Así combaten as ambulancias o coronavirus desde a primeira liña e sen equipos suficientes

Persoal das ambulancias reclama urxentemente a aportación de material para evitar o contaxio por coronavirus. Desde o sector das ambulancias estiman que as empresas de EPIs, os equipos de seguridade individuais, tiñan material en stock para afrontar unha epidemia de gripe como as que se viviron en anos anteriores, mais agora a cuestión é que se viron desbordadas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/03/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O persoal de ambulancias é dos que están en primeira liña cando se trata dos primeiros contactos con contaxios por coronavirus. A exposición ao patóxeno pon en risco un grupo de profesionais que, para moitas emerxencias, son o comezo da cadea sanitaria para o tratamento dun ou dunha doente. É por iso que a petición de Equipos de Portección Individual (EPIs) está sendo a maior demanda de conductores, enfermaría, persoal médico e técnicos especialistas. O motivo, que en pouco tempo deixará de haber existencias deste material. Non por falta de previsión, senón xustamente porque ninguén contaba coa pandemia do COVID-19 e a súa virulencia.

Ambulancias do Sergas
Ambulancias do Sergas | Fonte: sergas.es

A FALTA DE EPIs

A falta de EPIs para protexerse dunha posible infección durante o seu traballo é o cabalo de batalla do colectivo de ambulancias. As empresas que subcontrataron o servizo de ambulancia son as que deben proporcionar os equipos. O persoal do 061 ten os EPIs desde o propio 061. Mais as existencias dos equipos de seguridade están agora, segundo as fontes consultadas, a piques de esgotarse.

Praticamente  as empresas están sen stock  e hai que aproveitar o que hai. Hai un bloqueo das existencias dende que se centralizou todo” di Yolanda, Técnico en Emerxencias Sanitarias (TES). Sobre a empresa para a que traballa, preguntámoslle se pode afrontar os próximos días cos EPIs que ten. “Están prácticamente sen stock, pero porque os subministros non chegan. Estanse a poñer  en contacto con centros de FP para mirar de xuntar todo o que sexa posible”.

"Estanse a poñer en contacto con centros de Formación Profesional, a ver se entre todos conseguimos xuntar algo de material para ir tirando”. Outras fontes consultadas para esta reportaxe din descoñecer este tipo de actuacións.

A conclusión desde UGT é que existían os stocks de equipos de seguridade necesarios, os previstos para un ano “normal” de picos de gripe ou doutras doenzas, mais isto superou todas as previsións. “Co actual ritmo de casos e ingresos, os traxes de protección e as máscaras acabarán moi rápido” di Óscar Vázquez, de UGT Ambulancias. “Estamos en contacto con outras partes do Estado e a situación é a mesma, non chegan os equipos que hai”.

AMBULANCIAS

Os vehículos medicalizados ou non, as ambulancias, foron parte das reivindicacións do persoal durante as folgas de 2019. Algunhas queixas do sector era a deterioración destes vehículos. Sobre este punto, a día de hoxe Yolanda responde que “as do 061 agora algo mellor do que estaban até o de agora xa que se estan empezando a utilizar as do novo concurso”, mais  “como non se lle fagan os arranxos oportunos voltaremos ó de antes en pouco tempo”.

Dentro do sector programado de ambulancias “o concurso (de concesión) aínda non remata ata agosto, o estado das ambulancias  é moito peor”. Por iso reclaman que a Administración se preocupe de realizar seguementos para que as empresas concesionarias fagan os investimentos precisos para o bo estado dos vehículos.

Sobre se o gasto en combustible suporá un insumo que poda superar tamén os orzamentos previstos, Óscar Vázquez cre que “non será un dato significativo” e insiste que o investimento prioritario agora mesmo son os EPIs. En relación cos equipos de seguridade, preguntouse sobre persoal de ambulancia contaxiado e Vázquez responde que os casos detectados están agora mesmo en corentena.

CONSECUENCIAS

A sensación imperante é que o peor está por chegar. A maioría de previsións apuntan que o pico de casos non chegará a Galicia ata a metade do mes de abril ou finais. En tal caso, ante unha situación así, as autoridades sanitarias é habitual que teñan ou protocolos ou guías para os profesionais para non resultaren afectados.

“Non recibimos ningunha (formación) e é unha das cousas que estamos reclamando. A nós non nos consideran persoal sanitario e faríannos as probas do Coronavirus como a calquera outra persoa” explica Yolanda, que sinala esta falta de formación como un risco tanto para eles como para o resto de poboación.

O persoal tamén denuncia a escaseza das recomendacións do Ministerio de Sanidade e mesmo diante das portas do previsible “pico” de casos. Esta situación mesmo a recoñecía Núñez Feijóo estes días. Ao presidente da Xunta estanlle facendo chamados de todos os sectores da sanidade para que acelere as solucións.

“Finalmente todos e todas caerán na conta da importancia que implica termos unha sanidade pública e mellorar as condicións dentro dela” sinala Óscar Vázquez. Mentres “Os TES estamos pedindo axuda polas redes sociais para conseguir todo o material necesario para poder seguir traballando en condicións” di Yolanda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Eu pido abertamente a dimisión do gobernó español e do goberno galego por non pechar Madrid un e blindar Galiza o outro. No caso de Madrid por ser o principal foco de contaxio tiña que ser pechada (como fixeron en China e Italia cos focos principais) e no caso de Galiza pq ao principio os casos eran minimos e pq temos una poboacion moi envellecida e por tanto que corre mais risco no caso de contaxiarse. Outro motivo para pedir dimisións e a centralización da xestion que claramente se ve ineficaz a hora de garantir os medios que solicitan os sanitarios. Basta de centralismo!.