Denuncian a inutilidade da plataforma virtual educativa da Xunta para educar ao alumnado a distancia

Os sindicatos din que existe unha fenda dixital e que Galicia non está preparada aínda para instalar este sistema en todo o territorio. A Xunta, asegura que as ferramentas en liña están pensadas como materiais complementarios, non ferramenta para ensino a distancia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/03/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O intento de crear unha aula virtual para o alumnado durante esta corentena parece ter dificultades para ser aplicada, segundo os representantes sindicais do ensino. “Colleunos sen experiencia á maioría, ademais que nesta sociedade hai unha fenda dixital moi importante” di Luz López de CCOO-Ensino.

Alumnos.. XUNTA DE GALICIA - Arquivo
Alumnos.. XUNTA DE GALICIA - Arquivo

A cuestión da fenda dixital séntese sobre todo “polo estatus económico das familias” sinala López, por iso considera unha grande idea que as TV apliquen programacións destinadas ao público máis novo para subsituir a falta de acceso a plataformas educativas en rede.

A Consellería de Educación ten en rede o Espazo Abalar onde se pode dispor de contidos educativos. Mais Paula Carreiro de UGT-Ensino declara que “a aula virtual funciona porque o profesorado pon moito da súa parte” en referencia a recursos propios postos polos profesionais do ensino. Así “hai quen grava vídeos en redes gratuítas para achegar vídeos, sobre todo en materia infantil”.

“Á aparte, non hai ferramentas concretas para este tipo de educación virtual, porque a educación maioritariamente, é presencial” sinala Xesús Bermello de CIG-Ensino. Por outra banda, desde as centrais sindicais do ensino recomendan que se manteñan hábitos como “unhas horas ao día para que nenos e nenas manteñan a actividade” di Luz López.

A corentena non permite nin é aconsellable, que se avance en materia lectiva, porque non todo o alumnado ten acceso ao material online necesario. “No Espazo Abalar si hai material mais é material para facer exercicios online” sinala Paula Carreiro, que tamén apunta a dificultade de acceso á rede por parte dalgunhas familias.

"SISTEMA COMPLEMENTARIO"

A Consellería de Educación respode que as actuais ferramentas virtuais das que dispón o sistema educativo galego, "están pensadas como materiais complementarios, non como ferramentas de ensino exclusivo a distancia".

Segundo o departamento que dirixe Carmen Pomar, o profesorado galego recibiu unha guía con directrices para a formación a distancia nestes días, así poderán acceder a todas as ferramentas oficiais das que dispoñen.

No referido á fenda dixital, Educación sinala que as directrices que se lle deu ao profesorado recollen unha serie de ferramentas en liña para manter a atención ao alumnado. No caso de que non se dispoña desas ferramentas a vía empregada será a telefónica. Naqueles centros nos que se hai un menor desenvolvemento no uso das TIC están a facilitar material escaneado para o alumnado, ou indicando as páxinas do libro e actividades que deben realizar cada día.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta