Argallando na corentena: webs que poden axudar a facer pequenos arranxos estes días na casa

A fin de semana é cando queremos arranxar o que non puidemos facer durante os cinco días laborais. E aínda así, os arranxos poden ir quedando ata que xa pasou un tempo máis que recomendable. Por iso agora é o momento de poñernos coas ferramentas que teñamos a man, usar as habilidades que teñamos e deixar todo en bo estado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/04/2020 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A mesa que coxea, as cadeiras que poderían estar mellor cunha man de berniz ou de pintura, liberar espazo no salón quitando o que non fai falla, se se pode, botar unha man de pintura alí onde fai falla e así moitas máis tarefas que poderiamos realizar durante estes días dentro dos nosos fogares.

Un grupo de makers nun makerspace
Un grupo de makers nun makerspace | Fonte: wikipedia

É a hora dos argalleiros, dos apañados, dos “makers” caseiros para ter solucionado todo canto se foi deixando para despois. Así, falamos con Marcos Saavedra, maker e argalleiro que nos aconsellou algunhas ideas para termos o noso fogar en condicións e que nos resulte máis confortable.

COMO PODE SER?

“Cando menos cousas tes e as posibilidades son limitadas, é cando xorden as ideas máis imaxinativas con eses poucos obxectos que tes cerca” di Marcos Saavedra. “Existen tutoriais en Internet que poden axudar moito para darnos unha idea de que facer, desde como ter entretidos os nenos facendo cousas ata como resolver cousas sinxelas” di Marcos. “Non falo de tema maker, mais pode ir derivando cara aí”.

Buscar cousas que melloren o contexto onde vives, a túa casa, é algo esencial cando pasas moitas horas na túca casa. Ter todo no seu sitio para que resulte agradable estar dentro do teu fogar é unha das mellores premisas para que cada lugar da casa resulte cómodo. Para iso pódese facer desde un cambio nas mantas, fundas dos coxíns ou tirar un sofá vello que xa non serve para nada e poñer no seu canto uns estantes que ao mellor estaban facendo moita falta.

“Os meus pais aproveitarán para pintar a casa durante estes días, iso tamén é tema maker ou argalleiro” di Marcos que ademais insiste en que as persoas “deberían buscar algo que realmente lles guste facer”. Aínda que temos o socorrido Youtube, tamén podemos navegar pola rede e darmos con webs especializadas que nos poden botar unha man.

FAINO TI

A filosofía Do It Yoursel (faino ti, ou faino ti mesmo ou mesma) vai parella moitas veces á reciclaxe de obxectos que ao mellor, xa non lles damos tanta utilidade. Por iso en webs como www.instructables.com poden aprenderche a facer un dispensador de xel hixienizante, cousa moi útil estes días. Non te preocupes, seguro que tes un bote de cristal que ías reciclar, e algunha peza máis doutros obxectos que xa non usas. As instruccións están en inglés, mais ten vídeo tutorial que é moi doado de seguir.

Outra cousa máis desta web www.instructables.com é como facer un cinto a partir de cubertas de bicicleta. Puidera parecer difícil cando menos. Pois aquí tedes o enlace para quen queira iniciarse no deseño caseiro de complementos. Este é o momento perfecto para botarlle imaxinación ao roupeiro.

En www.hacedores.com, damos con ideas algo máis elaboradas e con todo poden darche solucións se queres aproveitar material que ías reciclar. Se es unha persoa con afección pola electrónica, unha das propostas desta web é a creación de circuítos electrónicos usando anacos de cartón, prendedores e minibaterías de lámpadas moi pequenas.

Con www.schrat.mid.edu temos o espazo ideal para que nos poñamos a argallar cos pequenos da casa. Hai un milleiro de ideas para facer creacións co obxectivo de entreter, educar, animar aos pequenos a facer cousas por eles mesmos e tamén desenvolver a súa imaxinación. Totalmente recomendable.


Aquí van dúas páxinas máis que xa ofrecen temas para xente con moita experiencia, mais non por iso deixan de ser bos lugares web para buscar solucións case profesionais.

En www.arduino.cc tes unha tenda online para argalleiros ou makers ademais de ser unha plataforma para in aprendendo. Aquí veredes como se poden crear táboas electrónicas, circuítos e moitos elementos electrónicos. Por outra banda, esta páxina tamén está pensada para un público máis especializado onde terá acceso a novas modalidades de desenvolvemento tanto para o fogar, programas educativos e capacidade profesional.

Outra web para persoas con certa experiencia, aínda que tamén ten espazo para os máis pequenos, é www.adafruit.com. Aquí poderemos ver e mercar produtos para desenvolver ideas máis avanzadas. En caso de querer ter unha casa domótica ou intelixente, quizais este é un dos lugares onde podas encontrar aqueles elementos que che permitirán cumprir o teu desexo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta