Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/04/2020 | Actualizada ás 14:00
Os líderes do PSdeG e do BNG, Gonzalo Caballero, e Ana Belén Pontón, saíron este mércores en defensa da decisión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de doar e ceder material sanitario a Madrid, principalmente respiradores, a pesar de recoñecer que está buscando ese mesmo material sanitario no mercado chinés para afrontar o pico que se agarda a comezos deste mes.
“Neste momento hai que ser responsables. A sanidade é un dereito de todos os cidadáns, máis alá dos que teñen sanidade pública e privada e non pode haber diferenciación entre autonomías e hai que afrontar de xeito conxunto esta crise”, apuntou Gonzalo Caballero nunha rolda de prensa telemática. Na mesma liña, Ana Pontón destacou que se trata “dunha cuestión de solidariedade que sempre ten que funcionar”. “Nós non imos criticar que iso se faga”, engadiu.
Deste xeito, os dous líderes políticos recoñeceron que “hai unha situación límite” e algunhas autonomías están “desbordadas”, sen camas UCI, respiradores, máscaras ou material de protección. “Eu entendo que temos que axudalos porque todos temos que ter dereito a estar nunha cama cun respiradores e é normal que as autonomías pidan respiradores e todos temos que ser o máximo solidarios posibles”, dixo Caballero.
TRASLADO DE PACIENTES A GALICIA
Por iso, tamén apoiaron que se poidan trasladar pacientes a Galicia, se é o caso, aínda que recoñeceron que o país entra agora na súa peor fase e precisará de todos os seus recursos sanitarios posibles. “En Galicia estou preocupado pola evolución do virus, aínda que non sexa como en Madrid. Preocúpame como cidadán, xa non só como político”, dixo Caballero. “É importante que todas as camas de UCI estean ao servizo do público, tamén os privados e que cheguen canto antes os respiradores dos que falou Feijóo”, engadiu.
“Non temos constancia de que se traian pacientes a Galicia. Eses traslados se darían de común acordo e se aquí se prevé que hai que dotar de máis camas aos hospitais para atender o pico non parece que aquí se trasladen pacientes”, apuntou Ana Pontón.
ESTRATEXIA PARTIDISTA
Con todo, tanto o líder do PSdeG como a do BNG tamén advertiron que isto non significa que se utilice esta crise para facer estratexia partidista. “Non vou caer na demagoxia, nin na loita partidista porque hai que preservar a sanidade e a saúde dos cidadáns”, dixo. Por iso criticou as “estratexias de acoso e derrubo e do pin, pan, pun dalgúns sectores”, nomeadamente de Vox e do Partido Popular, para atacar ao Goberno de España. “Non están á altura política”, dixo. Pola súa banda, Pontón criticou a Feijóo por dicir que faltaban respiradores e dous días despois mandalos a Madrid. “E ten que aclarar se era verdade ou facía desgaste partidista”, suliñou.
PICO DE ABRIL
Sobre o pico do virus en Galicia previsto para esta primeira quincena de abril, os dous dirixentes recoñeceron que “ven o peor”. “A curva en Galicia está atrasada como o doutras autonomías e nese sentido os decretos de confinamento foron axeitados”, dixo Caballero.
“A sanidade galega ten que estar preparada para o pico que vai vir e mobilizar todos os dispositivos que ten a sanidade galega; abrir os hospitais pechados e tamén mobilizar á sanidade privada. O último recurso sería a apertura de hospitais de campaña”, engadiu Pontón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.