Feijóo avisa que o pico da epidemia aínda tardará en chegar: "Abril será peor que marzo"

O presidente da Xunta di que a súa responsabilidade neste momento é ser portador "de malas novas" e non vai "enganar" aos galegos. Pide ao Goberno español que "non esqueza" que o PP foi "moito máis leal" que "algúns dos seus socios".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2020 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou que o seu Executivo prevé que a crise sanitaria do coronavirus afectará en Galicia con maior virulencia en abril, xa que "empezou máis tarde" aquí que noutros lugares e é en abril —mes que arrinca este mesmo mércores— cando se espera "o pico".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos | Fonte: Xunta.

"Abril será peor que marzo. Espérannos semanas máis duras que en marzo", constatou Feijóo, nunha comparecencia 'en liña' ante a prensa na que lanzou, en todo caso, unha mensaxe positiva: confía en que a "anticipación" coa que traballou Galicia en cuestións como a compra de material ou ao decretar o estado de emerxencia sanitaria poida dar os seus froitos.

Así, remarcou que, aínda que a situación está "peor", Galicia e os galegos tamén están "máis preparados" para afrontar as consecuencias da crise do coronavirus. Dito isto, remarcou que a súa responsabilidade neste momento é ser portador "de malas novas" e que non vai "enganar" aos galegos.

Deste xeito e, "a falta dos datos oficiais que o Goberno estará a elaborar", Feijóo explicou que o Executivo galego solicitou datos e feito táboas segundo a experiencia doutras comunidades e países estranxeiros, co fin de "poder planificar con maior aproximación" as respostas que haberá que dar "nas próximas semanas e sobre todo en abril".

"Manexamos distintos modelos e escenarios, pero todas as análises coinciden: non chegamos ao pico, aínda que esperemos que nos esteamos achegando", dixo Feijóo, quen avanzou que en abril haberá máis pacientes hospitalizados por coronavirus e tamén máis camas de UCI ocupadas que neste mes de marzo.

"Todos temos que asumir que se este marzo foi duro, máis duro desde un punto de vista clínico e asistencial será abril", sentenciou.

"LEALDADE" AO GOBERNO ESPAÑOL

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este martes a "lealdade" coa que, ao seu modo de ver, se comportou o seu partido, o PP, no marco da crise sanitaria do coronavirus, ao apoiar ao Executivo que lidera o socialista Pedro Sánchez en decisións como decretar e prolongar o estado de alarma en España.

Así o trasladou tras ser preguntado polas declaracións realizadas na pasada xornada polo líder do PP, Pablo Casado, quen se queixou de que os medios estaban a pór o foco "no positivo" da crise sanitaria, sen "mostrar a cara do que está a pasar nas morgues", e se o popular tería que comportarse cunha maior lealdade cara ao Goberno.

"O estado de alarma prolongouse en España co apoio de Casado e do PP. No momento máis importante para España e cando máis se necesitaba o apoio do PP, deullo", sentenciou o tamén xefe de filas dos populares galegos, antes de engadir: "O PP estivo aí dando o seu apoio ao Goberno e outros non".

De feito, remarcou que o PP "estivo aí, malia que dous días despois dese real decreto se fixese o contrario do que se dicía para a actividade económica". E é que, lamentou Feijóo, o Goberno "cambiou de opinión sen dar ningunha información ao líder da oposición".

Ao seu modo de ver, o PP "non merece" esa actitude. Por iso, "con independencia das distintas opinións e sensibilidades", advertiu de que o Goberno "non debería esquecer que o PP foi moito máis leal que algúns dos seus socios (de investidura)", en cuestións como a relativa ao estado de alarma.

"Entendo que isto os españois saberano valorar e o Goberno tamén", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta