O alcalde do Carballiño nega ter repartido máscaras "baseándose en amiguismos"

O Goberno municipal reparte material de protección entre "os maiores de 80 anos nas aldeas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2020 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, negou este mércores as acusacións de Espazo Común que fan referencia a unha "repartición de máscaras por parte do Goberno municipal baseado no amiguismo e o interese político". "É unha calumnia absoluta", sinalou o rexedor.

Luvas e máscaras sanitarias
Luvas e máscaras sanitarias

Espazo Común, a formación impulsada polo que fose secretario do PSdeG-PSOE Pachi Vázquez, reprochou mediante un comunicado "a actuación" do tenente de alcalde, Manuel Dacal, ao que culpan de "repartir no seu coche particular, de maneira caprichosa e sen cumprir con ningún criterio sanitario, un gran número de máscaras".

Con todo, o alcalde do Carballiño insistiu en que o material de protección se entrega aos "axentes da Policía, membros de Protección Civil, traballadores do Concello e persoal do Servizo de Asistencia no Fogar".

A maiores, este mércores "os concelleiros comezaron a repartir un lote de 200 máscaras entre as persoas maiores de 80 anos das aldeas da vila que non dispoñen de medios para recollelas no Concello", puntualizou Francisco Fumega.

"Repartimos as parroquias entre os edís para poder chegar a todas e cada un leva unha listaxe co nome dos habitantes, ordenado en base a criterios de idade", engadiu.

COMPRA DE MÁSCARAS

Ademais, desde a formación Espazo Común esixiron ao Concello do Carballiño "a compra de 30.000 máscaras para repartir entre toda a poboación" como unha forma de "tomar medidas reais" fronte á crise do coronavirus.

A este respecto, o alcalde do Carballiño insistiu en que "desde o Concello se segue xestionando a compra de material de protección", aínda que insiste no "prezo desorbitado e a carencia delas no mercado".

"Compraranse con racionalidade todas as que sexan necesarias e procederase a unha repartición máis xeneralizada cando se dispoña de máis unidades", expresou Francisco Fumega.

Polo momento "o material de protección conséguese en lotes pequenos" e están pendentes dunha entrega de aproximadamente 500 unidades prevista para o vindeiro luns.

Ademais, desde o Concello do Carballiño manifestaron que "polo momento se descoñece" o número de unidades que recibirán por parte da Xunta e do Goberno central, ademais de doazóns de particulares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta