Detida unha parella por incumprir o confinamento e o seu amigo por tentar axudalos a fuxir cun ladrillo

Os feitos producíronse en Vimianzo a cuxo cuartel acudiu cun ladrillo o terceiro detido, de 19 anos

Por Europa Press / Redacción | | 03/04/2020 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Vimianzo detivo a tres veciños deste municipio coruñés, de 25, 24 e 19 anos, polo "incumprimento reiterado" do confinamento decretado polo estado de alarma, segundo informa. O máis novo foi detido tras acudir ao cuartel da Garda Civil cun ladrillo coa pretensión de axudar a fuxir á parella, segundo informa a Benemérita.

Garda Civil
Garda Civil

A detención da parella sentimental produciuse cando unha patrulla se atopaba realizando un control preventivo á entrada da autovía AG-55. Unha vez controlado o vehículo no que viaxaban sen causa xustificada para facelo, os axentes comprobaron que o incumprimento por parte da parella era "reiterado", sendo proposto o home para sanción administrativa en cinco ocasións na última semana por diferentes unidades.

A iso, sumouse a actitude do detido, mostrando "total desdén e indiferenza" polas indicacións dos axentes "e pola obrigación de permanecer nas vivendas". "Chegando a manifestar en varias ocasións que estaba 'a dar un paseo'". Por estes feitos, produciuse a detención.

Posteriormente, cando a patrulla se atopaba nas dependencias do posto, produciuse a terceira detención. Un amigo dos detidos, que xa incumprira varias veces a obriga establecida, presentouse no cuartel da Garda Civil cun ladrillo na man facendo o xesto de que ía utilizalo para romper a fiestra do acuartelamento para tentar axudar aos seus amigos a fuxir.

Ao ser sorprendido polos axentes antes de lanzar o ladrillo, emprendeu a fuxida a pé sendo detido pouco despois e trasladado a dependencias da Garda Civil, onde se instruíron dilixencias por un delito de desobediencia grave. Tras prestar declaración, os tres foron postos en liberdade á espera de ser citados pola autoridade xudicial.

No mesmo día, a Garda Civil de Vimianzo levantou acta administrativa nun bar-estanco da localidade de Zas por servir bebidas aos clientes no establecemento, incumprindo tamén o estado de alarma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta