Alonso Montero, fillo adoptivo do concello de Ribadavia

O Concello de Ribadavia convócanos o próximo día 24 ao acto institucional no que o profesor Xesús Alonso Montero será nomeado Fillo Adoptivo.

Por Xosé Glez. | Redondela | 10/11/2012

Comparte esta noticia
Unha honra que, por suposto, distíngueo cos mellores honores que pode recibir un cidadán. Pero tamén é unha honra para a corporación municipal que soubo valorar con acerto os méritos dun intelectual de prestixio e cunha traxectoria vital de compromiso coa cultura e lingua deste País. Ese mesmo compromiso manifestouno sempre que a ocasión o requiríu cos desfavorecidos e  cos que padeceron violentos  arrandeos por mor das inxustizas sociais. 
 
Nos primeros anos da década dos anos sesenta, tan determinantes no devir histórico de Galicia, Fenosa decidíu asulagar o val de Castrelo de Miño. As expropiacións fixeronse utilizando procedementos administrativos que o consello de ministros aprobara previamente. As mellores terras foron asulagadas. Contra esta inxustiza mobilizouse a intelectualidade do momento para apoiar aos labregos ribeiraos  nas súas reivindiacións. Ao fronte daquelas moiblización estivo Xesús Alonso Montero,Xosé L. Méndez, Luís Soto, Amadeo Varela, Ramón Otero Pedrayo, Blanco Amor e outros moitos.
 
Celebrouse no Hotel Roma de Ourense un banquete de despedida ao poeta Celso E. Ferreiro que marchaba para Venezuela. En realidade aquel xantar fora un pretexto para encubrir un acto de apoio aos laboregos de Castrelo de Miño. Desde Compostela viaxarán nun autobús os estudantes máis comprometidos coa causa galega. Otero Pedrayo, afouto coma sempre, denunciou “o feudalismo hidroeléctrico de Fenosa”. Secundouno Blanco Amor dicindo que o intelectual que non se comprometía co pobo estabao traizoando.
 
Coñezo ao profesor Alonso Montero desde hai moitos anos. Aínda que xa lera algúns dos seus libros, a primeira vez que nos vimos foi na Asociación Cultural de Vigo da que eu era secretario, en 1967. Viñera dar unha conferencia sobre Curros Enriquez. Ao rematar acompañeino deica o bar  que seu irmán Julio tiña na rúa Urzaiz. Convidoume a cear e falamos demoradamente. Aquela noite souben moito máis do galeguismo que había extramuros da editorial Galaxia. Cando nos despedímos agasalloume cunha edición resumida de “El Capital” de Carlos Marx  da Editorial Progreso de Moscú. 
 
Outro feito histórico uníunos en 1980. Daquela, organicei un curso de lingua galega para os funcionarios do Concello de Redondela que fumos a avangarda da galeguización no municipalismo. Alonso Montero veuno pechar cunha conferencia densa e aleccionadora para uns funcionarios  dispostos a restituir o noso idioma nos procedementos administrativos. A súa conferencia versou tamén sobre o compromiso coa lingua e o papel determinante que os funcionarios públicos terían no futuro para a normalización do noso idioma.
 
O día 24 asistiremos na Casa da Cultura de Ribadavia para participarmos na investidura dos honores  que a Corporación Municipal lle outorga. Parabéns para  el e aos rexedores municipais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA