GC Aberto

Pandemia e tributación municipal

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2020

Comparte esta noticia

A declaración do estado de alarma pola Covid-19 alterou as nosas vidas. Dificilmente recuperaremos todo o que o virus nos arrebatou. As diversas medidas para conter o contaxio (confinamento e restrición de movementos, suspensión da oferta educativa, cese ou diminución da actividade económica), así como outras tan perturbadoras como a dos que non puideron darlle un bico de despedida aos que xa non están, evidencian a magnitude da pandemia.

Unha oficina da Axencia Tributaria
Unha oficina da Axencia Tributaria | Fonte: Ministerio de Hacienda

Previsiblemente, os efectos económicos do impacto do «coronavirus» serán máis devastadores que os da crise de 2008, polo que é necesario minimizar as consecuencias que as entidades locais padecerán tanto no seu propio tecido produtivo como nos seus habitantes.

A crónica insuficiencia financeira dos concellos galegos é unha realidade ben coñecida. Porén, durante esta crise, acadaranse remanentes de crédito polas actividades en curso que se tiveron que aprazar ou cancelar (cultura, deportes, obradoiros e outras programacións de pago), e por axudas e subvencións non outorgadas ás diferentes entidades da sociedade civil, para eventos que xa non van realizar (festexos populares, competicións deportivas, procesións de Semana Santa, etc.).

Tamén se disporá dos saldos de aplicacións orzamentarias de gastos correntes, que se consideren non prioritarios, e dos créditos daqueles investimentos que aínda non se licitaron ou que se decida pospoñer. Ademais, e no caso de que se teña previsto (capítulo 5 do estado de gastos do orzamento), poderá utilizarse o fondo de continxencia, constituído precisamente para facer fronte a situacións excepcionais.

Pois ben, con esas economías de gasto, xunto co fondo de continxencia e o superávit do remanente de tesourería que cada concello foi capaz de aprobar, disponse de recursos para axudar aos sectores produtivos e economías domésticas de cada localidade, aplicando políticas tributarias que incidan fundamentalmente no principio de capacidade de pago dos contribuíntes.

Entre outras medidas atópanse a de non cursar notificacións para o cobro en vía executiva de tributos, suspender embargos e a execución de garantías. Cancelar procedementos de liquidación e cobro de determinadas taxas e prezos públicos. Ampliar os prazos de recadación do Imposto sobre bens inmobles (IBI), do Imposto sobre actividades Económicas (IAE) e do Imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM). E, para o caso dos impostos potestativos, interromper o prazo para presentar declaracións no caso do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (IVTNU, coñecido como plusvalías), e pospoñendo a preceptiva liquidación que debe practicar a administración municipal no Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

Todo, porque ante esta situación de emerxencia de saúde pública extrema é momento de modificar o calendario fiscal e reducir o impacto tributario. Porque se debe contribuír, máis que nunca, de acordo coa capacidade económica. Porque, aínda que os concellos galegos se moven en termos de presión fiscal por debaixo da media española, debe actuarse relaxando a imposición. Porque son medidas especiais para situacións extraordinarias. Porque non afectan ao cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, á regra de gasto nin ao límite da débeda, e tampouco ao período medio de pago a provedores. E porque, tal vez, nestas circunstancias, o cumprimento da sustentabilidade financeira sexa o de menos.

DOMINGO GUERRA. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E cando a pandemia remita (se é que remite) e a Unión Europea siga empecinada no "sálvese quen poda" e teñamos un 25% de paro e unha prima de risgo disparada, e a débeda española sexa o bono basura da Historia da Pandemia... Será o momento no que os bancos aplicarán a liquidación dos haberes e todos os aforros superiores a 100.000 euros desaparecerán da noite á mañán dándolle a un botón ! Seica se lle chama "apunte bancario" !!! Nese escenario cales serán as "previsións dos gobernos" (?) Coller os cartos e sair correndo cara aos seus Paraísos Fiscais (?) Xa teñen asesores dabondo e senon volverán aplicar Estados de Alarma sucesivos ata que o corpo aguante !!!