Que ver en corentena. Filmes sobre a Guerra Fría para quedar quentiños na casa

A Guerra Fría deu de si moitos filmes. Hai onde escoller, entre xéneros, entre temáticas ou entre posicionamentos políticos. O caso é que desde documentais, filmes de espías e tamén comedias, este período da Historia é dos máis prolíficos cinematograficamente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/03/2020 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A lista que ides ler é só unha recomendación coa que vos queremos abrir a máis posibilidades cinematográficas en relación co período que foi de 1946 a 1991. Por iso achegamos unha miscelánea de ficcións, docudramas e comedias para que teñades uns días ou noites entretidos.

Imaxes de Kennedy e Kruchov
Imaxes de Kennedy e Kruchov

-Un día máis con vida (Another day of life) Raúl de la Fuente e Damián Nenow (2018)

Baseado no libro do mesmo título escrito polo xornalista polaco Ryszard Kapuściński, estamos diante unha obra fílmica innovadora. Primeiro por ser unha amálgama de deseños animados, imaxes de arquivo descoñecidas en Occidente e polo incalculable valor dalgunhas das entrevistas a persoas que coñeceron ao xornalista.

Estamos en 1975, Angola está a piques de ser independente, mais os dous bloques da Guerra Fría queren que este país fique do seu bando. Ryszard Kapuściński vai narrando eses momentos de tensión, cos sudafricanos diante das portas de Luanda para evitar un goberno comunista, os cubanos esperando se interveñen ou non e de súpeto, unha soa frase de  Kapuściński marcará para sempre un país e un momento da historia.


-O bo pastor (The Good Shepher) Robert De Niro (2006)

Aínda que os anos non pasan de balde, O bo pastor segue sendo unha boa maneira de explorar e coñecer o nacemento da CIA. Ambientado nos escuros círculos elitistas universitarios dos Estados Unidos primeiro e nos máis escuros anos da Guerra Fría (outra vez), esta fita narra a historia de Edward Willson, un estudante recrutado para a creación dunha rede de espionaxe dentro do bloque soviético. Desde as operacións en Cuba para tirar do poder a Castro, as hipotéticas manobras da CIA detrás do asasinato de Kennedy, estamos diante dun repaso de corenta anos de historia marcados polo medo a unha hecatombe nuclear.

Unha escena para lembrar é cando un italoamericano lle di a Willson que a súa comunidade ten a familia, os hispanos a súa lingua, mesmo os negros teñen a súa música, e pola contra, os norteamericanos de orixe inglesa ou centroeuropea e protestante “Vostedes que teñen?”. “Nós temos os Estados Unidos de América” responde Willson.


-A nebulosa da guerra (Rumores de Guerra – The Fog of War) Errol Morris (2003)

Un documental que non vos deixará indiferentes  pola indiferenza dos poderosos fronte a morte de millóns de persoas. Non vos deixedes abrumar. Este traballo mostra un economista, Robert McNamara, que como secretario de Defensa dos EE UU creou sistema de calculaba cantas bombas serían necesarias para derrotar un país. Creou a doutria M.A.D., acrónimo en inglés de Destrucción Mutua Asegurada, é dicir, que non quedara nada de pé despois da guerra nuclear.

Se vos gustan as historias reais sobre conspiracións, este documental vaivos deixar moi bo sabor de boca. Estades diante dunha peza que ten un valor histórico fenomenal, porque foi das últimas veces que McNamara falaba publicamente sobre o que foi para el ter nas súas mans parte do destino da humanidade.


-Teléfono Vermello, voamos sobre Moscova? (Dr. Strangelove) Stanley Kubrik (1964)

Si, un clásico. Predecible? Si, seguramente. Inevitable? Pois pode que tamén. O caso é que este filme demostrou dúas cousas. A primeira, que a responsabilidade de iniciar unha confrontación atómica estaba en mans de sociópatas e psicópatas moitas veces comestos  polas súas ambicións. A segunda, que aínda sendo catalogada como comedia, a Stanley Kubrik cadráballe mellor a cousa máis seria.

O filme é memorable tamén por outros dous puntos salientables. Primeiro, a polifacética multipersonalidade ou multicapacidade dramática de Peter Sellers para recrear máis dun personaxe (vai ti saber o que pasaba dentro dese cerebro). Segundo, o diálogo telefónico entre o presidente dos EE UU (Peter Sellers, como non) e o premier soviético bébedo nun presunto lugar de “divertimento”.

-O caso Farewell (Farewell) Christian Carion (2011)

Un filme francés sobre un caso real. Un xeneral soviético entrega aos franceses uns documentos que delatan a rede de espías industriais que o bloque do Leste ten en Occidente. A consecuencia inmediata é a caída de toda a rede, o descubrimento de todos os sistemas de defensa soviéticos e deixar moi tocado o aparello de intelixencia vermella dentro do Bloque Occidental.

Protagonizado entre outros, polo polifacético Emir Kusturica (Underground, Papá está de viaxe de negocios), é un filme ás veces lento, máis que nada porque se centra nos personaxes e as súas vicisitudes persoais e internas. Tamén busca reproducir en parte o modelo de vida durante aqueles últimos anos da Guerra Fría.

-Un, dous, tres (One, two, three)   Billy Wilder  (1961)

Comedia ambientada na cidade de Berlín cando estaba dividida en dúas partes. O executivo da Coca-Cola Company, C.R. McNamara (oh, casualidade!) quere ser o xefe da división europea da compañía con sede en Londres. O protagonista prepara o seu desembarco na capital británica, aínda que co pesadelo de ter fracasado nun negocio en Oriente Medio. Para dar o salto que ambiciona, decide arriscarse e prepara unha estratexia para vender Coca-Cola na Unión Soviética.

O actor protagonista é James Cagney, intérprete case sempre vinculado a personaxes duros, gángsters e boxeadores. O filme recibiu unha nominación ao Óscar de fotografía. Rechamante a última escena, cando o protagonista bebe un refresco da marca competidora da Coca-Cola, Pepsi.



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 recovery

creo que non eu xa as teño moi vistas recomendó EL HOYO - esta bastante ben! un saudo maña outra vez no hospital onte a zona de covid + xa cubria todos os box impares