O Goberno entrega 58.000 máscaras á Xunta, que as considera "insuficientes"

A Xunta, a través da Fegamp, inicia a repartición de 15.000 máscaras e 100.000 pares de luvas a concellos pequenos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2020 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

A Xunta recibiu este luns un novo lote de 58.000 máscaras proporcionadas polo Ministerio de Sanidade, co que xa son 85.000 as entregadas desde o inicio da crise sanitaria polo Executivo central á Administración autonómica, que insiste na necesidade de contar con máis material de protección.

"Benvidas sexan, pero non son suficientes", sinalou o número dous do Executivo galego, Alfonso Rueda, en declaracións realizadas este luns desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) na Estrada, onde presidiu unha reunión cos delegados territoriais da Xunta.

O vicepresidente da Xunta concretou que, desde o inicio da crise provocada polo avance do COVID-19, a Administración autonómica recibiu tres lotes de material sanitario: o primeiro o venres 13 (15.000 máscaras), o segundo o pasado venres 20 ("case" 12.000 máscaras) e o terceiro e último chegado este luns con 58.000 máscaras.

"Seguimos reclamando os envíos comprometidos polo Ministerio de Sanidade e o Goberno central unha vez que asumiron a centralización da adquisición de material sanitario e a súa distribución", incidiu Alfonso Rueda, que manifestou que a Xunta espera que estes envíos se concreten nos próximos días.

Neste sentido, expresou que hai "determinadas administracións", especialmente os concellos máis pequenos, que "a día de hoxe non teñen practicamente nada" e "necesitan" apoio desde as administracións.

"A día de hoxe, o apoio que teñen é o da Xunta de Galicia", asegurou Rueda, que confirmou que este luns arrincou a repartición de material sanitario a concellos pequenos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

CONCELLOS PEQUENOS

Deste xeito, farase entrega de 15.000 máscaras e 100.000 pares de luvas, unha "axuda importante" para que os municipios poidan seguir prestando servizos con seguridade e os empregados que realicen estas tarefas estean protexidos.

Tamén este luns comezan a despregarse polo territorio galego as brigadas compostas por persoal da Consellería do Medio Rural do servizo de extinción de incendios, que se dedicarán a traballos de desinfección en exteriores, centros sanitarios e residencias en concellos do rural e de menos de 50.000 habitantes.

Ademais, estes equipos tamén velarán polo cumprimento das medidas de confinamento e illamento social decretadas no Estado de Alarma. Así, patrullarán por camiños e pistas forestais, aínda que non terán capacidade sancionadora.

"Seguimos traballando xuntos e unidos. E seguiremos insistindo na importancia de gardar as medidas de confinamento, de illamento social. Isto é importantísimo, é a arma fundamental que temos para previr unha rápida extensión do coronavirus e ir aos poucos controlando a enfermidade", incidiu Rueda.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento. Xunta de Galicia
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta