Calculan que Galicia perderá 15.000 empregos e rexistrará unha caída do 1,4% do PIB pola crise do coronavirus

Os ERTE presentados na autonomía xa superan os 8.000, con máis de 45.000 empregados afectados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2020 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

Galicia perderá 15.213 empregos polas consecuencias económicas polo estado de alarma decretado a raíz do coronavirus, cunha caída do 1,4% do PIB, segundo estimacións do Centro de Predición Económica (Ceprede).

De tal forma, Galicia será a sexta comunidade con maior destrución de emprego en cifras totais, por detrás de Cataluña (-60.000), Madrid (-52.000), Andalucía (-46.000), Comunidade Valenciana (31.800) e País Vasco (15.655). No conxunto de España, perderanse 300.000 postos de traballo.

Perda de emprego en comunidades polo coronavirus, segundo Ceprede.
Perda de emprego en comunidades polo coronavirus, segundo Ceprede.

O impacto do 1,4% do PIB galego é lixeiramente inferior ao descenso medio do 1,7% que se vaticina para o conxunto do Estado.

Valorado un impacto medio no conxunto da economía española do 1,7%, os efectos nas comunidades percorren un amplo rango, con máximos en Baleares ou Canarias, da orde do 2,7% e do 2,1%, respectivamente, e mínimos localizados en Ceuta e Melilla, cuantificados en torno ao 1,1%.

Segundo Ceprede, a estrutura produtiva autonómica volve ser un factor determinante do impacto diferencial que sobre as súas respectivas economías podería provocar o estado de alarma.

É máis, considerando de forma illada a contención do consumo e, por tanto, obviando entre outras a posible penalización investidora, as dúas comunidades insulares fortemente vinculadas ás actividades turísticas preséntanse como as máis afectadas.

Tamén Cataluña, Madrid, a Comunidade Valenciana e A Rioxa superan o referente medio da nación, incorporándose nos seus resultados ademais dos servizos de aloxamentos e restauración, o comercio, os transportes e outros servizos de carácter privado, sendo este último sector o máximo responsable da deterioración esperada para a Comunidade de Madrid.

ERTES

O número de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) non deixan de crecer en Galicia desde o comezo do estado de alarma e xa suman un total de 8.276, con 45.440 traballadores afectados.

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, esta cifra a data de luns supón case duplicar os que había o pasado venres en Galicia, cando se rexistraban 4.239.

Entre estes ERTE, hai oito que se producen a nivel estatal, con 737 afectados na Comunidade. Así mesmo, hai 251 que teñen repercusión a nivel de toda a autonomía, con 5.509 empregados.

Xunto a eles, teñen lugar 3.172 expedientes temporais na Coruña --provincia con maior impacto--, con 15.651 traballadores; seguida dos 2.732 ERTE da provincia de Pontevedra, con 15.536 empregados.

Máis lonxe en cifras sitúanse os 1.058 ERTE na provincia de Lugo, con 3.726 traballadores afectados; e Ourense, con 1.055 expedientes e 4.281 empregados.

BANCO SANTANDER

Neste sentido, o Banco Santander acordou manter os postos de traballo en todas as súas sedes corporativas e a rede de sucursais en España durante o brote de coronavirus, segundo comunicou este luns.

"En plena emerxencia do coronavirus, o banco comprométese a non facer despedimentos colectivos nin a acollerse aos Expedientes de Regulación Temporal (ERTES) para garantir os 29.000 empregos directos que ten o banco en España", anunciou a entidade.

MEDIDAS DA XUNTA

Por outro lado, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse este luns por videoconferencia con entidades do sector financeiro para avanzar na posta en marcha de medidas de apoio a empresas e autónomos aprobadas no último Consello da Xunta.

No encontro participaron representantes de varias entidades bancarias e das sociedades de garantía recíproca Afigal e Sogarpo. Así, tratáronse actuacións para inxectar liquidez ante o impacto da crise polo coronavirus.

En concreto, centráronse na liña de financiamento a través de préstamos que permitirán mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros. Irán destinados a cubrir os gastos do primeiro trimestre de pemes e autónomos.

Esta iniciativa sempre quedará condicionada ao que finalmente aprobe o Estado; é dicir, a Xunta activa agora este mecanismo de liquidez, ata que o Executivo central poña en marcha as súas liñas de financiamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta