Alerta na comarca de Trives pola chegada incontrolada de xente doutros puntos de España malia o estado de alarma

O alcalde de San Xoán de Río alerta de que son “bastantes” os que chegaron na última semana e media procedentes “de País Vasco, Cataluña, Madrid ou Valencia, poñendo en perigo a saúde da poboación desta comarca”. Os alcaldes de Trives fan un chamamento a estes visitantes, con segunda residencia, para que garden corentena de 15 días. Haberá notificacións á Garda Civil da súa chegada.

Por Alberto Quian | Madrid | 23/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A comarca de Trives (Ourense) está a día de hoxe, oficialmente, libre da COVID-19. Pero este escenario podería mudar e converterse nunha traxedia de gran magnitude. Nunha das zonas máis envellecidas de Galicia, a presenza de persoas chegadas de fóra sen control acendeu as alarmas nos concellos de San Xoán de Río, Manzaneda e A Pobra de Trives. As autoridades locais teñen constancia de que persoas con segunda residencia nesta comarca viñeron doutros puntos de España nos días previos a que se decretase o estado de alarma en todo o Estado, pero, o máis grave, tamén despois.

Labores de desinfección no concello da Pobra de Trives para evitar contaxios por coronavirus COVID-19
Labores de desinfección no concello da Pobra de Trives para evitar contaxios por coronavirus COVID-19 | Fonte: Concello.

En silencio, sen ser parados polos controis policiais, cidadáns con segunda residencia en Galicia estarían chegando desde as zonas máis afectadas a aldeas e vilas de aquí –o rural galego semella para algúns urbanitas o perfecto lugar para agocharse e illarse do virus–, tras decretarse o estado de alarma e restrinxirse a mobilidade dos cidadáns. Cando menos isto é o que están a denunciar os alcaldes da zona de Trives.

O alcalde de San Xoán de Río alerta de que mesmo seguiron chegando durante “esta última fin de semana”, sete días despois de decretarse o estado de alarma 

En San Xoán de Río viron como vivendas baleiras nesta época eran reocupadas polos propietarios que viven noutros puntos do Estado e acostuman vir aquí en períodos vacacionais. Un escándalo, polo incivismo e insolidariedade dos chegados, e pola falta de control policial que evidenciaría isto.

Moi preocupado por este descontrol, o alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua explica a GC que teñen varios casos detectados no seu concello e en toda a comarca “procedentes de País Vasco, Barcelona, Madrid, Valencia…”.

Asegura que algúns mesmo chegaron “esta última fin de semana”, cando se cumpriron sete días da declaración do estado de alarma.

Ante esta situación, comenta que “se está creando un rexistro coa xente que veu de Madrid, de Barcelona, do País Vasco… Temos un listado”.

"SON BASTANTES"

Segundo o alcalde, “son bastantes”. “Isto chegou parecer Semana Santa; moitos, cando pecharon os colexios, enviaron aquí os nenos cos avós, outros que son funcionarios e lles deron días libres, e mesmo xubilados, viñeron tamén… O xoves e venres antes de decretarse o estado de alarma, Trives parecía Semana Santa, cos bares e as terrazas cheos, coma se fose unha festa; por iso decidimos pechar todo xa o día 13”, insiste sobre esa chegada masiva de persoas coa súa vivenda habitual noutros puntos do Estado.

Pero ese fluxo non cesou. “Aínda esta semana pasada seguiu chegando sen control ás aldeas xente de Barcelona, Madrid, Valencia…”, lamenta o alcalde, que lembra a estas persoas que “cometeron un delito” ao saltarse o estado de alarma e “poñer en perigo a saúde da poboación desta comarca”, polo que “se notificará á Garda Civil” a súa chegada, advirte.

Malia isto, Pérez Blecua está convencido de que “seguirán chegando máis”, polo que fai un chamamento a que se pare isto.

Xosé Miguel Pérez avisa aos que chegaron estes días que “cometeron un delito” ao saltarse o estado de alarma e “poñer en perigo a saúde da poboación da comarca”

O alcalde lembra que xa antes de decretarse o estado de alarma, e “ante o que xa se sabía que estaba acontecendo”, no Concello decidiran adiantarse ás medidas restritivas “pechando o municipio” para “evitar que viñese ninguén de fóra”, unha medida que creou certa controversia como lembra: “Puxéronnos a parir e chamáronnos alarmistas e nazis”, lamenta.

Tamén recorda que desde o Concello se tomaron decisións temperás para protexer os veciños. “Fomos sempre varios días por diante nas medidas, dos primeiros en Galicia en tomar decisións, malia que algúns nos chamaban tolos”, subliña o rexedor, quen destaca que, entre outras accións, decidiron “chamar a cada un dos habitantes de San Xoán de Río que están en situación de risco para explicarlles a situación e as medidas adoptadas” neste municipio, “un dos máis envellecidos de Galicia, cunha media de 62,43 anos”, apunta o alcalde.

“O que lles dixemos foi que non debían saír da casa e que se necesitaban facelo para mercar algo, nos chamasen para levarlla”, prosegue Pérez Blecua. Outra medida temperá acordada foi “a fumigación de zonas comúns do municipio”. Todo isto, coordinado cos demais concellos da comarca, cun “comité de crise da área sanitaria formado por políticos, médicos e membros de Protección civil e das Forzas e Corpos de Seguridad do Estado”, engade.

“Agora coordinámonos mediante un grupo de Whatsapp que creamos e pasamos a información aos cidadáns tamén a través das redes sociais”, prosegue o alcalde.

A boa nova é que, de momento, “temos cero positivos por coronavirus na comarca”, celebra Pérez Blecua. Con todo, están “agardando as análises de varias persoas que chegaron de fóra e están illadas, para saber se están ben ou hai que tomar as medidas necesarias no caso de que estean contaxiadas”.

PIDEN QUE GARDEN CORENTENA DE 15 DÍAS E NOTIFIQUEN A SÚA CHEGADA

Ante esta situación, publicouse un comunicado conxunto do responsable desta área sanitaria e dos alcaldes de San Xoán de Río, Manzaneda e A Pobra de Trives no que solicitan “a todas aquelas persoas que se teñan desprazado” a estes concellos que “garden 15 días de corentena en domicilio” para “evitar a propagación de posible carga vírica”.

"Non pretendemos nin imos a estigmatizar a ninguén. Simplemente necesitamos ter un control rigoroso e serio para evitar contaxios", avisan desde os concellos de Trives

Para garantir que manteñan o confinamento e non poñan en perigo a saúde dos habitantes destas localidades, os concellos ofrecéronse a prestarlles “os servizos precisos” a estas persoas, incluídas compras de alimentos e medicamentos.

É por isto que puxeron a disposición destes visitantes varios teléfonos para que contacten inmediatamente coas autoridades locais:

  • Manzaneda: 988 33 30 43
  • San Xoán de Río:  608 88 08 44
  • A Pobra de Trives: 670 47 15 20

A preocupación na comarca é máxima pola presenza desta xente que veu de fóra e que aínda non se sabe se está contaxiada ou non. A eles, desde o Concello da Pobra de Trives fíxoselles un chamamento á “responsabilidade”, xa que a semana pasada recibiran unha soa chamada: “Sabemos que sodes moitos máis os que estes días chegastes aos nosos concellos. A mellor maneira de salvar vidas é que contactedes connosco. Non pretendemos nin imos a estigmatizar a ninguén. Simplemente necesitamos ter un control rigoroso e serio para evitar contaxios. Podedes ser portadores sen síntomas; sen sabelo. Debemos anticiparnos por vós e por todos os nosos veciños”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

1 Caspita

Que vaian a Monte Pio, seguro que o neno dos Peares os acolle apos de bicalos amabelmente..