CESM acusa á Xunta de "poñer en risco" a vida dos profesionais sanitarios por falta de medios

Este sindicato non descarta emprender "accións legais" contra o Sergas e denuncia que a situación nos hospitais de Vigo e A Coruña "é moi grave" polo "elevado índice de contaxios do persoal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2020 | Actualizada ás 09:51

Comparte esta noticia

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) esixe ao Sergas que, "con carácter urxente e inmediato", dote "a todos os centros sanitarios do material imprescindible para unha adecuada protección dos profesionais" co fin de evitar o contaxio e a propagación do Covid-19.

Así, a través dun comunicado de prensa, responsabiliza ao Servizo Galego de Saúde "dos riscos que están a correr os profesionais sanitarios que se enfrontan a diario ao coronavirus sen os mínimos equipos de protección".

Este sindicato médico lembra que o pasado 18 de marzo remitiu un escrito ás direccións xerais de Recursos Humanos, Asistencia Sanitaria e Recursos Económicos para que "se adoptasen as medidas precisas en canto a dotación orzamentaria, reforzo de persoal e medios materiais cos que facer fronte ao virus e tratar de conter a pandemia", matizou.

"Unha semana despois os facultativos seguen traballando sen unhas mínimas garantías, sen os EPIs, sen as máscaras FFP2 e FFP3 homologadas e sen as lentes necesarias, e o único que vemos é como se incrementa o número de contaxios e de falecidos, sobre todo nos complexos hospitalarios de Vigo e A Coruña, onde o contaxio esténdese como a pólvora e os equipos de protección non chegan, provocando unha situación de extrema gravidade", subliña CESM.

ACCIÓNS LEGAIS

Ante esta situación os representantes sindicais non descartan "emprender accións legais contra a Xunta", advertiu CESM, xa que "se está constatando a diario o incumprimento da Lei de Riscos Laborais, ao ter que traballar os profesionais sanitarios sen as mínimas medidas de protección".

CESM Galicia manifesta que, aínda que entende que existe un mando único á fronte da crise do Covid-19 en Madrid constituído polo Goberno de España, "o Sergas é quen ten que velar pola integridade dos seus profesionais", sentenciou.

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

"Madrid pide respiradores a Galicia, Extremadura e Andalucia". ¿E esto certo?. Se morre un so galego por falta de respiradores e nos enteramos que se enviaron a outra comunidade o gobierno galego debe dimitir inmediatamente. Outro motivo para pedir a dimisión do goberno galego e por non pechar Galiza. cando moitos dos casos chegaron de fora. Solidaridade si, mais a solidaridade comeza primeiro por os teus.