“Os artistas, non sei se todos eu polo menos si, sempre estamos confinados”

O cantautor Emilio Rúa vive a corentena tranquilo, en silencio, e case sen veciños nun lugar do concello de San Cibrao das Viñas. Aproveitamos para saudalo e preguntarlle polo seu último disco, ‘Novelovento’.

Por X.M. Fernández | Ourense | 30/03/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Preguntámoslle a Emilio como leva a corentena e o primeiro que nos di, entre risas, é que “os artistas, non sei se todos eu polo menos si, sempre estamos confinados coma quen di”. Dinos que en xeral lévao ben e que esta situación xeneralizada fai que nos preocupemos máis pola xente que nos rodea e que se nos fai difícil non poder saudar coa man ou con bicos aos demais. Neste senso recoñece que “aínda que eu como artista estea absorto no meu mundo necesito ver á xente cara a cara... e mirarlle aos ollos para min é fundamental”.

'Novelovento', libro-disco editado por Galaxia. Foto: E.G.
'Novelovento', libro-disco editado por Galaxia. Foto: E.G.

Confésanos que non fai moita vida nas redes sociais, que prefire estes momentos para pensar, compoñer e ler e pregúntase por que a xente non aproveita “para pararse a pensar, pero pensar de verdade e recapacitar, escribir os seus pensamentos, ler, mirar ao ceo como pasan as nubes ou a polución vai desaparecendo e tantas e tantas cousas que fomos perdendo e que non nos decatamos diso, e son vitais”.

Agora, si, falamos con el da súa nova obra discográfica.

Como e cando xurdiu a idea de poñerlle música e voz a poemas do mestre Cunqueiro?

Hai 20 anos fixérame coa escolma da súa poesía e xa tiña moitas anotacións feitas nese libro en concreto de Herba aquí ou acolá, que apartei porque non era o momento de pórlles música. Pero no 2019, a escritora Ánxela Gracián animoume a que revitalizara a poesía de Cunqueiro, concretamente este poemario, porque vía que nunca antes se fixera. Considerou que eu era a persoa ideal para facelo e foi así como volvín a Cunqueiro despois de 20 anos. Casualidades da vida.

Emilio Rúa. Foto cedida
Emilio Rúa. Foto cedida

No 2019, a escritora Ánxela Gracián animoume a que revitalizara a poesía de Cunqueiro

‘Novelovento’, por que este título?

No poema ‘Retorno de Ulises’ Cunqueiro fai un xogo de palabras con Novelovento que dan unha sonoridade e un misterio a ese poema moi curiosos deixando aberto un universo para a súa interpretación con esa palabra. Penso que define o carácter xeral do seu libro no que abrangue unha poesía experimental pero moi profunda. Para min define á perfección este poemario. Unha palabra con moita forza e sobre todo con moito encantamento.

E por que a súa obra "Herba aquí e acolá”?

É a obra máis complexa do autor. Complicada tal vez. Poemas densos e de moita profundidade. E porque nunca se lles puxera música antes e iso xa ten o valor engadido, e tamén porque aí residía o reto para min.

Foi difícil facer a escolma dos 14 poemas sobre os que traballaches?

Centrar un poemario completo en 14 cancións sempre é difícil de facer. Sobre todo porque cando escolles 10 empezan a saír dúas máis e logo outras dúas e chega un momento no que os farías todos porque cando te metes de cheo nunha obra como a de Cunqueiro é difícil non seguir o seu fío que tira de ti e é lóxico que sexa así porque é unha obra coherente e chea de sentido.

Cando te metes de cheo nunha obra como a de Cunqueiro é difícil non seguir o seu fío que tira de ti... 

Que criterio seguiches para escollelos?

Fixen unha escolma persoal de todos eles. Centreime nos que me parecían máis ‘moldeables’ á hora de pórlles música e que tiveran unha temática máis doada de entender por así dicilo. Aqueles versos que dan xogo para cantar. Poemas que tiveran versos con forza dun retrouso e hai uns cantos que cobran esa forza aínda que non o parecera ao lelos.

Que instrumentos acompañan a túa voz neste traballo?

Os que toco eu habitualmente que son piano e guitarra, logo para a produción dalgúns poemas utilicei programacións, ademais de tres instrumentos de vento da escola de música de Mondoñedo.

Cóntanos como foi a colaboración dos nenos e nenas da Escola de Música?

Pois foi unha idea que saíu de Elena, a alcaldesa de Mondoñedo, que cando comecei coa idea de facer o libro disco e llo comentei ela enseguida o propuxo o cal me pareceu perfecto, ideal e de recibo para Mondoñedo. Unha idea dunha persoa con moita visión. Logo os nenos xunto co seu profesor... foi moi doado traballar con eles por que son bos intérpretes do seu instrumento porque quen toca así tan só pode ser por unha razón: horas e horas de dedicación, o que o di todo deles.

Foi unha idea que saíu de Elena, a alcaldesa de Mondoñedo

Ofreces concertos online como outros artistas?

Algún vídeo si fixen e enviei a algún colectivo que mo pediu. Cando empezou todo isto comezou este repentino movemento de todo o mundo a subir vídeos, a conectarse para que a xente non se sentise soa e iso que pasaran tan só pouquiños días. E eu pregúntome: o ser humano non pode empregar este 'tempo de kitkat' en facer outras cousas que non sexa seguir xustificándose nas redes sociais?. Pararse a pensar, pero pensar de verdade e recapacitar, escribir os seus pensamentos, ler, mirar ao ceo como pasan as nubes ou a polución vai desaparecendo e tantas e tantas cousas que fomos perdendo e que non nos decatamos delo, e son vitais. Tempo para un mesmo tamén. Entendo que vivimos nese mundo tecido polas redes e é tan ocioso á vez que frío e que resta tanto tempo, pero eu son feliz doutro xeito que non é ese. Creo que isto faría máis falta cando levemos 20 días encerrados na casa non? Ogallá que todo pase axiña e nos balcóns sigan a soar os instrumentos e os cantos pero dáme que volveremos ao noso día a día, porque é o que di e quere todo o mundo, e quen faga de novo actos tan fermosos coma os que estamos a ver será visto outra vez coma un bicho raro. Ogallá me equivoque, porque significaría que aprendemos dunha vez a valorar a sanidade e a cultura.

E eu pregúntome: o ser humano non pode empregar este 'tempo de kitkat' en facer outras cousas que non sexa seguir xustificándose nas redes sociais?

EMILIO RÚA

Emilio Rúa mamou a música dende moi pequeno. Comezou con sete anos na orquestra familiar Concorde Atenea, formada polo seu pai e os seus catro irmáns maiores, e con vinte e catro emprendeu unha andaina en solitario como cantautor que suma xa dez discos propios e catro como colaborador.

Como compositor e músico destaca polo seu carácter intimista, por tirar moito da tradición e por levar sempre ao galego por bandeira. No seu traballo "Duetos" (2018) fixo algunha concesión cantando temas en castelán pero tamén fixo cantar en galego a artistas como Víctor Manuel, Pablo Milanés, Rozalén, Javier Álvarez ou Josele Santiago. Neste 2020 vén de sacar ao mercado “Novelovento”, traballo no que pon voz e música a 14 poemas de Álvaro Cunqueiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta