Sindicatos sanitarios piden material ante as "serías dificultades de abastecemento"

Enfermeira eventuais en loita esixe que, no caso de contratacións en unidades con casos positivos, o Sergas evite ofrecer días soltos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2020 | Actualizada ás 20:54

Comparte esta noticia

Varios sindicatos pediron ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que cuantifique o material existente de protección como máscaras, luvas e lentes, e esixiron a posta en marcha de medidas para evitar riscos a traballadoras embarazadas.

Deste xeito, nun comunicado remitido aos medios, a CIG pediu á Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) unha cuantificación destes equipos de protección ante as "numerosas queixas de persoal" por falta de material.

Ademais, pide que se poñan en marcha medidas para evitar riscos ás traballadoras en período de embarazo e lactación, así como que se unifiquen os criterios sobre o uso e transporte de roupa usada no hospital.

O sindicato asegura que "non é de recibo" que "por non saber a actividade que se desenvolve nas unidades" a dirección "decida" que non se proporciona "ningún tipo de material". Como exemplo, sinala que na UCI de Adultos, cun caso positivo en coronavirus, parece que "o material está non só racionado, senón que hai serias dificultades de abastecemento".

MEDIDAS PARA PERSOAL "SEN DISTINCIÓN DE CATEGORÍAS"

Noutro comunicado remitido aos medios, o Sindicato de Técnicos de Enfermaría (SAE) esixe medidas de protección para todos os profesionais sanitarios, tanto se forman parte do persoal habitual das plantas coma se son profesionais dun equipo de reforzo.

A organización sindical subliña que o risco é "o mesmo para todos os profesionais" e asegura que "dada a escaseza de material está a empezarse a correr o risco de crear categorías de profesionais de primeira (con dereito a EPI) e de segunda (sen EPI)", censura.

"NON Á CONTRATACIÓN IRRESPONSABLE"

Por outra banda, o colectivo Enfermeiras eventuais en loita chamou a loitar contra a crise sanitaria "da mellor forma posible" e rexeitou que a "contratación irresponsable" por parte dos distintos departamentos de recursos humanos do Sergas poida pór "en risco" tanto a pacientes como a persoal.

Así, entre outras cuestións, censurou que se ofrezan "contratos de días soltos" en unidades de hospitalización nas que se atopan casos positivos de Covid-19 para despois continuar en "outras nas que se atopan pacientes de maior risco".

"Significa que ese profesional hoxe estará en contacto con contaxiados e mañá poderá estar noutra unidade de hospitalización calquera ou nun centro de saúde", advirte o colectivo, que asegura que estes traballadores poden "contaxiar" calquera outro paciente.

Por iso, reclama que, no caso de realizar contratacións en unidades nas que se atopen pacientes positivos, se evite ofrecer días soltos e que sexan de maior duración.

Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus
Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus | Fonte: @miguelnuñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta