Datos para a esperanza: cae o ritmo de contaxios en Galicia e "estamos moi preto de alcanzar o pico"

O número de positivos pasa de multiplicarse por 15 na primeira semana a case duplicarse na actual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2020 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

O aumento exponencial de infectados por coronavirus COVI-19 en Galicia "empézase a retardar" nas últimas 48 horas pasado case un mes desde o primeiro caso detectado no país, o pasado 4 de marzo na Coruña. Ademais, as UCI das áreas sanitarias contan con "bastante marxe".

Un auxiliar de enfermería protexido contra o coronavirus transporta unha padiola desde unha ambulancia para trasladar un enfermo
Un auxiliar de enfermería protexido contra o coronavirus transporta unha padiola desde unha ambulancia para trasladar un enfermo | Fonte: © Miguel Núñez

Así o destaca o doutor Antón Acevedo, especialista de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), quen lembrou que Galicia foi a "penúltima" comunidade autónoma española á que chegou a pandemia, cun primeiro caso detectado na área coruñesa o 4 de marzo correspondente a un home que viaxara desde Madrid á cidade herculina a unha entrevista de traballo.

Respecto diso, o doutor Acevedo incidiu en que o primeiro caso positivo en Galicia "foi importado" e ata "uns poucos días despois" non se detectou transmisión comunitaria, o que, asegurou, "permitiu preparse mellor" para facer fronte á pandemia "dunha forma máis adecuada".

Preguntado pola evolución do número de infectados neste primeiro mes de crise sanitaria en Galicia, explicou que inicialmente se comportou de "forma explosiva" ao irse "duplicando os casos cada moi poucos días". No entanto, afirmou que nas "últimas 48 horas" a evolución exponencial "está a empezarse a retardar", pero matizou que se debe esperar "dous ou tres días" para "confirmalo".

DATOS

De feito, segundo os datos desde a semana na que se detectou o primeiro positivo en Galicia —a que concluíu o domingo 8 de marzo—, o número de casos pasou de multiplicarse por 15 —entre o 8 e 15 de marzo— a case duplicarse —entre o 29 do mes pasado e este venres 3 de abril— ao transcorrer un mes do primeiro detectado.

Evolución de casos de coronavirus en Galicia a 3 de abril de 2020
Evolución de casos de coronavirus en Galicia a 3 de abril de 2020 | Fonte: Europa Press

En concreto, ao termo da primeira semana con casos positivos en Galicia —a que concluíu o 8 de marzo—, había 13 positivos e, ao concluír a seguinte esta cifra ascendeu o 15 de marzo —co inicio do confinamento polo estado de alarma decretado ese fin de semana— a 189 infectados, o que supuxo multiplicar por 15 os de sete días antes.

Nesa semana entre o 8 e 15 de marzo, os ingresados en UCI pasaron de ningún a oito e rexistráronse os dous primeiros falecidos con coronavirus en Galicia, o primeiro o 14 de marzo.

Unha semana despois, o domingo 22 de marzo, os casos de infectados case se quintuplicaron, dos 189 do día 15 a 885 rexistrados por Sanidade sete xornadas despois. Pola súa banda, os pacientes en UCI cuadriplicáronse, de 8 a 33, así como as altas, que pasaron de catro a 16.

Pola súa banda, a cifra de falecidos nesa semana multiplicouse por sete, de dous a 14, o que supuxo 12 máis en sete días, segundo os rexistros da Consellería.

Unha semana despois, o domingo 29 de marzo os casos de infectados triplicáronse, dos 885 a 2.925 en sete días, o que supón 2.040 máis, así como os ingresados en UCI, que pasaron de 33 a 122, o que implica 89 máis que sete días antes.

Tamén entre o 22 e 29 de marzo triplicáronse os pacientes en seguimento en domicilio, de 625 a 2.096, o que supuxo 1.471 máis, mentres que as altas multiplicáronse por nove, das 16 a 153. Os falecementos nese período cuadriplicáronse, de 14 a 61.

E entre o domingo 29 de marzo e este venres, 3 de abril, pasado case un mes, os casos case se duplicaron —ao mutiplicarse por 1,58— neses días, dos 2.925 a 4.625, o que supuxo 1.710 infectados máis.

Tamén o incremento de pacientes en UCI foi menor, de 122 a 176, o que leva 54 máis; e o de pacientes en seguimento en domicilio —que case se duplica— de 2.096 a 3.589, con 1.493 máis.

Pola súa banda, neste período, as altas hospitalarias en Galicia pasaron de 153 a 435, o que supón duplicarse, con 282 máis. En canto á cifra de falecidos, incrementouse dos 61 o domingo pasado a 149 ata o mediodía deste venres, o que implica o dobre, con 88 mortos con este virus máis.

FALECIDOS

Por áreas sanitarias, A Coruña concentra máis do 29% dos falecidos con COVID-19 —con 44 mortos ata o mediodía deste venres—; seguida de Vigo, con 31; Ourense, con 23; Santiago, con 20; Lugo, con 12; Ferrol, con 10; e Pontevedra, con nove. As áreas coruñesa e viguesa coas que suman a maioría de infectados en Galicia ata este venres —954 e 1.018, respectivamente—.

Destes 149 falecidos, 111 foron homes (74,5%) e 38, mulleres (25,5%). En canto á idade, un era menor de 40 anos; seis maiores de 50; oito tiñan 60 ou máis anos; 41 superaban os 70 anos; 68 eran maiores de 80 e 24 tiñan 90 anos ou máis.

PERFIL

Respecto diso, o doutor Acevedo explicou que o perfil dos infectados en Galicia é "moi similar" ao de resto de comunidades, xa que se trata dun virus "moi ligado a comorbilidades" e que afecta máis os homes que a mulleres.

Ademais, incidiu en que afecta "maiormente a persoas de idade avanzada", de "máis de 65 anos a maioría", aínda que "hai casos de mozos graves", matizou. Tamén en relación aos falecidos, apuntou a "fenda xeracional", xa que se trata de "xente de máis de 70 e 80 anos".

CAPACIDADE NAS UCI

Sobre a situación nas UCI en Galicia, o doutor Acevedo comentou que "aínda hai marxe para novos ingresos sen ter que tomar medidas máis extraordinarias".

Deste xeito, manifestou que ata a data, como no caso do Chuac, ampliouse o número de camas UCI coas doutras unidades. "Temos capacidade para máis", afirmou, para concluír que "hai bastante marxe" para atender pacientes.

En canto a este tipo de recursos, fontes da área de Pontevedra e O Salnés apuntaron que "en caso necesario e extremo" non descarta a posibilidade de "utilizar outros dispositivos de atención médica" nesta zona, onde se "está en posición de dispor de ata 50 postos de coidados críticos en distintos especios, como unindades de reanimación, unidade de coronarias e quirófanos".

En relación ás altas hospitalarias rexistradas, que se duplicaron na última semana, o doutor Acevedo explicou que os pacientes hospitalizados en planta tardan entre "sete e dez días" en abandonar o centro. No caso dos tratados en UCI destacou que adoita permanecer "máis de 20 días".

EVOLUCIÓN

Para o doutor Acevedo coas medidas de confinamento implementadas téndese "cara á fase de estabilización en próximos días". Así, considerou que "a semana que vén deberíase notar no número de novos infectados" e "a seguinte empezará a baixar", apostilou.

Preguntado polo pico, explicou que a "taxa de replicación do virus se reduciu de forma bastante drástica" de 2,5 contaxios por persoa infectada a "1,1-1,2". "Se non chegou estamos moi preto de alcanzalo", subliñou, para matizar que iso será cando esa cociente se sitúe por baixo dun. "Estamos moi preto dese un e en non moito tempo para poder baixar", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Loisc

Antón Acevedo, militante do PP, ex-xerente do hospital de Monforte, ex- directivo en varios hospitais de Galicia, agora ministro propaganda do PP...

1 Gamela

DomusVi fará como Autopístas do Atlántico e reclamará o lucro cesante pola incautación das Residencias Integradas polo Sergas? Agora a Administración farase cargo das fechorías da empresa, e seguirán ingresando as pensións dos usuarios (mesmo dos que morreron) ¿cobraránlle o mes enteiro ou faránlle unha quita por días? Vivimos nun mundo demasiado cínico como para tomar en serio estas cifras e calesquera outras que nos queiran contar !!!