Non son Naturgy, Inditex ou Abanca pero as pequenas empresas tamén axudan

A empresa “Agro Vidal”, vén de doar unha importante cantidade de material de protección contra o covid-19 ao concello. A Policía Local de Verín procedeu á súa repartición entre os colectivos da vila máis expostos ao COVID-19.

Por X.M. Fernández | Verín | 03/04/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Begoña Vidal, xerente da empresa “Agro Vidal” quixo achegar o seu gran de area para contribuír a mellorar a situación que atravesa a cidadanía como consecuencia da crise sanitaria derivada da expansión do coronavirus covid-19. Fíxoo doando, de maneira altruísta, vinte máscaras ffp2 e outras tantas caixas de luvas, un traxe EPI, batas desabotables e varias unidades de produtos desinfectantes.

A Policía Local recollendo o material doado por 'Agro Vidal'. Foto cedida
A Policía Local recollendo o material doado por 'Agro Vidal'. Foto cedida

A Policía Local de Verín fixo entrega do material aos traballadores e traballadoras do Hospital de Verín, aos do Asilo Santa María Nai e aos responsables de Cáritas, encargados de repartir alimentos entre os colectivos máis desfavorecidos. 

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quixo agradecer a todas as empresas que están a realizar donacións na vila o seu gran compromiso social. “É gratificante ver como nestes momentos tan críticos brotan este tipo de iniciativas totalmente altruístas entre os nosos veciños e veciñas, accións que sen dúbida axudarannos a superar canto antes esta crise”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta