Unha familia de Ourense lanza Radio Concordia cun presentador de 90 anos para pasar o confinamento

Julio Rivera converteuse en locutor radiofónico, co apoio do seu fillo Luís como técnico de son.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2020 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A radio reinvéntase en Ourense da man da familia Rivera para adaptarse ao confinamento pola crise do coronavirus. Así, xurdiu Radio Concordia, un espazo de faladoiro con minutos musicais que ten como presentador radiofónico estrela a Julio Rivera, de 90 anos, e como oíntes aos veciños recluídos nas súas casas da céntrica rúa Concordia da cidade das Burgas.

Radio.
Radio.

Un estudo improvisado no patio exterior da vivenda familiar, un modesto equipo composto por un altofalante bafle e un micrófono e "o aburrimento como nai do enxeño", explicaron, foron suficientes para pór en marcha esta iniciativa que se desenvolve diariamente por espazo dunha hora, de 12,30 a 13,30 horas.

"Non é unha emisión ao uso", insistiu en sinalar Luís Rivera, o fillo de Julio Rivera, que desempeña as funcións de técnico de son. Encárgase de buscar cancións para intercalar entre os 'speech' do seu pai. No entanto, o que podería parecer unha tarefa sinxela non o é tanto dado que nesta emisora "non existen escaletas nin guións previos".

A maxia da improvisación flúe pola garganta de Julio Rivera que salta dun tema a outro en cuestión de minutos mentres Luís se volve "un pouco tolo" para atopar cancións en Youtube que se adapten aos xiros de 360º dos discursos do seu pai, explicou.

UN ESPAZO PARA A CRÍTICA SOCIAL

Pasan uns minutos das 12,30 horas deste martes cando a canción 'Radio Ga Ga' de Queen deu paso ao retintín de Julio Rivera. Micrófono en man comezou o programa "agradecendo a atención que lles prestan".

A continuación, pasou a transmitir os resultados dunha ficticia enquisa repartida entre todos os veciños da rúa Concordia. A modo de broma, para medir unha audiencia entre a que di que "hai a quen lle gusta e a quen non" explica enviar 1.400 enquisas ás que só responderon tres persoas co seguinte resultado: "Un positivo, unha abstención e un non sabe, non contesta". Dado que existe un empate técnico, Julio Rivera decidiu "someter a solución á Sociedade Española de Radiodifusión".

A el gústalle estar ao tanto da actualidade informativa local, por este motivo o seu programa ten un espazo para a crítica social. Este martes falou da "peonalización da rúa Concordia, que non da rúa da discordia", aínda que ás veces puidese parecelo dado o balbordo da opinión pública ante esta decisión do goberno municipal.

O nonaxenario xa alcanzou o seu particular consenso sobre o destino da rúa Concordia. "Os veciños da parte dereita terán zona peonil, os residentes da esquerda, zona normal e os moradores independentes queren que o centro da rúa se converta nunha grande escaleira mecánica que enlace directamente o Parque de San Lázaro co cemiterio, sen que falten paradas", manifestou.

Ademais, sempre ten un oco para a crítica. Primeiro co seu fillo ao dicir que "calcula que suspendeu na Escola de radio" despois de que soen uns molestos axustes. Tamén reproba aos gurús da radiodifusión como Julia Otero ou Luis del Olmo.

REMOVER CONCIENCIAS

Ademais de como forma de pasar o intre, Julio Rivera tivo a idea de crear Radio Concordia ao observar que "Ourense está a padecer unha fobia social duns contra outros que é peor que o coronavirus".

Este presentador radiofónico exprésase sen censura e sen ningún outro límite que o de non traspasar a barreira do respecto e a boa educación desde o patio exterior da súa casa, segundo explicou. É consciente de que terá partidarios e detractores pero, como el di, "as ondas son libres e os seus discursos nunca ofenden persoalmente a ninguén".

Neste punto, mostrou o seu descontento coa clase política incapaz de chegar a ningún tipo de acordo pero no seu discurso tamén hai espazo para os distintos estamentos sociais aos que di ver "un pouco durmidos, ao non responder coa xenerosidade que debésemos ao momento que nos toca vivir".

Así mesmo, apelou á solidariedade no seu programa, o que el denomina como "pasar do solidario civil ao solidario fraterno" e ser capaces de "sentir pena polo veciño de abaixo senón ten quen lle chame, aínda que sexa un millonario".

"Se removo algunha conciencia doume por tranquilo, de non ser así os que me coñecen dirán que é cousa de Julio Rivera e acabouse", explicou. "Ourense sempre tivo tolos oficiais e tolos afeccionados, os segundos somos nós, os da radio, os do teatro e os da música", continuou.

Precisamente eles son unha familia movida polo amor polas ondas. Julio Rivera confésase seguidor de "case todos os programas de radio" desde que de pequeno pasaba as tardes no estudo EAJ 57 Radio Ourense situado na rúa das Tendas "dando a lata" ao locutor.

En Radio Concordia, polo momento, non teñen unha liña telefónica directa, pero cada vez teñen máis chamadas e xa chancearon con que "os chamaron desde Onda Cero queixándose de que lle quitan audiencia na franxa horaria de 12,30 a 13,30 horas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta