Morre con coronavirus o exconselleiro do PP Dositeo Rodríguez aos 84 anos

O falecemento do exmandatario popular eleva a 46 as vítimas con COVID-19 en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2020 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O exconselleiro da Xunta e exmandatario do Partido Popular Dositeo Rodríguez faleceu este venres no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde permanecía ingresado con coronavirus desde mediados desta semana. A morte do conselleiro de Presidencia da Xunta entre 1990 e 1999 eleva a 46 as vítimas mortais con COVID-19 en Galicia e supón a terceira deste venres.

Dositeo Rodríguez canda Feijóo na súa toma de posesión no Consello de Contas.
Dositeo Rodríguez canda Feijóo na súa toma de posesión no Consello de Contas.

Rodríguez, nado no municipio de Ribas de Sil en 1935, ingresou a medidados desta semana no CHUS, onde deu positivo por coronavirus.

Licenciado en Dereito e profesor mercantil, desempeñou varios cargos na administración ata que deu o paso á política, onde ocupou a Consellería de Presidencia entre 1990 e 1999 durante varios gobernos do presidente galego Manuel Fraga.

Foi deputado autonómico durante seis anos e optou en varias ocasións á Alcaldía de Santiago de Compostela polo PP, formación da que foi portavoz municipal ata 2006, período no que, ademais, tamén exerceu de vicepresidente da Deputación da Coruña (entre 2003 e 2006).

Ademais, foi membro do Consello de Contas e do Padroado da Fundación Camilo José Cela.

A comezos deste ano 2020, Dositeo Rodríguez foi absolto xunto coa viúva do Premio Nobel, Marina Castaño, dun delito de malversación de fondos pola xestión da fundación en honra ao escritor nado en Iria Flavia (A Coruña).

Tras coñecerse a súa morte, o presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, publicou unha mensaxe na súa conta de Twitter na que expresa o seu pesar pola perda de Dositeo Rodríguez. "Sinto moito o falecemento de Dositeo Rodríguez. Un servidor público con maiúsculas, unha boa persoa e un bo amigo. Todo o noso agarimo para a súa familia. Que tristeza todo isto. Descanse en paz", escribiu.

CONDOLENCIAS DE POLÍTICOS, INSTITUCIÓNS E SOCIEDADE

A morte de Dositeo Rodríguez (Ribas de Sil, 1935) foi acollida pola sociedade compostelá con pesar. Foron diversas voces as que a través das redes sociais quixeron mostrar as súas condolencias polo seu falecemento.

Así, o Concello de Santiago, que preside Xosé Sánchez Bugallo --con quen coincidiu na súa etapa anterior como alcalde, emitiu un comunicado de prensa para expresar o seu "pesar" e as condolencias á familia do falecido.

A estas condolencias sumáronse a familia popular empezando polo seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o seu secretario xeral, Miguel Tellado; o actual presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín García; a Fundación Cela; a Amtega; o que foi o seu 'rival' político e actual deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; o PSOE compostelán --ademais do alcalde--; e o xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, José Ramón Juanatey, entre outros.

Tamén os socios do Clúster Tic de Galicia, que preside Antonio Rodríguez --fillo do finado--, expresou o seu pésame pola morte de Dositeo Rodríguez, falecido aos 84 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta