As vendas do sector pesqueiro caen un 96% e a Xunta pide aclarar se o marisqueo é esencial

CC.OO. pide á Xunta que non permita a apertura do sector da alimentación o Xoves Santo. Cámara de Comercio da provincia de Pontevedra ve "insuficientes" as medidas anunciadas polo Goberno. Doutra banda, a paralización das obras afecta a 80 actuacións da Xunta con investimentos de 240 millóns de euros. Os traballadores afectados por ERTE en Galicia superan os 150.000 e as empresas en concurso poderán presentar ERTE se se ven afectadas pola crise sanitaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2020 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, dirixiuse ao Ministerio de Sanidade para pedirlle que aclare se o marisqueo é unha actividade esencial ante a situación que atravesa o sector durante o estado de alarma, con caídas nas vendas do 96% debido ao peche da restauración.

Coronavirus
Coronavirus | Fonte: diariojuridico.com

Quintana entende que o sector mariquero non está a participar actualmente na cadea de subministración, polo que manter a extracción dificultaría a recuperación económica futura e prexudicaría o estado dos recursos.

Neste sentido, a Xunta demanda un mecanismo simplificado polo que os profesionais do marisqueo poidan xustificar a baixada de ingresos pola crise do coronavirus e acceder de forma rápida á prestación extraordinaria polo cesamento de actividade. Lembra que os moluscos bivalvos son produtos perecedoiros e é un inviable o seu almacenado para posterior comercialización.

CONTINÚAN SUBINDO OS ERTE

Galicia conta con 151.141 traballadores afectados nun total de 28.814 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), segundo datos da Xunta este mércores. Respecto das cifras do martes, tanto os expedientes de regulación como os empregados inmersos crecen preto dun 4% na autonomía.

Por provincias, Pontevedra segue como a que ten máis empregados afectados (60.628), cun total de 9.932 expedientes. Na Coruña son 50.130 afectados en 11.004 ERTE. En Ourense, hai 14.142 afectados en 3.559 ERTE. Lugo é a provincia cun menor impacto en cifras globais, con 12.266 empregados e 3.447 expedientes. Os expedientes a nivel autonómico soben a 838 e xa rozan os 14.000 empregados. A nivel estatal hai 34 activos, pero sen datos sobre traballadores.

EMPRESAS EN CONCURSO PODERÁN PRESENTAR ERTE

O Goberno permitirá ás empresas en concurso presentar expedientes de regulación de emprego (ERTEs) de forza maior ou por causas organizativas, técnicas, económicas e de produción se se ven afectadas pola crise sanitaria, segundo figura no Real Decreto-lei de medidas urxentes aprobado onte polo Consello de Ministros e publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Segundo explica o Executivo na exposición de motivos da norma, a conxuntura económica orixinada pola crise do Covid-19 "constitúe un obstáculo adicional á viabilidade das empresas concursadas" que pode provocar a imposibilidade de subscribir ou cumprir un convenio, abocándoas á liquidación-

Por esta razón, considera imprescindible que estas empresas poidan acceder nas circunstancias actuais a un ERTE, sen ver menoscabada a súa viabilidade ao poder gozar das vantaxes asociadas á nova regulación dos ERTEs.

Segundo detalla o Real Decreto-lei, as solicitudes ou comunicacións dos expedientes deberán ser formuladas pola empresa concursada coa autorización da administración concursal, ou pola administración concursal directamente, segundo o réxime de intervención ou suspensión de facultades patrimoniais.

SECTOR DA ALIMENTACIÓN

O sindicato CC.OO. reclamou este mércores, nunha carta remitida á Xunta, que se declare non hábil no sector da alimentación o próximo 9 de abril, Xoves Santo. Tras recoller as "demandas" dos traballadores, o sindicato considera que permitir a apertura de establecementos de alimentación o Xoves Santo é "inseguro e innecesario". "Cremos que é prioritario asegurar a protección das persoas traballadoras, especialmente expostas nesta situación, e que abrir nun festivo coma este resulta contrario ao sentido común", destacan.

Do mesmo xeito, reivindican a "enorme presión sufrida por estas traballadoras" durante estes días, para as que "a necesidade de descanso é evidente". A maiores, o sindicato reclama que se modifique a resolución do 15 de marzo en relación á apertura de establecementos comerciais de alimentación e esixiu que se "definan os seus horarios de apertura", limitándoos para contribuír a frear a pandemia.

O sindicato lembra que a garantía no acceso a produtos básicos debe ser "compatible" coa "seguridade e saúde dos persoais" e considera que as normativas liberalizadoras da apertura poden "ter un efecto chamada xusto no momento de maior confinamento da poboación".

PARALIZACIÓN DAS OBRAS

A paralización das obras en virtude da orde do Goberno de suspender toda actividade non esencial afecta a unhas 80 actuacións públicas promovidas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Administración autonómica que suman un investimento de case 240 millóns de euros. Diso informou o departamento que encabeza a conselleira Ethel Vázquez, que este mércores mantivo un encontro por videoconferencia con representantes do sector da construción, entre eles, o presidente da Federación Galega de Construción, Diego Vázquez Reino.

Na reunión, segundo recolle un comunicado, o Goberno galego manifestou a súa vontade de "impulsar medidas" para "minimizar" o impacto da crise do coronavirus no sector da obra pública e a construción. Neste sentido, a Xunta "axilizará" os pagos das certiciacións por traballos xa executados e articulará medidas para "dinamizar" as obras públicas cando finalicen as restricións, algo que, como destaca Infraestruturas, "preocupa" ás empresas do sector, que conta con 76.000 traballadores, dos cales máis de 26.000 son autónomos.

Outro dos asuntos trasladados pola patronal do sector da construción foi a necesidade de que o Goberno central habilite mecanismos telemáticos para trámites administrativos relacionados con "determinados procedementos" de cara á reactivación da actividade cando así sexa decretada.

CÁMARA DE COMERCIO

A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa valorou a aprobación da moratoria do pago das cotizacións á Seguridade Social durante seis meses dos autónomos e empresas realizada polo Goberno para frear as consecuencias da crise sanitaria do COVID-19, aínda que considerou que esta medida resulta "insuficiente".

Nun comunicado, a entidade incidiu en que a situación actual require da aplicación de "medidas excepcionais" que permitan asegurar a continuidade do tecido produtivo co obxectivo de garantir que a recuperación tras a crise sanitaria teña lugar "canto antes". Neste sentido, sinalou que a interrupción de actividades económicas afecta "ao 80 por cento do comercio polo miúdo" e "a todas as actividades hoteleiras e hostaleiras", o que provocou a "retardación xeral" dos sectores industriais relacionados con estes ámbitos.

Nesta liña, advertiu de que "moitas" das empresas afectadas non dispoñen de capacidade "para soportar as obrigacións derivadas do mantemento do emprego" e asumir o pago de taxas, polo que "se verán abocados ao peche". Ademais, a Cámara de Comercio provincial remarcou que a "imposibilidade" de realizar un axuste de persoal con despedimentos obxectivos "agrava esa situación e compromete ou impide a viabilidade de moitos negocios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta