alarma debido ao Covid-19.

PERMITIR A VENDA AMBULANTE E OS MERCADOS MUNICIPAIS

Así, propuxo a posibilidade de venda ambulante para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimenticios de proximidade e para os vexetais por xunto e menor para a plantación en hortas, xa que, segundo indicou, o peche dos mercados está a dificultarlles chegar aos seus clientes.

Neste aspecto, tamén trasladou que a Administración autonómica entende posible permitir a celebración de mercados municipais só con este tipo de produtos básicos e sempre respectando as distancias de seguridade entre os postos e evitando aglomeracións.

Ademais, expuxo a posibilidade de permitir a circulación de traballadores profesionais e non profesionais dos sectores agrícola, gandeiro e forestal que queiran desprazarse ás súas parcelas ou lugares de traballo para facer certas actividades, sempre que acrediten a realización de tarefas agrícolas e cumprindo as recomendacións sanitarias.

Segundo indicou, este tipo de movementos non supoñen un risco para a saúde pública, pois son desprazamentos individuais a zonas, normalmente, próximas a vivendas. Así, aludiu especialmente aos viticultores das diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Ao fío disto, indicou que hai problemas de interpretación sobre o movemento de persoas de pequenas empresas que recollen colleitas, polo que solicitou a necesidade de facer excepcións no tocante á circulación de traballadores dos sectores agrícola, gandeiro e forestal en vehículos. Deste xeito, pide relaxar as esixencias nestes colectivos para garantir a actividade e a subministración.

ERTES

No referido á posibilidade de expor expedientes de regulación temporal de emprego (ERTEs) na industria agroalimentaria e forestal, o conselleiro pediulle ao Goberno central unha aclaración sobre a aplicación destes.

En concreto, sinalou que o Real Decreto recolle que se poderán levar a cabo estes expedientes por cuestións de forza maior, debido á paralización da actividade.

O conselleiro advertiu de que, neste sector, non existe esta parálise senón que hai unha redución da actividade, polo que moitas empresas se ven obrigadas a cesar. Por iso, reclamou que estas industrias se poidan acoller aos ERTEs e que se aclare a situación para a súa aplicación. Así, puxo como exemplo o caso das empresas forestais ou das adegas, que ven que os seus produtos non saen debido ao peche dos seus clientes habituais.

CONVOCATORIA DA PAC

Ao mesmo tempo, celebrou que a Unión Europea ampliase a convocatoria da PAC ata o 15 de xuño e que o propio ministro trasladase que ía ampliar, por orde ministerial, unha petición que a Xunta fixo o luns ao Goberno central para que solicitase a Europa a prórroga dos prazos das medidas financiadas con fondos FEADER.

Por último, en relación ao sector lácteo, subliñou a importancia de que se prorroguen os contratos alimentarios que venzan durante a vixencia do estado de alarma, para non deixar nunha situación de interinidade os gandeiros de leite.

O conselleiro de Medio Rural, José González, mantén unha videoconferencia co ministro Luís Planas e o resto de responsables autonómicos do ramo. XUNTA
O conselleiro de Medio Rural, José González, mantén unha videoconferencia co ministro Luís Planas e o resto de responsables autonómicos do ramo. XUNTA | Fonte: Europa Press

BRUXELAS

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, solicitou este mesmo xoves á Comisión Europea unha maior flexibilización nos prazos de solicitude de axudas da Política Agraria Común (PAC), co fin de evitar que a situación do estado de alarma derive nun incumprimento e perdas de fondos.

O ministro valorou a resposta do sector e eloxiou o "traballo e sacrificio" de produtores, traballadores e empresarios do sector agrario e pesqueiro, así como da distribución, ante esta crise sanitaria "sen precedentes", que desencadeou o estado de alarma.

De feito, este sector é considerado "estratéxico" conforme ao artigo 15 do real decreto que declara o estado de alarma, e que establece que as autoridades adoptarán as medidas necesarias para garantir o abastecemento alimentario.

Nesta liña, o ministro asegurou ás autonomías que o comercio polo miúdo asociado á actividade agropesqueira, e que fornece de insumos ao sector (sementes, fertilizantes ou xeo, entre outros), continuará prestando a súa actividade para prover da materia prima necesaria e imprescindible para o seu correcto desenvolvemento.

Como consecuencia do peche de establecementos hostaleiros e de restauración para facer fronte á pandemia, o ministro comentou que algúns sectores agropesqueiros están a pasar por dificultades debido a un descenso da demanda e que xa está a realizar un seguimento da situación.

Para realizar un diagnóstico preciso e detectar puntos críticos, tanto en pesca, como en agricultura e gandaría, o Ministerio contactará diariamente coas organizacións profesionais agrarias, confrarías, armadores, mercados almacenistas de abastecemento, industria e cooperativas agroalimentarias, así como coa loxística e a distribución alimentaria.

LIMITACIÓNS AO TRANSPORTE

Respecto das dúbidas expostas pola maioría das autonomías sobre o transporte de traballadores, o ministro explicou que está en contacto cos titulares de Sanidade, Interior e Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para buscar unha solución, aínda que incidiu en que as limitacións teñen por obxecto a defensa da saúde pública. Planas tamén anunciou a celebración dunha Conferencia Sectorial en abril para territorializar os fondos, sobre todo, os relacionados co desenvolvemento rural.

En materia de pesca, o ministro explicou que o seu departamento segue "moi de preto" a situación, tanto sanitaria como económica, das distintas frotas, a evolución do consumo de peixe, para articular as medidas que sexan precisas. De momento, non considerou necesario establecer paradas temporais, co obxectivo de garantir o abastecemento dos mercados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta