Os vídeos virais da corentena (III): cantos e contos que percorren as redes

Galicia Confidencial repasa de novo as redes para recompilar outros cantos vídeos que estiveron a facerse virais durante esta corentena.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2020 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

Vivimos uns momentos sen precedentes. Quen nos diría hai uns cantos meses que habiamos estar confinados nas nosas casas para superar unha crise sanitaria que afectaría a todo o mundo? A realidade chegou de súpeto e aquí nos atopamos, tirando das redes para nos entreter neses tempos mortos nos que non podemos tomarlle algo coas amizades. Eis unha recompilación duns poucos vídeos que andan a percorrer a Internet nestes días de corentena (Se che saben a pouco, volve pinchar nesta primeira entrega e nesta segunda entrega de vídeos virais da corentena).

Medomedá canta para quedar na casa
Medomedá canta para quedar na casa | Fonte: YouTube

"Para os histéricos dos supermercados". A música Sabela Galbán volve á carga con outra das súas composicións, dedicada, desta vez, a aqueles que arrasan co papel hixiénico cando van comprar ao supermercado. Un minuto e vinte segundos para entender, a ritmo de rumba, que non é necesaria tal ansia! Pincha!

"Quero ver como te ris por debaixo do narís". Non deixamos a música porque o grupo de rock Medomedá decidiu volver ás andadas para compoñer a súa propia melodía de corentena desde a casa. "Menuda tendes montada dende que non estamos!", anunciaban nas redes. "Queremos contar que quixemos cantar para conter a alarma. A modo terapéutico (para nós, que vós déstesnos tempo e agora téndesnos que aturar). E como hoxe é festivo igual é máis probable pillarvos na casa. Ou rimos ou morremos, e como a segunda opción é máis regulera, pois nada, con todos vós: NÓS!". Para todos nós, Medomedá:

Un chiste para a cativada. O actor e humorista Carlos Blanco vén de subir un vídeo ao seu Facebook que xa acumula máis de 67 mil visualizacións. Non son máis de dous minutiños, pero dálle tempo abondo para contar un conto aos máis cativos e cativas da familia. Segundo conta, tratouse dun encargo dunha profe para animar a rapazada de seis e sete anos nestes días tan raros que andamos a vivir. Aí vai!

Un raposo que andaba polo monte. Mini (Xosé Luís Rivas Cruz) únese tamén á cadea de contacontos para facer este confinamento máis levadeiro á cativada. Un relato pequecho pero ben bonito para aprendermos que a forza bruta non o é todo nesta vida. Escoitade!

A importancia de quedar na casa. Esta historia tamén é cativa, apenas dura uns cantos segundos, non precisa relato falado, e tampouco moitos medios, mais axiña entendemos a mensaxe que nos quere transmitir. Sexamos ese misto que sae da filla e impide que o virus siga correndo. Quedemos na casa!

"Goberno dimisión?". Non podemos tampouco deixar pasar estoutro vídeo do youtuber Miguel Charisteas onde opina ao redor daqueles que piden a dimisión goberno de coalición de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias. En non máis de tres minutos, repasa un lote de acontecementos que se foron sucedendo nestes días. Suma xa máis de 2,5 millóns de visualizacións e para moitos dá no cravo.

"Me han fuñigao, hija!". Rematamos esta viaxe polas redes co vídeo dunha señora de Valdestillas que nos encandilou a todos coa súa súa reacción ante un tractor que andaba desinfectando a súa rúa. Ocorreu durante unha reportaxe de televisión na Canle 8 de Castela e León. De seguro que é un deses momentos que pasará á historia. Mira, mira!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta