A Xunta mobiliza ás coidadoras de Educación para realizar “tarefas esenciais” en residencias privadas

“Non podemos deixar que o medo nos venza, porque entón teremos a batalla perdida”, di a conselleira de Educación nunha misiva enviada a este colectivo que pasará a depender da consellería de Política Social.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/04/2020 | Actualizada ás 21:38

Comparte esta noticia

A conselleira de Educación, Carmen Pormar, remitiu este venres un escrito ao colectivo de coidadoras dependentes do seu departamento para que se incorporen a realizar “tarefas esencias” para a Consellería de Política Territorial, especialmente, tras atoparse moitas residencias da terceira idade privadas desbordadas e sen persoal que as atenda.

Residencia de Anciáns DomusVI Aldán, en Cangos, onde hai varios falecidos por coronavirus entre os maiores
Residencia de Anciáns DomusVI Aldán, en Cangos, onde hai varios falecidos por coronavirus entre os maiores | Fonte: Miguel Núñez

“Mentres a maior parte do país permanece pechado nas súas casas para axudar a non propagar o COVID-19, que puxo pata riba o noso mundo hai unhas semanas, outros temos a obriga de seguir acudindo aos nosos lugares de traballo, para cumprir tarefas esenciais”, suliña neste escrito ao que tivo acceso Galicia Confidencial.

Por iso, diríxese ao colectivo de coidadoras para “reforzar” o persoal da Consellería de Política Social que, “debido ás necesidades derivadas desta situación de alarma, precisan todas as mans dispoñibles”. “Sei que vos estamos a pedir un gran esforzo. Son consciente de que vos estamos a reclamar que vos convertades, vós tamén, en heroes, como o son o persoal sanitario, as persoas que traballan en supermercados e tendas de alimentación, o persoal de limpeza ou os que atenden aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais que viven en residencias”, recolle na misiva.

Pomar insta a este colectivo a acudir á súa chamada porque non se pode “deixar que o medo nos venza, porque entón teremos a batalla perdida”. “A vosa experiencia, a vosa profesionalidade é necesaria, agora máis que nunca”, engade.

Desde a Consellería de Educación confirman a GC que a Xunta pode pedirlle a este persoal que realice estes servizos de acordo co determinado pola CECOP e publicado no DOG de martes 31 de marzo. “Trátase de persoal específico (coidadores), que poden prestar un servizo na Consellería de Política Social, en función dos requerimentos desta. Cómpre lembrar que estes dous grupos non teñen posibilidade de teletraballar”, aseguran desde este departamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta