A Xunta di que son as residencias as quen "deben preocuparse por conseguir o material"

A Xunta sinala o pico para a fin de semana. O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade argumenta que "non ten sentido" que persoas das residencias que "presentan un cadro leve" se leven ao hospital "e ocupen espazo" que "ten que haber para xente con síndromes agudas respiratorios".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2020 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Ildefonso de la Campa, asegura que a Xunta de Galicia "dará resposta" ás necesidades das residencias de maiores --como a falta de persoal e de material de protección-- "conforme evolucione" a súa situación.

"As residencias deben preocuparse por conseguir material", sinalou de la Campa nunha entrevista a Europa Press este mércores, á vez que engadiu que "se o precisan a Administración facilitará ese material" e, "indubidablemente" será reforzado "o persoal a través de entidades sociais e empresas".

En calquera caso, este tipo de "solucións" iranse levando a cabo "conforme evolucione" a situación destes centros en Galicia, xa que "a epidemia non chegou cun número determinado de casos" e o aumento de positivos require distintas medidas para as que "se realizan todas as previsións" desde a Xunta, pero que non exime ás residencias "das súas responsabilidades" de facerse con material de protección.

Estas declaracións realizounas un día despois de que o Ministerio de Sanidade autorizase ás comunidades autónomas para reorganizar todas as residencias de Galicia en aras de intervir ante calquera situación análoga que se tercie e de que as privadas pasen a estar "tuteladas" polo Goberno galego.

Ildefonso de la Campa augurou que "nun tempo razoable se poida abrir o mercado para adquirir produtos dunha forma máis sinxela que nestas semanas" e, mentres tanto, lembrou que o Goberno galego "confía" na chegada de material encargado "este fin de semana" para "dar unha solución clara" ao principal problema das residencias, a carencia de Equipos de Protección Individual (EPIs).

Ademais, o director xeral sostén que se están realizando "protocolos e previsións por escenario" que contemplan a contratación de máis efectivos para manter os servizos no ámbito das persoas maiores e no das persoas con discapacidade e para "poder atender" as residencias integradas de Baños de Molgas e Porta do Camiño que habilitou a Xunta para determinados casos positivos de COVID-19 en centros de maiores de toda Galicia.

BAÑOS DE MOLGAS E PORTA DO CAMIÑO

En canto á posta en marcha destas dúas residencias integradas, de la Campa precisou que se realizarán máis traslados para "previr a infección" doutros residentes e que serán as autoridades sanitarias as que determinen "en que caso é necesario" a evacuación ou se, pola contra, "as medidas de confinamento da residencia son suficientes".

O director xeral garante que "o tratamento que se dá aos maiores" en centros públicos ou privados "é bo", que os traballadores "están a facer un sobreesforzo que todos deberiamos de recoñecer" e que "son un sector que están a cumprir das súas obrigacións".

Así, desde o Goberno galego tentan trasladar unha mensaxe de "tranquilidade" despois de que a Fiscalía Xeral do Estado iniciase unha investigación sobre o achado de anciáns falecidos xunto a outros vivos en residencias españolas. Neste sentido, destacou que "o sistema de inspección galego garante a atención" e ata agora "non se detectou ningún tipo de incumprimento", pero no caso de que así sexa "actuarase no ámbito administrativo" e "trasladarase á Fiscalía".

En Galicia póñense "as tiritas previamente" e por iso se reforzan "os servizos para trasladar a atención máis adecuada aos maiores e ás persoas vulnerables" con accións como a posta en marcha das dúas residencias integradas, declarou a Europa Press.

Cre, ademais, que a mensaxe trasladada polo Goberno central sobre o caso de persoas falecidas nestas residencias crea unha "alarma social inxustificada", porque verte unha información "sen explicar en que comunidades sucede e en que residencias".

ILLAMENTO EN RESIDENCIAS

Ao ser preguntado polos motivos que levan á Xunta a non trasladar aos infectados das residencias de maiores aos centros hospitalarios, como recomendan voces do sector, Ildefonso de la Campa argumentou que "non ten sentido" que persoas que "presentan un cadro leve" se leven ao hospital "e ocupen espazo" que "ten que haber para xente con síndromes agudas respiratorios".

Apela ás autoridades sanitarias, que son as que "determinan nesta crise" os casos que se trasladan e os que non e lembra que, igual que as persoas que deron positivo pero presentan un cadro leve permanecen nos seus fogares, o mesmo sucede coas persoas maiores que quedan illadas nas residencias. No caso de que ese desprazamento fose necesario realizaríase "sen demora".

En todos estes casos, a Administración autonómica será coñecedora das decisións que se vaian tomando nas residencias, xa que estas entidades deben actualizar a información "dúas veces ao día" e informar dos novos casos positivos, de sospeitosos e de protocolos activados.

Todo isto en vistas de controlar a expansión dun virus que en Galicia xa afecta a 97 persoas relacionadas coas residencias de maiores, 76 usuarios e 21 traballadores, segundo os últimos datos proporcionados pola Consellería de Política Social.

O director xeral de Mariores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de Cámpaa. Xunta de Galicia - Arquivo
O director xeral de Mariores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de Cámpaa. Xunta de Galicia - Arquivo | Fonte: Europa Press

SANIDADE ESTIMA QUE O PICO DE CASOS SERÁ DURANTE A FIN DE SEMANA

A Consellería de Sanidade estima para este fin de semana o pico do número de novos casos de infectados en Galicia e que a curva empece a baixar entre o sábado e o mércores, en función da evolución dos próximos días, polo que podería demorarse unhas xornadas máis.

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, Xurxo Hervada, quen matizou, no entanto, que se trata dun dos "posibles escenarios", porque o pico se pode atrasar, en función da evolución, xa que os contagios destes días maniféstanse en entre "tres e seis" xornadas.

Hervada explicou que resulta "moi difícil" determinar, "aínda mirando o que sucedeu noutros lados como China", cando en concreto terá lugar o pico, polo que puntualizou que un dos escenarios que manexan estímao para este fin de semana, pero "podería ir un pouco máis aló" no tempo.

Por iso, incidiu en que "agora hai que extremar" as medidas de hixiene para "esa baixada de casos esperada" para a próxima semana e manter o illamento social porque estes días "son os de máxima transmisión".

Para a detección de casos axustada á realidade, Hervada fixo fincapé na necesidade de contar con test dispoñibles para realizar á poboación, cuxa "capacidade de resposta" depende do Ministerio de Sanidade, concretou. "Non sabemos se dentro de tres días teremos subministración ao mesmo ritmo e iso condiciona os datos", destacou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta